Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, cabeza da comarca de Ferrol e terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital.
Segundo o INE en 2021 tiña 64.785 habitantes. É a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital de | |||||
Capital | Ferrol | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 63.890 (2023) (773,02 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 82,65 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 0 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Santo padrón | Juliano de Toledo (pt) | ||||
Organización política | |||||
• Xefe do goberno | Ángel Mato (2019–2023) | ||||
Eleccións municipais en Ferrol | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15401–15406 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15036 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | ferrol.gal | ||||
Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, con especial influencia do sector naval. Tamén existe unha importante actividade das Forzas Armadas, principalmente da Armada Española, que ten dende o século XVIII unha das súas principais bases navais e un Arsenal Militar.
O concello, situado nunha península, aséntase de cara á ría de Ferrol, aínda que tamén ten unha destacada fachada litoral cara ó océano Atlántico na zona rural. Esa fachada marítima acolle algunhas das máis afamadas praias, como as asentadas nas parroquias de Doniños, San Xurxo, Ponzos ou Covas. Limita por terra co concello de Narón.
Ademais da cidade, o termo municipal comprende once parroquias rurais e a vila da Graña, considerada como zona urbana para os efectos legais malia atoparse no arrabalde. O concello ten unha densidade de poboación de 852,17 hab./km² e unha superficie de 82,6 km².
A denominación oficial recoñecida dende 1982 é Ferrol, ben documentada xa no século XV. O emprego do artigo nas formas en castelán El Ferrol, con maiúscula, ou el Ferrol, en minúscula, reflíctese respectivamente no Diccionario de topónimos españoles y sus gentilicios, de Pancracio Celdrán, e no DRAE. Con todo, actualmente as formas con artigo (El Ferrol ou O Ferrol) non son correctas legalmente, malia documentarse en castelán no século XVII, por exemplo, no romance «Despuntado he mil agujas» de Luis de Góngora, ou no texto impreso da Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos (1634) do xeógrafo real Pedro Texeira. Durante a guerra civil española, en 1938 as autoridades franquistas decretaron o uso da denominación de El Ferrol del Caudillo, que se mantivo ata a década de 1980.
Sobre a orixe do nome existe a lenda dun santo bretón chamado Ferreol, quen supostamente chegou ás costas de Ferrol nun barco entre un coro de sete sereas. Outra tradición di que Ferrol provén de farol, en alusión á figura heráldica que aparece no escudo de armas da cidade. Porén, isto non é posible, porque a orixe do escudo de Ferrol remóntase tan só ao século XVIII, así como diversas variantes empregadas ao longo do tempo. A composición heráldica non foi fixada de xeito oficial ata a década de 1990.
A hipótese máis probable sitúa a orixe de Ferrol na toponimia altomedieval a partir dun nome persoal, *Ferrolus, variante do latino Ferreolus ou derivado de Ferrus. Este procedemento de denominación foi moi frecuente na toponimia galega: formábase a partir do xenitivo, nunha secuencia do tipo villa *Ferroli. As referencias máis antigas son do século XI, coa mesma forma que ten na actualidade: Veyga de Ferrol (1085), "per terminos de sancto Juliano de Ferrol" (1087), "medietatem de mea villa de Ferrol" (1111), Ferrol (1212), "Petro Fernandit de Ferrol" (1222), "Petrus Martini, iudicem de Ferrol" (1226).[Cómpre referencia]
A cidade está orientada cara a ría homónima. O concello limita ó norte e oeste co océano Atlántico, ó sur coa ría e ó leste con Narón, como parte do Golfo Ártabro. Algunhas das súas parroquias sitúanse nunha zona xistosa no val de Trasancos, cun relevo de formas suaves. No concello hai espléndidos areais, como Doniños, San Xurxo, Covas ou Esmelle. O litoral de Doniños ten, amais, como particularidade morfolóxica a lagoa litoral. Na zona é común a práctica do surf e do bodyboard.
Ferrol caracterízase por un clima oceánico, con choivas abundantes no outono e inverno, veráns pouco soleados e néboas costeiras no verán.
