Xirafa: Xénero de mamíferos

A xirafa (Giraffa) é un xénero de mamífero artiodáctilo propio de África, o animal terrestre vivo máis alto e o maior ruminante.

O xénero comprende varias especies, incluíndo a Giraffa camelopardalis que é a especie tipo. Sete destas especies están extintas. O xénero considerábase unha soa especie con numerosas subespecies, pero tras investigacións do seu ADN pasou a facerse unha clasificación de catro especies dentro do xénero Giraffa: Giraffa giraffa (xirafa do sur), Giraffa tippelskirchi (xirafa masai), Giraffa reticulata (xirafa reticulada) e Giraffa camelopardalis (xirafa do norte). As características principais deste xénero son o seu longo pescozo e patas, dúas protuberancias na cabeza e as marcas distintivas na pelaxe, e cada unha das catro especies distínguese segundo os padróns destas marcas ademais de pola súa xenética. O xénero clasifícase dentro da familia Giraffidae xunto ao seu parente máis próximo, o ocapi.

Xirafa
Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía
Giraffa tippelskirchi en Tanzania
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Giraffidae
Xénero: Giraffa
Brünnich, 1771
Especie tipo
Giraffa camelopardalis
(Linnaeus, 1758)
Mapa de distribución da xirafa dividido por especie e subespecie.
Mapa de distribución da xirafa dividido por especie e subespecie.

Mapa de distribución da xirafa dividido por especie e subespecie.
Especies

A área de distribución da xirafa esténdese dende o Chad ao norte ata Suráfrica no sur, e desde o Níxer no oeste ata Somalia no leste, e comprende hábitats de sabanas, sabanas arboradas e bosques abertos. A súa fonte primaria de comida son as follas de acacia, árbores que crecen ata alturas ás que a maioría dos outros herbívoros non poden chegar. O principal predador da xirafa é o león, aínda que as crías son tamén cazadas por leopardos, hienas e licaóns. Os espécimes adultos non posúen lazos sociais fortes, malia que poden asociarse en conxuntos dispersos cando se atopan mentres se desprazan nunha mesma dirección. Os machos establecen unha xerarquía social pelexándose entre eles usando o pescozo como arma, na que os machos dominantes son os que teñen acceso ás femias, que son as que se encargan de coidar das crías.

A xirafa foi un animal destacado para varias culturas antigas e modernas pola súa particular aparencia, e é habitual a súa aparición en pinturas, libros e debuxos. Está clasificada pola IUCN como vulnerable, xa que a súa área de distribución orixinal se foi reducindo considerablemente dende os primeiros estudos da especie, e algunhas das subespecies foron clasificadas pola IUCN como ameazadas en perigo de extinción. Segundo a IUCN o número de individuos desta especie reducíuse entre un 36% e un 40% dende o ano 1985 ata chegar a uns 95 700 individuos vivos en liberdade na natureza no ano 2015.

Etimoloxía

O nome común «xirafa» provén do árabe الزرافة que ten sido traducido como «camiñante rápido», e que probablemente derivou do nome somalí geri. A forma italiana giraffa ten a súa orixe ao redor do 1590, e despois entrou noutros idiomas.

O epíteto de especie do seu nome científico (camelopardalis) fai referencia a que ten unha forma semellante aos camelos e as cores da súa pelaxe semellan ás dos leopardos. Procede do grego καμηλοπάρδαλη kamēlopárdalē, que pasou ao latín como camelopardalis, que significa «camelo leopardo».

Kameelperd é o nome da especie en afrikaans. Outros nomes en linguas africanas para a xirafa inclúen ekorii (teso), kanyiet (elgon), nduida (gikuyu), tiga (kalenjin e luo), ndwiya (kamba), nudululu (kihehe), ntegha (kinyaturu), ondere (lugbara), etiika (luhya), kuri (ma'di), oloodo-kirragata ou olchangito-oodo (masai), lenywa (meru), hori (pare), lment (samburu) e twiga (suahili e outros) no leste; e tutwa (lozi), nthutlwa (tsonga), indlulamitsi (suazi), thutlwa (tswana), thuda (venda) e ndlulamithi (zulú) no sur.

Taxonomía e evolución

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Reconstrución da especie Samotherium

A xirafa pertence a suborde Ruminantia. Moitas das especies desta suborde descríbense coma orixinadas no período Eoceno en Asia Central, o suroeste de Asia e máis en Norteamérica, período no que as condicións ecolóxicas puideron facilitar a súa rápida dispersión. A xirafa é unha das dúas únicas especies vivas da familia Giraffidae xunto ao ocapi. Esta familia foi moito máis extensa, tendo uns 10 fósiles descritos. Os seus familiares máis próximos son os extintos Climacoceratidae, que xunto á familia Antilocapridae (á que pertence o Antilocapra americana) pertencen á superfamilia Giraffoidea. Estes animais puideron evolucionar da familia extinta Palaeomerycidae, que tamén se atribúe coma antepasado dos Cérvidos.

Mentres que algunhas das especies extintas de Giraffidae tiñan corpos de gran tamaño, outras tiñan un corpo máis alongado. Un antepasado da xirafa era o Canthumeryx, con varias datacións que van dende fai 25 a 20 millóns de anos, 17 a 15 millóns de anos ou 18 a 14 millóns de anos, e do que se teñen atopado depósitos fósiles en Libia. Este animal era de tamaño medio, esvelto e con forma de antílope. Outro antepasado, o Giraffokeryx, apareceu fai 15 millóns de anos no subcontinente Indio e semellaba un ocapi ou xirafa pequena que tiña un pescozo máis alongado e dúas protuberancias na cabeza compostas de cartilaxe. O Palaeotragus, que data de fai 14 millóns de anos e viviu dende África oriental ata Mongolia, semellábase ao ocapi e atribúese coma antepasado deste. Tiña un cranio máis alongado e amplo e presentaba un dimorfismo sexual. O Samotherium substituíu o Palaeotragus fai entre 10 e 9 millóns de anos, e eran uns animais máis grandes con facianas máis alongadas, cavidades sinusais máis desenvolvidas e un perfil máis semellante ao das xirafas. Viviron en África e en Eurasia. A especie Bohlinia, que data de hai entre 9 e 7 millóns de anos, viviu no sueste de Europa e probablemente descendeu do Samotherium, e considérase un antepasado directo da xirafa. A especie Bohlinia asemellábase con claridade ás xirafas modernas, cun longo pescozo e longas patas, e con protuberancias na cabeza e dentadura semellantes.

