A botánica, (do grego βοτάνη = herba) ou fitoloxía (do grego φυτόν = planta e λόγος = tratado), é unha rama da bioloxía e é a ciencia que se ocupa do estudo das plantas.
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
O concepto de vexetal, que estaba claro en tempos de Aristóteles, quedou esvaecido polo avance do coñecemento, chegándose a definir como todo aquilo que estuda a botánica. Na práctica, os botánicos estudan as plantas, as algas e os fungos. No campo da botánica, hai que distinguir entre a botánica pura, cuxo obxecto é ampliar o coñecemento da natureza; e a botánica aplicada, cuxas investigacións están ao servizo da tecnoloxía agraria, forestal, farmacéutica etc.
A botánica cobre un amplo abano de contidos, que inclúen aspectos específicos propios dos vexetais; das disciplinas biolóxicas que se ocupan da composición química (fitoquímica); a organización celular (citoloxía vexetal) e tisular (histoloxía vexetal); do metabolismo e o funcionamento orgánico (fisioloxía vexetal), do crecemento e o desenvolvemento; da morfoloxía (fitografía); da reprodución; da herdanza (xenética vexetal); das enfermidades (fitopatoloxía); das adaptacións ao ambiente (ecoloxía), da distribución xeográfica (fitoxeografía ou xeobotánica); dos fósiles (paleobotánica) e da evolución.
Como para outros organismos vivos, a vida dos vexetais pódese estudar desde diferentes perspectivas, como pode ser a molecular, á xenética pasando polo estudo específico da ultraestrutura organular e celular e a anatomía tisular, a organografía (anatomía macroscópica), a xeobotánica e a ecoloxía vexetal. En cada un destes niveis o botánico pode deterse na clasificación, a estrutura anatómica, ou as funcións (fisioloxía) das plantas.
Historicamente, a botánica abarca todos os organismos que non eran considerados animais. Entre estes están os fungos (estudados pola micoloxía), as bacterias (estudadas en paralelo pola microbioloxía), e as algas (estudados pola ficoloxía). As algas, os fungos e as bacterias non se denominan actualmente plantas pero, salvo no caso destas últimas, ninguén discute que son materia para a botánica.
Os distintos grupos de vexetais participan de xeito fundamental nos ciclos da biosfera. Plantas e algas son os produtores primarios, responsables da captación de enerxía solar da que depende toda a vida terrestre, da creación de materia orgánica e tamén, como subproduto, da xeración do osíxeno que alaga a atmosfera e xustifica que case todos os organismos saquen vantaxe do metabolismo aerobio.
Case todo o que comemos vén das plantas, xa sexa directamente de alimentos básicos como froita e vexetais, ou indirectamente a través do gando, que é alimentado polas plantas que compón o forraxe. Noutras palabras, as plantas son a base de toda a cadea trófica, ou o que ecólogos chaman o primeiro nivel trófico. Entendendo como as plantas producen o que comemos é importante coñecer o seu papel para ser capaces de alimentar ao mundo e prover seguridade alimentaria para futuras xeracións. Non todas as plantas son beneficiosas aos humanos, a maleza é considerada daniña para a agricultura e a botánica prové ciencia básica para mitigar o seu impacto. A etnobotánica é o estudo destas e outras relacións entre plantas e persoas.
As plantas son susceptibles de ser estudadas nos seus procesos fundamentais (como a división celular e síntese proteica por exemplo), pero sen os problemas éticos que supón estudar animais ou seres humanos. As leis da herdanza foron descubertas deste xeito por Gregor Mendel, que estudou como se herda a morfoloxía do chícharo. As leis descubertas por Mendel a partir do estudo de plantas coñeceron desenvolvementos posteriores, e aplicáronse sobre as propias plantas para conseguir novas variedades beneficiosas. Outro estudo clásico efectuado en plantas foi o realizado por Barbara McClintock, que descubriu os 'xenes saltaríns' (ou transposóns) estudando o millo. Son exemplos que mostran como a botánica tivo unha importancia capital para o entendemento dos procesos biolóxicos fundamentais.
Moitas dos nosos medicamentos e algunhas drogas, como o cánnabis, veñen directamente do reino vexetal. Outros produtos medicinais derívanse de substancias de orixe vexetal; así, a aspirina é un derivado do ácido salicílico, que orixinalmente se obtiña da cortiza de salgueiro. A investigación sobre produtos farmacéuticamente útiles nas plantas é un campo activo de traballo que rende bos resultados. Estimulantes populares como o café (polo seu contido en cafeína), o chocolate, o tabaco (pola nicotina), e o té teñen orixe vexetal. Moitas bebidas alcólicas derivan da fermentación de plantas coma o orxo e a uva da videira.
As plantas tamén fornecen moitos materiais, coma o cotón, a madeira, o papel, o liño, o aceite vexetal, algúns tipos de cordas e plásticos. A produción de seda non sería posible sen o cultivo de árbores coma as moreira. A cana de azucre e outras plantas foron recentemente empregadas como biomasa para produciren unha enerxía renovable alternativa ao combustible fósil.
As plantas tamén poden axudar ao entendemento dos cambios do ambientais de moitas formas.
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Botánica |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Botánica, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.