Estación de Monteventoso | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima media (°C) | 11,3 | 11,0 | 13,3 | 14,1 | 16,1 | 18,9 | 20,6 | 20,8 | 19,6 | 17,5 | 13,7 | 11,7 | |
Temperatura media (°C) | 9,3 | 8,8 | 10,7 | 11,4 | 13,3 | 16,0 | 17,8 | 18,1 | 17,1 | 15,2 | 11,7 | 9,8 | |
Temperatura mínima media (°C) | 7,2 | 6,6 | 8,1 | 8,7 | 10,6 | 13,2 | 15,0 | 15,4 | 14,7 | 13,0 | 9,6 | 7,8 | |
Precipitacións (mm) | 115 | 93 | 113 | 62 | 78 | 61 | 26 | 45 | 74 | 86 | 102 | 115 | |
Fonte: Ferrol.gal |
A Terra de Trasancos estivo poboada dende antes da romanización. No actual concello de Ferrol hai catalogadas 64 mámoas, principalmente nos Montes de Brión e de Mougá. Son 39 mámoas nos montes de Brión, 20 nos de Mougá e 4 en Leixa. No concello hai, amais, varios castros:
|
Da época romana, en Covas, consérvase a explotación aurífera de Covarradeiras.
Na Idade Media a cidade de Ferrol gozou dalgúns foros e privilexios ata comezar a pertencer á xurisdición da casa de Andrade.
Ferrol desempeñou un papel importante na historia de Galicia e España e nas que foron as súas posesións de ultramar, ao tratarse do porto militar máis importante da península durante séculos. En Ferrol sucedéronse numerosas batallas navais e mesmo algún desembarco promovido polos exércitos ingleses que ansiaban capturar o que consideraban "o mellor porto natural da costa atlántica de Europa" e un enclave estratéxico en España.
A referencia máis antiga que se coñece da área de Ferrol data do século I, no que o historiador romano Pomponio Mela, ao describir o Magnus Portus Artabrorum, denomínao Adobrica. Con todo, hai quen afirma que a fundaron os normandos cara ao século X. No século XI aparece por primeira vez o nome de Sancto Iuliano de Ferrol nun documento histórico.
O castelo de San Felipe foi construído na boca da ría en 1577 para defender o porto de Ferrol. Dende este partía unha cadea que, en caso de incursión naval, era levantada para impedir o paso dos navíos hostís. En 1588, debido a un temporal, parte das naves que formaban a Armada Invencible de Filipe II buscou refuxio na ría de Ferrol. Durante o ataque de Francis Drake á cidade da Coruña en 1589, Ferrol serviu como porto de abrigo e reparación á frota marítima. En 1594 a armada inglesa intentou apoderarse de Ferrol.
En 1726 Filipe V nomea a vila capital do Departamento Marítimo do Norte de España, motivo polo que a poboación é coñecida como a Cidade Departamental. A que era apenas unha vila mariñeira converteuse durante un tempo na maior cidade de Galicia, con 25.000 habitantes e un excelente trazado urbanístico novo. Os estaleiros empregaban entre 6.000 e 15.000 traballadores segundo o momento, ademais da base naval e militar. Malia os provedores estaren fóra, foi un poderoso estímulo económico para a comarca, que creou numerosas industrias auxiliares.
Amais, ordenou a instalación dos grandes Estaleiros do Norte de España na ría de Ferrol, nos lugares da Graña e Ferrol, co primeiro proxecto desenvolvido polo enxeñeiro militar Francisco Montaigú. En 1749 Fernando VI dispuxo a instalación dos estaleiros en Esteiro e que fose Ferrol a capital do Departamento Marítimo. En 1787 era a cidade máis poboada de Galiza, cuns 25.000 habitantes, por diante de Santiago de Compostela.
O 25 de agosto de 1800 tivo lugar un intento da armada inglesa de apoderarse de Ferrol e destruír os estaleiros. O almirante Warren enviou máis de 100 barcos e 15.000 homes á Batalla de Brión. Napoleón celebrou a derrota inglesa coa frase "polos valentes ferroláns". En 1809 produciuse a ocupación francesa, pero apenas durou un mes. Ferrol foi a primeira cidade de España en adoptar un sistema de cuadrícula no deseño das rúas do seu ensanche, anterior ó Plan Cerdà de Barcelona.
A alianza con Gran Bretaña durante a guerra da independencia precipitou o fracaso da economía da cidade. Durante o reinado de Fernando VII Ferrol chegou a converterse nunha cidade en declive e perdeu o seu título de capital. Con todo, agromaron novas actividades durante a administración do Marqués de Molina, Ministro de Asuntos Navais a mediados do século XIX.
En Ferrol produciuse a botadura do primeiro barco a vapor de España en 1858, en 1881 do primeiro barco con casco de ferro e en 1912 a do primeiro acoirazado (Acoirazado España), asistido polo rei Afonso XIII.