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Fósil de Giraffa jumae no Natural History Museum de Londres.

A especie Bohlinia introduciuse na China e o norte da India debido ao cambio climático. Dende alí, evolucionou o xénero Giraffa e hai uns 7 millóns de anos entrou a África. Os seguintes cambios climáticos causaron a extinción das especies asiáticas, mentres que as africanas sobreviviron e deron lugar a novas especies. G. camelopardalis apareceu hai aproximadamente 1 millón de anos en África oriental durante o período Plistoceno. Algúns biólogos suxiren que a xirafa moderna descende da especie Giraffa jumae, mentres que outros sinalan a Giraffa gracilis como candidata máis plausible. G. jumae era máis grande e tiña unha constitución máis pesada mentres que G. gracilis era máis pequena e tiña unha constitución máis lixeira. O principal factor que guiou a evolución das xirafas pénsase que foi o cambio dende vivir en bosques extensos a outros hábitats máis abertos ocorrido hai uns 8 millóns de anos. Algúns investigadores sosteñen a hipótese de que este novo hábitat, xunto cun cambio de dieta que pasou a incluír as especies de acacias, puido ter exposto aos antepasados das xirafas a toxinas que causaron un ritmo de mutación máis rápido e unha taxa de evolución máis alta. Os padróns da pelaxe das xirafas modernas poden atribuírse tamén a estes cambios de hábitat, e existe a hipótese de que as xirafas asiáticas tiñan unha coloración máis semellante á dos ocapi.

A xirafa foi unha das especies descritas por primeira vez por Carl Linnaeus en 1758, ás que deu o nome binomial de Cervus camelopardalis. Posteriormente, Morten Thrane Brünnich clasificouna no xénero Giraffa en 1772. A comezos do século XIX, Jean-Baptiste Lamarck teorizou que o longo pescozo das xirafas era unha «característica adquirida», desenvolvida ao longo de xeracións polas xirafas que tentaban acadar as follas de árbores altos. Esta teoría foi rexeitada finalmente, e os científicos sosteñen que o pescozo das xirafas desenvolveuse por medio da selección natural, indicando que as xirafas que tiñan pescozos longos posuían unha vantaxe competitiva que lles axudaba a reproducirse e pasar o seu material xenético ás seguintes xeracións.

Especies e Subespecies

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Rangos aproximados de distribución xeográfica, padróns de manchas e relacións filoxenéticas entre subespecies baseándose en secuencias de ADN mitocondrial.

Un estudo de 2007 da xenética de seis das subespecies (a Xirafa de África occidental, a Xirafa de Rothschild's, a Xirafa reticulada, a Xirafa masai, a Xirafa angolana e a Xirafa surafricana) suxeriu que todas elas podían ser de feito especies distintas. Os resultados do estudo das diferenzas nos ADN nuclear e mitocondrial (ADNmt) indicou que as xirafas destas poboacións reprodúcense de forma illada e só moi raramente o fan entre elas, malia non existir ningún obstáculo natural que bloquee o acceso mutuo. Isto inclúe as poboacións adxacentes das xirafas de Rothschild, reticuladas, e as masai.

As xirafas reticuladas e as masai presentaron a maior diversidade no ADN mitocondrial, o cal está en concordancia coa idea de que as xirafas se orixinaron en África oriental. As poboacións de máis ao norte aseméllanse máis á reticulada, mentres que as máis próximas ao sur teñen máis relación coas masai. As xirafas semellan escoller parellas que compartan o mesmo tipo de pelaxe. As implicacións destes descubrimentos para a conservación das xirafas foron resumidas polo autor principal do estudo David Brown, quen nunha entrevista con BBC News afirmou: «Agrupar a tódalas xirafas nunha soa especie escurece a realidade de que algúns tipos de xirafas están a punto de desaparecer. Algunhas das poboacións só teñen uns poucos centos de individuos e precisan protección inmediata».

Un estudo de 2016 confirmou que as xirafas teñen múltiples especies. Esta investigación apoia a existencia de catro especies diferenciadas, que non intercambiaron información xenética entre elas durante un período de entre un e dous millóns de anos. Estas catro especies son Giraffa camelopardalis (xirafa do norte), Giraffa giraffa (xirafa do sur), Giraffa reticulata (xirafa reticulada) e Giraffa tippelskirchi (xirafa masai). Tanto as do norte coma as do sur inclúen dúas e tres subespecies distintas respectivamente: G. g. angolensis (xirafa angolana) e G. g. giraffa (xirafa de Suráfrica) para a do sur, e G. c. antiquorum (xirafa de Kordofán), G. c. camelopardalis (xirafa de Nubia) e G. c. peralta (xirafa de África occidental) para a do norte.

En total hai catro especies e cinco subespecies de xirafa recoñecidas. Os datos de poboación indicados son unha estimación a data de 2016. Inclúense tamén dúas antigas subespecies (xirafa de Rothschild e xirafa de Rodesia). No 2016 había en total uns 97 562 individuos de Giraffa .

Especies e subespecies
Especie Subespecie Descrición Imaxe
G. camelopardalis
Xirafa do norte
G. c. antiquorum
Xirafa de Kordofan
Distribúese polo sur do Chad, a República Centroafricana, o norte do Camerún, e o nordeste da R.D. do Congo. As poboacións do Camerún incluíanse previamente de forma incorrecta na subespecie G. c. peralta. En comparación coa Xirafa de Nubia esta subespecie ten uns padróns de manchas máis pequenas e máis irregulares, que chegan ata baixo os xarretes e ao interior das patas. Os machos presentan unha xiba de tamaño medio. Estímase que existen un máximo de 3000 exemplares salvaxes. Existiu unha confusión considerable sobre o estado desta subespecie e da G. c. peralta nos zoolóxicos. En 2007, tódolos espécimes que ata entón se atribuían á subespecie G. c. peralta nos zoolóxicos de Europa resultaron ser da subespecie G. c. antiquorum. Tras esta corrección, os cálculos indicaron que quedan uns 65 individuos nos zoos de todo o mundo. A subespecie anteriormente recoñecida coma G. c. congoesis considérase parte desta subespecie. Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. c. camelopardalis
Xirafa de Nubia
A especie nominativa atópase no leste do Sudán do Sur e o suroeste de Etiopía. Posúe uns puntos ben definidos de cor castaña arrodeados de liñas brancas na súa maioría, pero carece dos mencionados puntos na parte inferior do corpo. Ten unha xiba máis notable nos machos da especie. Estímase que existen menos de 250 exemplares salvaxes, mais non existe unha certeza do número exacto. Hai poucos exemplares en catividade, aínda que existe un grupo desta subespecie que vive no zoo de Al Ain nos Emiratos Árabes Unidos, que en 2003 estaba formado por 14 membros. Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. c. peralta
Xirafa de África occidental
Xirafa do Níxer
Xirafa de Nixeria
É endémica da rexión suroeste do Níxer. Esta subespecie ten unha pelaxe máis lixeira que o resto, con manchas de ton vermello en forma de lobo que chegan aos pezuños. As protuberancias na cabeza están máis ergueitas que noutras subespecies, e os machos posúen unha xiba desenvolvida de tamaño medio. É a subespecie que está en maior perigo de extinción, con tan só 220 individuos salvaxes. As xirafas existentes no Camerún foron clasificadas nesta subespecie inicialmente, máis determinouse posteriormente que eran da subespecie G. c. antiquorum. Este erro tivo como resultado certa confusión sobre o seu estado nos zoos, mais en 2007 estableceuse que tódalas G. c. peralta que se mantiñan cativas en zoos europeos eran en realidade individuos da especie G. c. antiquorum. Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. c. rothschildi
Xirafa de Rothschild
Xirafa do Baringo
Xirafa de Uganda
A súa área de distribución esténdese por partes de Uganda e Kenya, e a súa presenza no Sudán do Sur é incerta. Esta xirafa ten unhas grandes manchas escuras que adoitan ter marxes completas e bordos afiados. Estas manchas escuras tamén poden presentar liñas de cor máis pálida no seu interior. Os padróns non adoitan chegar aos xarretes e case nunca chegan aos pezuños. Esta especie tamén pode chegar a desenvolver uns pequenos cornos. Estímase que quedan menos de 700 exemplares salvaxes, e consérvanse máis de 450 en zoolóxicos. Segundo unha análise xenética de setembro de 2016 é coespecífica coa xirafa de Nubia (G. c. camelopardalis). Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. c. reticulata
Xirafa reticulada
Xirafa somalí
Nativa do nordeste de Kenya, sur de Etiopía, e Somalia. O seu padrón distintivo consiste en manchas poligonais de bordos con puntas, de cor marrón vermello, divididos por unha rede de finas liñas brancas. As manchas poden estenderse nalgúns espécimes por baixo do xarrete, e os machos presentan unha xiba de tamaño medio. Estímase que existen un máximo de 5 000 espécimes salvaxes, e baseándose nos rexistros da International Species Information System hai máis de 450 exemplares mantidos en zoolóxicos de todo o mundo Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. giraffa
Xirafa do sur
G. c. angolensis
Xirafa angolana
Xirafa de Namibia
Atópase no norte de Namibia, o suroeste de Zambia, Botswana, e o oeste de Cimbabue. Un estudo xenético de 2009 desta subespecie suxeriu que as poboacións do norte do Deserto de Namibia e do Parque Nacional Etosha formaban unha subespecie distinta. Esta subespecie ten grandes manchas marróns na pelaxe con bordos de extensións angulares. O padrón esténdese polas patas pero non na parte superior da faciana, e as manchas do pescozo e dos cuartos traseiros tenden a ser máis pequenas, e teñen unha mancha branca nas orellas. Estímase que quedan un máximo de 20 000 exemplares salvaxes, e uns 20 en zoolóxicos. Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. c. giraffa
Xirafa de Suráfrica
Atópase no norte de Suráfrica, o sur de Botswana, o sur de Zimbabwe, e o suroeste de Mozambique. Ten un padrón de manchas escuras e redondeadas, que se estenden polas patas, facéndose máis pequenas nesa zona. A xiba dos machos é menos prominente que noutras subespecies. Estímase un máximo de 12 000 exemplares salvaxes, e uns 45 mantidos en zoolóxicos. Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. tippelskirchi
Xirafa masai
G. c. tippelskirchi
Xirafa masai
Xirafa do Kilimanjaro
Atópase no centro e sur de Kenya e en Tanzania. Posúe un distintivo padrón de manchas irregulares de forma máis ou menos estrelada que lle chegan ata os pezuños, e os machos habitualmente presentan unha xiba de tamaño medio. Estímanse un máximo de 40 000 exemplares salvaxes, manténdose uns 100 cativos en zoolóxicos. Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
G. c. thornicrofti
Xirafa de Rhodesia
Xirafa de Thornicroft
Habita só no val do Río Luangwa no leste de Zambia. O padrón é progresivo con manchas de forma semellante a estelas, que pode chegar nalgúns casos ás patas. A xiba dos machos é menos prominente que noutras subespecies. Non existen máis de 550 exemplares salvaxes, e non hai ningún exemplar en catividade. Segundo a análise xenética de 2016 é sinónima coa xirafa masai (G. tippelskirchi). Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 

Aparencia e anatomía

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Cabeza dunha xirafa no zoo de Melbourne.
Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Esqueleto de xirafa amosado no Museo de Osteoloxía en Oklahoma City.