A Guerra civil española supuxo que os estaleiros, talleres, fundicións e dársenas de Ferrol fosen tomados baixo o control do Estado e completamente nacionalizados en 1945 baixo o nome de Bazán, máis tarde renomeado como IZAR e dende xaneiro de 2005 como Navantia.
Durante a ditadura franquista, o ditador, natural da cidade, renomeouna en 1938 como El Ferrol del Caudillo.[Cómpre referencia] Mantivo dita denominación de maneira oficial ata 1982, cando o goberno municipal o cambiou por Ferrol.
O remate da ditadura e a chegada da democracia en 1978 non axudaron a mellorar a súa situación económica.[Cómpre referencia] Dende 1982 a cidade enfrontouse a numerosos problemas debido ao declive do sector naval e o traslado da Frota da Armada Española á localidade andaluza de Rota (Cádiz). O principio do novo milenio, con todo, foi en xeral un tempo de esperanza ante unha inminente expansión económica.
O remate da autoestrada AP-9 entre Fene e Ferrol en 2003 permitiu a total conexión da cidade coa fachada atlántica galega. Ademais, a posta en marcha do porto exterior e de novas infraestruturas de comunicación e de apoio industrial sustentan esa esperanza de recuperación socioeconómica.
O concello tiña o 1 de xaneiro de 2021 64.785 habitantes (o sétimo de Galicia máis habitado e a máis avellentada das sete cidades). Engadindo as poboacións da comarca a poboación ascende a uns 154.000 habitantes .
1857 | 1877 | 1887 | 1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
18.669 | 23.848 | 25.701 | 25.281 | 26.331 | 30.350 | 35.563 | 59.829 | 77.030 | 74.766 | |||||
Fonte: Censo poboacional (INE Arquivo) / INEbase[1] |
1970 | 1981 | 1996 | 2000 | 2005 | 2010 | 2015 | 2019 | 2020 | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
87.736 | 87.691 | 83.048 | 81.255 | 77.155 | 73.638 | 69.452 | 66.065 | 65.560 | ||||||
Fonte: Censo poboacional (INE Arquivo) / INEbase[2] |
Pirámide de poboación de Ferrol no ano 2017. (Fonte: Censos de población INE [4]).)
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2020.) |
A cidade, construída e encaixada contra a ría, atópase afastada dela pola muralla do arsenal e o porto. Ferrol está formado por barrios con estilos arquitectónicos claramente diferenciados. Contrastan as zonas máis antigas e poboadas co ensanche e os barrios obreiros e populosos das aforas. As zonas máis afastadas da cidade, Covas e Doniños, son lugares de natureza case virxe.
Dependente durante longo tempo da construción naval, militar e civil, pasou polas sucesivas crises deste sector.
A comarca foi unha das áreas máis industrializadas de Galicia. Conta cunha importante industria de estaleiros inmersa nunha reconversión, consecuencia da crise no sector. A economía da cidade está principalmente ligada a esta industria, centrada tanto no militar coma no civil, de construción e reparación. As instalacións militares ocupan boa parte da zona urbana da cidade, así como as instalacións da Armada Española. Amplas zonas de monte e costeiras pertencen ou pertenceron ao exército: montes de Covas e San Xurxo, Monte Ventoso, Polvoreira de Mougá ou a base naval da Graña.
Proxectos como o Porto exterior de Ferrol pretenden dar un pulo e revogar a situación de certa decadencia con modernas infraestruturas. Xunto co Porto exterior da Coruña e as empresas e polígonos industriais situados entrambos portos conforma unha rexión industrial loxística e marítima.
Xornais:
Televisión: Televisión Ferrol Canal 31.
Radio: delegacións locais de Cadena Cope e Cadena Ser.
Ferrol conta cunha diversidade arquitectónica de grande interese:
A Porta do Arsenal, coñecida tamén como Porta do Dique e un dos símbolos da cidade, foi levantada polo enxeñeiro Julián Sánchez Bort no século XVIII. Sitúase fronte a actual praza de Galicia, que tamén acolle hoxe o monumento aos Caídos en África, a sede de Correos e o Teatro Jofre. Trátase dunha torre de planta cadrada rematada por unha cúpula semiesférica con lanterna de ferro forxado. O seu arco triunfal, sobre o que se sitúa o escudo real de Carlos III, está flanqueado por dúas columnas toscanas.