As xirafas adultas poden chegar a medir entre 5 e 6 metros de altura, sendo os machos máis altos que as femias. O seu peso medio é de 1192 kg para os machos adultos e de 828 kg para as femias adultas, cuns pesos máximos rexistrados de 1930 kg e 1180 kg respectivamente. Malia o seu longo pescozo e longas patas, o corpo da xirafa é relativamente curto. A ámbolos lados da cabeza localízanse os ollos, de tamaño grande e saltóns, que permiten unha boa visión periférica dende a súa altura. As xirafas poden ver en cor e os seus sentidos do oído e olfacto son agudos. Teñen a capacidade de pechar as fosas nasais para protexerse de tormentas de area e das formigas. A lingua prénsil das xirafas mide uns 50 cm de longo, é de cor morada/negra, posiblemente para protexerse de queimaduras solares, e as xirafas utilízana para coller as follas cando se alimentan e para manter limpo o fociño. O beizo superior das xirafas é tamén prénsil e emprégano ao alimentarse. Os beizos, lingua e o interior da súa boca están cubertos de papilas para protexerse das espiñas.

A pelaxe das xirafas presenta unhas marcas escuras (de cores laranxa, acastañada, marrón, ou case negra) separados por outra pelaxe de cor máis clara (habitualmente de cor branca ou crema). Cada individuo posúe un padrón de pelaxe único, que nos machos se torna máis escuro coa idade. Estes padróns serven de camuflaxe, o que lles permite pasar máis desapercibidas nos padróns de luz e sombras das sabanas cando están entre as árbores, especialmente as crías, mentres que os adultos teñen maior capacidade de defenderse dos depredadores aproveitando o seu tamaño e forza. A pel baixo as áreas escuras da pelaxe serve de ventás para regular a temperatura interna, xa que contén complexos sistemas sanguíneos e glándulas sudoríparas.

A pel da xirafa é na súa maioría de cor gris, e o seu grosor permítelles atravesar zonas de arbustos sen sufrir picadas. A pelaxe axúdalles como defensa química ao conter substancias repelentes de parasitos, o que tamén lles dá ás xirafas un cheiro característico. A pelaxe contén ata 11 compostos químicos aromáticos, sendo o indol e o escatol os principais responsables do cheiro. Debido a que os machos posúen un cheiro máis forte que as femias, tamén se lle atribúe unha función de atracción sexual. Ao longo do pescozo presentan unha crina composta de cabelos erectos e curtos. A súa cola dun metro de largo remata nunha mesta mata de pelo que empregan como defensa contra os insectos.

Cranio e protuberancias

Os exemplares de ámbolos dous sexos presentan unhas protuberancias na cabeza prominentes en forma de cornos, chamadas osiconos (en inglés: ossicones), formadas por cartilaxe osificado, cubertas de pel e fusionadas co cranio nos ósos parietais. Posúen vasos sanguíneos, polo que se pensa que teñen un rol na regulación da temperatura corporal das xirafas, e tamén son usadas nos combates entre machos. A aparencia é unha guía fiable para determinar o sexo e idade aproximada das xirafas: os osiconos das femias e das crías son finos e teñen unha petada de pelo ao final, mentres que os dos machos adultos son algo máis grosos e non posúen este pelo. Ademais, as xirafas teñen unha protuberancia na fronte do cranio que é máis prominente nos machos. O cranio das xirafas é lixeiro debido a que presenta múltiples cavidades sinusais, mais o cranio dos machos xera unhas acumulacións de depósitos de calcio que forman vultos coa idade. Este feito axúdalles a ser máis dominantes nos combates con outros machos. A mandíbula superior ten un padal estriado e carece de dentes frontais, e os molares das xirafas presentan unha superficie áspera.

Patas, locomoción e postura

Vídeo de dúas xirafas no Zoo Tobu, en Saitama, Xapón.

As patas frontais e traseiras da xirafa son aproximadamente da mesma lonxitude. O radio e cúbito das patas frontais están articulados por un carpo, que malia ser estruturalmente semellante ao humano realiza a función de nocello. Un ligamento suspensorio permite que as longas patas soporten o gran peso do animal. Os pés das xirafas chegan a ter un diámetro de 30 cm, e o pezuño ten unha altura media de 15 cm nos machos e 10 cm nas femias. A parte traseira dos pezuños é baixa e o esporón queda preto do chan, permitindo un soporte adicional para o seu peso. A pelve das xirafas, aínda sendo relativamente curta, ten un ilio que se estende nos extremos superiores.

As xirafas presentan só dous tipos de andaduras: andar e galopar. Ao andar moven as patas dun lado do corpo ao unísono, pasando despois a mover as do lado contrario. Ao galopar, as patas traseiras móvense ata a posición das dianteiras antes de que estas se movan cara a adiante, e o rabo rizase cara a arriba. Estes animais dependen dos movementos cara a adiante e atrás do seu pescozo e a súa cabeza para manter o equilibrio e momento ao galopar. A xirafa é capaz de acadar unha velocidade máxima en carreira de 60 km/h, e pode manter unha velocidade de 50 km/h durante varios quilómetros.

A xirafa descansa apoiando o seu corpo enriba das patas dobradas. Ao deitarse, o animal baixa os nocellos por diante das patas frontais e despois baixa o resto do corpo. Ao erguerse, apóiase primeiro cos nocellos e estende as patas traseiras primeiro para elevar a parte traseira do corpo. Tras isto estende as patas dianteiras. En cada un destes pasos a xirafa balancea a cabeza. En catividade, a xirafa dorme de forma intermitente unha media de 4,6 horas por día, na súa maioría cando é noite. Adoita durmir deitada, aínda que existen observacións rexistradas de xirafas durmindo ergueitas, particularmente os individuos máis vellos. Son características das xirafas as fases curtas de sono profundo, mentres están deitadas e co pescozo dobrado cara a atrás, apoiando a cabeza no corpo. Cando se inclinan para beber poden tanto estender as patas dianteiras como dobrar os nocellos. As xirafas probablemente non sexan nadadoras competentes xa que as longas patas resultan difíciles de manexar baixo a auga, pero si son capaces de flotar na mesma. Ao nadar, o tórax inclínase por mor das patas dianteiras, dificultando o movemento harmónico de pescozo e patas, e dificultando manter a cabeza por riba da superficie.

Pescozo

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
As xirafas e os ocapi teñen sete vértebras cervicais.

A xirafa posúe un pescozo extremadamente longo que pode chegar a medir dous metros, representando unha gran proporción da altura total do animal. Os longos pescozos resultan dun alongamento desproporcionado das vértebras cervicais e non do aumento no número delas. Cada unha das vértebras cervicais pode chegar a ter uns 28 cm de longo. Compoñen o 52–54% da lonxitude da columna vertebral da xirafa, en contraste co 27–33% típico doutros ungulados semellantes, incluíndo o seu familiar máis próximo, o ocapi. A elongación ten lugar na súa maioría tralo nacemento das crías. A cabeza e o pescozo das xirafas sostéñense por uns grandes músculos e un ligamento nucal, que se fixa a unhas longas apófises espiñosas dorsais das vértebras torácicas anteriores, que forman a xiba

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Un macho de xirafa alimentándose dunha acacia.

As vértebras cervicais da xirafa presentan articulacións en forma de rótulas. En particular, a unión das vértebras C1 e C2 permítenlles inclinar a cabeza verticalmente para chegar a máis ramas de árbores coa lingua. O punto de articulación entre as vértebras cervicais e torácicas das xirafas está desprazado ata un punto medio entre a primeira e segunda vértebras torácicas (T1 e T2), a diferenza doutros ruminantes que teñen esta articulación entre a sétima vértebra cervical (C7) e a primeira torácica (T1). Isto permite que a C7 contribúa directamente a incrementar a lonxitude do pescozo, dando pé a percepción científica de que en realidade as xirafas teñen unha vértebra cervical a maiores, facendo que a T1 semelle en realidade unha C8. Porén, esta proposición non está aceptada pola comunidade científica xeral, xa que a T1 posúe outras características morfolóxicas como unha costela articulada propia das vértebras torácicas, e porque as excepcións ao límite nos mamíferos de sete vértebras cervicais caracterízase xeralmente por un incremento das desordes neurolóxicas e enfermidades.

Existen varias hipóteses con respecto á orixe evolutiva e ao mantemento da elongación do pescozo das xirafas. A hipótese da «competitividade polo pasto» foi proposta orixinalmente por Charles Darwin sen que fose cuestionada ata anos recentes. Esta hipótese suxire que a presión doutros competidores máis pequenos, como o Tragelaphus, o Raphicerus campestris e o impala, facilitou a elongación do pescozo da xirafa, permitíndolle tomar comida á que o resto dos competidores non podía chegar. Esta vantaxe é real, xa que as xirafas poden alimentarse de pólas a unha altura de ata 4,5 m de altura, mentres que os seus competidores só poden chegar ás dunha altura duns 2 m. Tamén existe unha investigación que suxire que a competitividade polo pasto é intensa nos niveis baixos, polo que as xirafas aliméntanse de forma máis eficiente (gañando máis biomasa de follas con cada bocado) nas alturas das copas das árbores. Porén, os científicos non están de acordo sobre canto tempo pasan as xirafas alimentándose nestes niveis altos aos que non chegan o resto de especies competidoras, e un estudo de 2010 determinou que as xirafas adultas con pescozos máis longos tiñan unha taxa de mortalidade máis alta en condicións de seca que as que o tiñan máis curto. Este estudo suxire que manter un pescozo máis longo require máis nutrientes, o que pon en risco ás xirafas de pescozos máis longos en períodos de escaseza de comida.

Outra teoría, a hipótese de selección sexual, propón que os longos pescozos evolucionaron como unha característica sexual secundaria, dando vantaxe aos machos nas loitas de pescozo (inglés: necking) para establecer un dominio e obter acceso ás femias sexualmente receptivas. Esta teoría apóiase no feito de que os pescozos adoitan ser máis longos e pesados nos machos que nas femias da mesma idade, e que as xirafas non teñen outras formas de loita. Porén, unha obxección a teoría é que non explica por que as femias de xirafa tamén posúen pescozos longos. Tamén existe a teoría de que o longo pescozo serve como medio de acadar unha mellor vixilancia dos posibles predadores.

Sistemas internos

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Xirafa inclinándose para beber. Unha rete mirabile prevén o exceso de fluxo sanguíneo no cerebro ao baixar o pescozo.

Nos mamíferos, o nervio larínxeo recorrente esquerdo é máis longo que o dereito, e nas xirafas é duns 30 cm máis longo que o dereito, o que o fai o máis longo de tódolos animais vivos, chegando a medir 2 m de largo. Cada neurona que segue esta vía nerviosa comeza no tronco do encéfalo e percorre o pescozo xunto ao nervio vago, e posteriormente ramifícase no nervio larínxeo recorrente que atravesa de novo o pescozo cara a arriba e chega ata a larinxe. Isto fai que estas células nerviosas das xirafas acaden unha lonxitude de ata 5 m nas xirafas máis grandes. A estrutura do cerebro dunha xirafa aseméllase á do gando doméstico. A forma do esqueleto da xirafa fai que teñan un volume pulmonar relativamente pequeno en comparación coa súa masa corporal. Os longos pescozos provocan que teñan unha gran cantidade de espazo morto, malia ter unha traquea estreita. Estes factores incrementan a resistencia aos fluxos de aire, mais non evitan que o animal poida acadar o osíxeno suficiente para tódolos seus tecidos.

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Fociño dunha xirafa ao beber.