O Museo Naval atópase no antigo penal de San Campio, no interior do Arsenal Militar. Nas súas salas expóñense obxectos relacionados co mar, a navegación e os barcos: restos de buques, planos, maquetas, armamento ou cartografía.
É unha fortificación militar, na súa maioría de estilo neoclásico. Sitúase na boca norte da ría, fronte ao Castelo da Palma, xa no concello de Mugardos, un dos puntos máis estratéxicos da ría. É un dos exemplos máis representativos de fortalezas do século XVIII utilizadas para a defensa da poboación e da ría.
Levantado sobre os restos dunha antiga igrexa románica, é o monumento relixioso máis importante da cidade. En 1959 obtivo o título de Concatedral, pertencente á Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
En toda a contorna destacan construcións de arquitectura popular mariñeira, con cristaleiras e rúas empedradas, estreitas e irregulares. Na actualidade conserva unha estrutura compacta e orientada cara ao porto, aínda que se atopa nun avanzado estado de deterioración.
A autoestrada AP-9, principal vía de acceso á cidade, conecta Ferrol coas cidades galegas do eixe atlántico: A Coruña, Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui, na fronteira con Portugal. A autovía A-6, accesíbel mediante a AP-9 a 10 km ó sur da cidade, conecta Ferrol coa Coruña, Lugo e Madrid.
Por outra parte, a autovía AG-64 conecta a cidade con Vilalba e coa A-8, que percorre o Mar Cantábrico ata Donostia.
Tanto o aeroporto coruñés de Alvedro (41 km) como o compostelán da Lavacolla (90 km) conectan Ferrol a través da AP-9 coas principais cidades españolas e algunhas europeas.
Ferrol conta cunha estación de ferrocarril empregada por Renfe e Feve que conecta a cidade co resto da comunidade autónoma e o país.
A cidade de Ferrol conta cunha rede de autobuses urbanos explotada pola compañía Tranvías del Ferrol. Amais de dar cobertura á cidade de Ferrol, algunhas das súas liñas chegan aos concellos de Narón e Neda. En total existen seis liñas de autobuses, amais dunha nocturna entre o Porto (Ferrol Vello) e Neda.
Liña | Ruta |
---|---|
1-B | Residencia - Porto |
1-2 | Neda - Porto |
3 | Porto - Caranza - Residencia |
4 | Canido - A Graña |
7 | A Faisca - Correos |
9 | Caranza - Correos |
Pola súa parte, a compañía Rialsa conta con varias liñas urbanas e interurbanas. Da estación de autobuses de Ferrol saen a diario autobuses que comunican a cidade con outros puntos da xeografía galega e española.
O Club Natación Ferrol tivo unha sección de tríatlon da que saíu o pentacampión do mundo, Javier Gómez Noya. Dende 2006 a cidade conta co Club Tríatlon Ferrol. Nas súas filas militan varias campioas de España e conta cunha escola de tríatlon das máis numerosas do Estado.
En fútbol o equipo máis destacado é o Racing de Ferrol, na Segunda división B. Xoga os seus partidos como local no Estadio Municipal da Malata. En fútbol sala a cidade conta co Parrulo FS.
En baloncesto destaca o Universitario de Ferrol, fundado en 1997. En 2014 ascendeu á Liga Feminina na que leva varias tempadas. O equipo xoga no Pavillón Polideportivo A Malata. O equipo masculino, o OAR Ferrol (fundado en 1951 e desaparecido en 1996) xogou varios anos na ACB.
En wáter-polo destaca o Club Marina Ferrol.
Nos deportes de motor, o Rally de Ferrol é unha competición oficial do Campionato de España de Rallyes, organizada pola Escudería Ferrol.
O escudo do concello de Ferrol foi aprobado en sesión municipal o 22 de xuño de 1778. O alcalde, Pedro Bayón, declarou que o escudo heráldico de armas consistía nunha torre con farol, canón e áncora a cada lado. Este deseño foi modificado co tempo e ten variantes que se poden ver por toda a cidade. Nin o escudo de Ferrol nin a bandeira están aprobados pola Xunta de Galicia nin foron publicados no DOG. O concello de Ferrol emprega como deseño nas súas comunicacións un logo estilizado con coroa, castelo con farol, bandeiras e canóns.
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ferrol vexa: Lugares de Ferrol.
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ferrol |
A Galipedia ten un portal sobre: Ferrol |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Ferrol, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.