O sistema circulatorio das xirafas ten varias adaptacións á súa grande altura. O seu corazón, que pode chegar a pesar máis de 11 kg e mide ata 60 cm de longo, ten que xerar aproximadamente o dobre da presión arterial que necesita un humano para manter o fluxo de sangre ao cerebro. Debido a isto, as paredes do corazón poden chegar aos 7,5 cm de grosor, e teñen unha frecuencia cardíaca infrecuentemente alta para o seu tamaño de ata 150 pulsacións por minuto. Na parte superior do pescozo posúe unha rete mirabile que impide o exceso de fluxo sanguíneo ao cerebro cando a xirafa baixa a cabeza, e as veas xugulares tamén conteñen varias válvulas (habitualmente sete) para impedir que o sangue volva á cabeza dende a vea cava inferior e a aurícula dereita cando baixan a cabeza. Á inversa disto, os vasos sanguíneos da parte inferior das patas atópanse baixo unha gran presión debido ao peso do fluído que exerce presión cara a abaixo. Para solucionar este problema, a pel desta parte das patas é grosa e firme (funcionando como unhas medias moi apertadas), impedindo que haxa demasiado fluxo circulatorio de sangue por elas.

As xirafas teñen uns músculos no esófago infrecuentemente fortes que lles permiten regurxitar a comida dende o estómago de volta á boca para rumiar. Posúen catro estómagos, e como en tódolos ruminantes o primeiro deles está adaptado á súa dieta específica. Os intestinos dunha xirafa adulta chegan a medir máis de 70 m de lonxitude e teñen unha proporción relativamente baixa de intestino delgado con respecto ao intestino groso. O seu fígado é pequeno e compacto, e teñen unha vesícula biliar presente durante a súa vida fetal que pode desaparecer tralo nacemento.

Comportamento e ecoloxía

Hábitat e alimentación

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Xirafa estendendo a lingua para alimentarse.

As xirafas adoitan habitar en sabanas, pradeiras e zonas de bosque abertas. Prefiren os bosques abertos de acacias, Commiphora, Combretum e Terminalia sobre os ambientes máis densos coma os bosques de Brachystegia, malia que a xirafa angolana tamén se pode atopar en ambientes desérticos. As xirafas collen a comida das pólas das árbores, que son unha importante fonte de calcio e proteínas necesarias para manter o seu ritmo de crecemento. Tamén se alimentan de arbustos, herba e froitas. Unha xirafa adulta inxire ao redor duns 34 kg de follaxe diariamente. Malia seren animais herbívoros, téñense rexistrado casos de xirafas achegándose a cadáveres doutros animais e lambendo carne dos seus ósos.

Durante a estación húmida a comida é abundante e as xirafas afástanse máis unhas das outras, mentres que na estación seca adoitan xuntarse máis ao redor das zonas de bosque verde e arbustos sobreviventes. As nais tenden a alimentarse en zonas abertas, posiblemente para facilitar a detección de predadores, aínda que isto reduza a súa eficiencia alimentaria. Como ruminantes, as xirafas primeiro mastigan a comida e logo trágana para o seu procesado no primeiro estómago, devolvendo o bolo alimenticio de volta á boca polo pescozo para volver mastigalo. É común que as xirafas produzan moita saliva mentres se alimentan, e cando teñen acceso a unha fonte de auga adoitan beber en intervalos de non máis de tres días. Requiren menos cantidade de comida que moitos outros herbívoros debido a que a follaxe da que se alimentan ten máis nutrientes concentrados e a que posúen un sistema dixestivo máis eficiente que outras especies herbívoras. As feces deste animal teñen forma de pequenas boliñas.

As xirafas teñen un efecto notable nas árbores das que se alimentan, atrasando o crecemento das árbores xoves durante varios anos e deixando marcas nas árbores altas. A alimentación adoita darse durante as primeiras e as últimas horas de luz solar. Entre estas horas as xirafas adoitan estar ergueitas e rumiar, e polas noites continúan rumiando deitadas no chan.

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Macho de xirafa montando a unha femia.

Interaccións sociais e hábitos de apareamento

Aínda que as xirafas adoitan atoparse en grupos, a composición destes grupos tende a ser aberta e cambiante. Teñen poucos lazos sociais, e as agrupacións adoitan cambiar de membros cada poucas horas. Para propósitos de investigación, a definición dun «grupo de xirafas» definiuse como «un conxunto de individuos que se atopan a menos dun quilómetro de distancia entre eles e que se moven na mesma dirección xeral». O número de xirafas pertencentes a un grupo pode chegar ata os 32 individuos, sendo os grupos máis estables os compostos por nais e fillos, que poden chegar a durar varias semanas ou meses. A cohesión social nestes grupos mantense polos lazos formados entre as crías. Tamén se teñen rexistrado casos de grupos mixtos de femias adultas e machos xoves., sendo estes últimos particularmente sociables e tornándose máis solitarios coa idade. As xirafas non son animais territoriais, pero aínda así adoitan habitar dentro dun rango definido, e ocasionalmente observouse que algúns machos se desprazan lonxe destas áreas habituais.

A reprodución das xirafas e polígama, pero só uns poucos machos adultos se aparean coas femias fértiles. Os machos determinan a fertilidade das femias probando os ouriños destas para detectar o celo, nun proceso de varios pasos coñecido como o reflexo de flehmen. Os machos prefiren as femias adultas de idade media antes que as moi xoves ou as moi vellas. Cando detecta unha femia en celo, o macho dominante intenta cortexala, mantendo aos machos subordinados a raia. Durante a cópula o macho ponse de pé sobre as patas traseiras e mantén a cabeza en alto, apoiando as patas dianteiras nos costados da femia.

Aínda que xeralmente é un animal silencioso e non vocal, as xirafas tamén se poden comunicar emitindo diversos sons. Durante o cortexo, os machos emiten unha especie de toses ruidosas. As femias chaman ás súas crías con urros. As crías emiten bufidos, bean, urran e mían. As xirafas tamén roucan, asubían, xemen, gruñen e fan sons afrautados, e comunícanse a longas distancias utilizando infrasóns. Durante a noite, as xirafas parecen rumbar unhas a outras no rango do infrasón, pero non se sabe con que propósito.

Nacemento e coidados paternos

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Xirafa alimentándose xunto as súas crías.

A xestación das xirafas dura entre 400 e 460 días, tralo que adoita nacer unha soa cría, malia que existen informes de raros casos de crías xemelgas. O parto ten lugar mentres a nai está de pé: a cría emerxe coas patas dianteiras e a cabeza por diante, rachando as membranas fetais, e cae ao chan, cortándose así o cordón umbilical. Tras isto a nai limpa a cría e axúdalle a poñerse de pé. Unha xirafa acabada de nacer pode medir ao redor de 1,8 m de alto. Ás poucas horas de nacer, a cría xa pode correr, malia que pasará as primeiras semanas tentando agocharse a maioría do tempo. As protuberancias da cabeza (ossicones) comezan a erguerse aos poucos días do nacemento.

As nais e as súas crías reúnense en grupos de crianza, desprazándose e alimentándose xuntos. As nais que forman estes grupos deixan as súas crías xunto a unha delas mentres o resto sae do grupo temporalmente para atopar comida e auga noutros sitios. Os machos adultos apenas toman parte no proceso de crianza, aínda que si realizan interaccións amistosas con algunhas crías. As crías son vulnerables ante os predadores, polo que para defendelas as nais interpóñense entre elas e dan couces aos atacantes. As femias que vixían o grupo de crías alertan só as súas propias crías cando detectan un posible perigo, pero o resto de crías dáse conta disto e segue as outras. Os lazos afectivos entre nai e cría mantéñense durante un tempo variable, e poden chegar a durar ata que a nai pase a ter unha nova cría. O período de lactación tamén e variable, algunhas crías maman durante só un mes, e outras poden facelo ata durante un ano. As femias tórnanse maduras sexualmente cando chegan aos catro anos de vida, mentres que os machos tórnanse sexualmente maduros aos catro ou cinco anos. Porén, os machos non conseguen unha oportunidade de apareamento ata que teñen polo menos sete anos de idade.

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Dous machos pelexando cos seus pescozos (necking) para establecer dominio.

Loita cos pescozos (necking)

Os machos empregan os seus pescozos como arma en pelexas, o que se coñece co termo inglés necking. Estas pelexas teñen o propósito de establecer un dominio sobre outros individuos e conseguir un maior éxito reprodutivo. As pelexas poden ser de baixa ou alta intensidade. Nas de baixa intensidade os individuos empúxanse cos pescozos un contra o outro, e gaña aquel que consegue manterse máis ergueito. Nas de alta intensidade, os machos estenden as patas dianteiras e moven o pescozo de forma violenta tentando golpear ao contrario coas protuberancias da cabeza. Os duelos poden durar máis de media hora, dependendo das capacidades físicas dos machos. Malia que moitas destas pelexas lles provocan feridas, existen eventos rexistrados de roturas na mandíbula e pescozo, e incluso nalgúns casos a morte dun dos machos.

Ao rematar os duelos son comúns os casos nos que os dous machos tenten cortexarse un ao outro, chegando a ser un tipo de interaccións incluso máis frecuentes que as cópulas heterosexuais. Un estudo de 1999 indicou que ata un 94% de intentos de monta tiveron lugar entre machos, cunha proporción de actividade entre membros do mesmo sexo variable entre o 30% e o 75%, e só un 1% de incidencias de intentos de monta entre dúas femias.

Mortalidade e saúde

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Unha leoa cunha xirafa cazada.

As xirafas teñen unha longa esperanza de vida en comparación con outros ruminantes, chegando a vivir ata os 25 anos. Debido ao seu gran tamaño, boa visión e fortes patas, as xirafas non adoitan ser cazadas por outros predadores. Porén, son presas habituais dos leóns no Parque Nacional Kruger (Suráfrica). Os crocodilos do Nilo poden ser tamén unha ameaza para as xirafas cando estas se inclinan a beber nos ríos. As crías son moito máis vulnerables que os adultos, e poden caer presas doutros predadores como os leopardos, hienas e licaóns. Só entre un cuarto e a metade das crías de xirafas sobreviven ata chegar á idade adulta.

Diversos parasitos aliméntanse das xirafas. Estas adoitan ter carrachas, especialmente na zona ao redor dos xenitais, que ten unha pel máis delgada que outras zonas. As especies de carrachas máis comúns nas xirafas pertencen aos xéneros Hyalomma, Amblyomma e Rhipicephalus. As aves Buphagus erythrorhynchus e Buphagus africanus axúdanlles ás xirafas a librarse destas carrachas. As xirafas tamén son hóspedes de varias especies de parasitos internos e son vulnerables a varias enfermidades, entre as que destaca a xa erradicada enfermidade viral da peste bovina.

Relacións cos humanos

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Pinturas na roca do pobo San en Namibia representando unha xirafa.

Os humanos levan interactuando coas xirafas durante varios miles de anos. O pobo San do sur de África ten varias danzas medicinais que reciben o nome de animais; unha delas é a danza da xirafa, que se realiza para tratar dores na cabeza. Varios contos do folclore africano tratan de explicar como as xirafas acadaron a súa altura, entre eles un de África oriental que conta que a xirafa medrou tan alta ao comer demasiadas herbas máxicas. As xirafas foron representadas en pinturas en todo o continente africano, incluíndo nas culturas kiffian, exipcia e nubia. O pobo Kiffian tallou unha rocha que representa a tamaño real dúas xirafas, que se considera «o petróglifo máis grande do mundo». Os exipcios asignáronlle un xeróglifo propio, chamado sr en lingua exipcia antiga e mmy en períodos máis tardíos. Tamén mantiñan xirafas como animais domésticos e mascotas, enviándoas por todo o Mediterráneo.

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Pintura dunha xirafa importada a China durante a dinastía Ming.

A xirafa tamén era coñecida polos gregos e romanos, que crían que este animal era un híbrido non natural dos camelos e dos leopardos, o que deu orixe ao nome camelopardalis. A xirafa atopábase entre os moitos animais que os romanos coleccionaban e expoñían ao público. A primeira que chegou a Roma foi levada por Xulio César no 46 a.C. e exposta ao público. Coa caída do Imperio Romano este tipo de prácticas deixaron de ter lugar en Europa. Na Idade Media os europeos coñecían as xirafas a través dos árabes, que reverenciaban a estes animais debido á súa aparencia particular.

Os exemplares de xirafa en catividade tiveron certa fama en distintos períodos históricos. En 1414 unha xirafa foi transportada en barco dende Malindi ata Bengala, e dende alí levada ata China polo explorador Zheng He, onde se expuxo nun zoo da dinastía Ming. Este animal era unha fonte de fascinación para o pobo chinés, que o asociaba co mito de Qilin. A xirafa dos Medici foille presentada a Lourenzo de Medici en 1486 e causou gran sensación na súa chegada a Florencia. Outra xirafa chamada Zarafa foi levada dende Exipto ata París a comezos do século XIX como regalo de Muhammad Ali de Exipto para Carlos X de Francia, causando tamén unha gran sensación social.

As xirafas continuaron a ter unha presenza notable na cultura moderna. Salvador Dalí representounas con melenas ardendo nalgunhas das súas pinturas, xa que consideraba ao animal como un símbolo de masculinidade. Varios libros infantís en lingua inglesa tratan sobre xirafas, incluíndo The Giraffe Who Was Afraid of Heights de David A. Ufer, Giraffes Can't Dance de Giles Andreae e The Giraffe and the Pelly and Me de Roald Dahl. A xirafa tamén ten feito aparicións secundarias no cine en filmes coma The Lion King e Dumbo de Disney, e en papeis máis importantes en filmes coma The Wild e Madagascar. Sophie the Giraffe é un xoguete infantil popular dende 1961.

Tamén teñen sido utilizadas nalgúns experimentos científicos, como estudos das propiedades da pel das xirafas para o desenvolvemento de traxes de astronautas e pilotos de avións de combate. Os padróns de cores da pel das xirafas téñense modelado por computadora empregando mecanismos de reacción-difusión. A constelación da xirafa, Camelopardalis, foi descrita no século XVII, e o pobo Tswana de Botswana describía a constelación Crux como dúas xirafas, unha femia e un macho.

Explotación e estado de conservación

Xirafa: Etimoloxía, Taxonomía e evolución, Aparencia e anatomía 
Xirafa morta por tribais a comezos do século XX.

As xirafas foron obxectivo histórico dos cazadores en África que empregaban as distintas partes do seu corpo con variados propósitos. A carne para comida, a cola como mata moscas, ou para fíos. Coa pel fabricaban calzado, tambores e escudos, e usaban os tendóns como cordas de instrumentos musicais. Os chamáns de Buganda tamén empregaban o fume da queima de xirafas como medicina para tratar o sangrado de nariz. O pobo Humr do Sudán consome unha bebida chamada Umm Nyolokh feita a partir do fígado e medula das xirafas, que contén substancias psicoactivas e provoca alucinacións. No século XIX, os exploradores europeos comezaron a cazar as xirafas como deporte. A destrución de hábitats tamén afectou á xirafa. No Sahel, a necesidade de madeira e áreas de pastoreo levou á deforestación da zona, aínda que polo xeral as xirafas poden convivir co gando doméstico ao non competir con el polo alimento.

No 2010 a IUCN clasificaba á xirafa como "pouco preocupante" na perspectiva de conservación, pero no 2016 o seu status pasou a ser de "vulnerable". As xirafas foron extinguidas en moitas das súas zonas históricas de distribución, incluíndo Eritrea, Guinea, Mauritania e o Senegal. Tamén se consideran desaparecidas en Angola, Malí e Nixeria, aínda que foron introducidas en Ruanda e Eswatini. Dúas subespecies, a G. c. peralta e a G. c. rothschildi, están clasificadas en perigo de extinción, xa que as poboacións salvaxes de cada unha delas só chegan a uns poucos centos de membros. En 1997, Jonathan Kingdon suxeriu que a subespecie G. c. camelopardalis era a máis ameazada de todas, e en 2010 estimouse un número incerto de individuos desta especie por baixo dos 250. As reservas privadas de animais teñen contribuído á preservación das poboacións de xirafas no sur de África. Giraffe Manor é un hotel popular en Nairobi que tamén serve como santuario para a xirafa de Rothschild. A xirafa é unha especie protexida na maioría de territorios da súa área de distribución. É o animal nacional de Tanzania, onde está protexido por lei e a súa caza sen autorización pode ser castigada cunha pena de prisión. En 1999 as estimacións indicaron que existían ao redor dunhas 140 000 xirafas salvaxes, mais no 2016 novos estudos revelaron que ese número se reducira ata menos de 90 000 individuos.

Notas

    Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Tags:

Xirafa EtimoloxíaXirafa Taxonomía e evoluciónXirafa Aparencia e anatomíaXirafa Comportamento e ecoloxíaXirafa Relacións cos humanosXirafa NotasXirafa Véxase taménXirafa

🔥 Trending searches on Wiki Galego:

El NiñoÑMártires de CarralNaomi KleinA Bandeira, Manduas, SilledaSancho GraciaSexo oralAntón Villar PonteEva Iglesias MiguénsPúrpuraAC-211CaralloVigoTrevo brancoBidueiroElena RivoMazáComarcas de GaliciaManuel María Puga PargaMedalla da Folga de FameSete SabiosLuis López DiéguezDolores del Río Sánchez-GranadosRúa das Rodas (Santiago de Compostela)Joe BidenIrene FerrerasBaionaElvira RiveiroFrancisco Fernández del RiegoInternetRonaldoAustraliaGonzalo LouzaoAntonio MingoteRamiro CarregalCelso Emilio FerreiroManuel RivasAlfonso RuedaNacho CastañoSilledaO lobo da xenteJorge Sanz MirandaSobreiraPremio Nacional de Literatura de EspañaCoprofiliaPolieno (química)Lucía VeigaVerínFoliadaTimothée ChalametXosé Luís BernalA Pobra do CaramiñalAmeixa (molusco)Xosé Rubia BarciaPablo PicassoCarbohidratoPonte Maior de OurenseCaldas de ReisAndorraLingua betawiGonzalo Torrente BallesterFrancisco de QuevedoLuka ModrićFentoIbai LlanosBatalla de CovadongaCota lácteaCascudaFran AlonsoJoseba ApaolazaJorge Cuña CasasbellasReconquistaAnxo AngueiraMagnesio🡆 More