Economía (do grego οίκος , 'casa', e νομος , 'regra', polo tanto dirección dunha casa) é unha ciencia social que estuda a produción, distribución, comercio e consumo de bens e servizos.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2012.) |
A economía, céntrase no comportamento e as interaccións dos axentes económicos e en cales son os mecanismos da actividade económica. A microeconomía trata dos axentes individuais, como fogares e empresas, e os mercados. A macroeconomía considera a economía na súa totalidade (isto é, a produción, oferta e demanda agregadas de diñeiro, capital e mercancías; o aforro e o investimento) e factores que lle afectan, incluíndo o emprego de recursos (traballo, capital e terra), a inflación, o crecemento económico, e as políticas públicas que dirixen estes factores (políticas monetaria, fiscal e outras).
A economía dise normativa cando recomenda unha opción sobre outra, ou cando fai un xuízo subxectivo de valor. Pola contra, a economía dise positiva cando intenta predicir e explicar obxectivamente as consecuencias de eleccións, dadas unha serie de premisas e/ou un conxunto de observacións. A elección de que premisas facer na construción dun modelo así como que observacións destacar son, non obstante, normativas. Os aspectos que reciben a particular atención en economía son: asignación de recursos, produción, distribución, comercio, e competencia. A lóxica económica aplícase cada vez máis a calquera problema que implique a elección en situación de escaseza ou determinar un valor económico.
Outras divisións da economía son: economía teórica e economía aplicada; racional e comportamental; e ortodoxa e heterodoxa. O paradigma económico preponderante é unha combinación da economía neoclásica e da macroeconomía chamada a síntese neoclásica. Varias escolas de economía heterodoxa intentan explicar os fenómenos económicos utilizando premisas, formalismos ou paradigmas diferentes.
A análise económica aplícase amplamente na sociedade, no mercado inmobiliario, na empresa, nas finanzas, no coidado da saúde, e no goberno. Tamén se usa en campos tan diversos como o crime, a educación, a familia, o dereito, a política, a relixión, as institucións sociais, a guerra, a ciencia, e o medio ambiente. No cambio ao século XXI, a presenza crecente da economía nas ciencias sociais describiuse como o imperialismo da economía.
A persoa que traballa nun dos moitos campos da economía ou que ten un grao académico nesta materia é un economista.
Hai un fato de definicións, pasadas e presentes, que se aplicaron primeiro ó termo economía política e logo o termo actual de economía. John Maynard Keynes comentou unha vez que a "economía é a ciencia do pensamento." Podemos dicir que o obxecto de estudo da economía mudou desde o estudo da "riqueza" ao "benestar" e ao estudo das compensacións (trade-offs).
As definicións máis temperáns da economía política eran declaracións simples, elegantes que a definían como o estudo da riqueza. Adam Smith, considerado xeralmente como o pai da economía, autor de Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións (coñecida xeralmente como A riqueza das nacións) define a economía simplemente como "a ciencia da riqueza." Smith ofreceu outra definición, "a ciencia referente aos leis da produción, distribución e intercambio." A riqueza definiuse coma a especialización do traballo que permitía que unha nación producise máis coa súa oferta de traballo e de recursos. Esta definición afastou a Smith e a Hume das definicións anteriores que definiron a riqueza como ouro. Hume argüíu que o ouro sen incremento da actividade simplemente aumentaba os prezos.
John Stuart Mill definiu a economía como "a ciencia práctica da produción e distribución da riqueza"; esta definición foi adoptada polo Dicionario sucinto de Oxford. Para Mill, a riqueza defínese como o stock de cousas útiles.
As definicións en termos da riqueza acentúan a produción e o consumo, e non se ocupan das actividades económicas non perceptiblemente implicadas nestes dous procesos (por exemplo, xubilados, esmoleiros). Para os economistas deste período, a actividade non produtiva é un custo para a sociedade. Esta interpretación deu a economía unhas miras estreitas que foi rexeitado por moitos por colocar á riqueza en primeiro plano e ao home en segundo lugar.
Unha definición que capta boa parte da teoría económica é a de Lionel Robbins nun ensaio de 1932: "a ciencia que estuda a conduta humana como a relación entre fins e medios escasos que teñen usos alternativos". Escaseza significa que os recursos dispoñíbeis son insuficientes para satisfacer todos os desexos e necesidades. A ausencia de escaseza e os usos alternativos dos recursos dispoñíbeis non é un problema económico. Deste xeito a economía atinxe o estudo da elección ou escolla, influída por incentivos e recursos.
O campo de estudo da economía pode ser dividido de varios xeitos, os máis comúns son a microeconomía e a macroeconomía. A economía pode dividirse tamén en positiva ("o que é") e normativa ("o que debería ser"), e por subcampos. Os seus métodos teñen acrecentado a súa aplicación a outros espazos de estudo que engloban ás persoas encarando situacións electivas, incluíndo a educación, a economía familiar, a política, a saúde e a lei.
A economía divídese polo normal en dúas ramas bastante amplas:
Algúns economistas tentarán unir estas dúas ramas ou rexeitarán as súas diferenzas, especialmente durante os anos setenta e oitenta do século XX. Na actualidade, o consenso é que a macroeconomía teña un fundamento microeconómico sólido, é dicir, as premisas macroeconómicas deben ter unha base na microeconomía.
A economía tamén se pode dividir en numerosas subdisciplinas que non por forza pertencen exclusivamente a unha das dúas grandes ramas citadas. Algunhas destas subdisciplinas son: a economía internacional, a economía laboral, a economía do benestar, a neuroeconomía, a economía da información, a economía dos recursos, a economía medio ambiental, a economía administrativa, a economía financeira, a economía do desenvolvemento e a xeografía económica.
Os economistas utilizan métodos matemáticos avanzados na investigación, que desenvolve unha especialidade como a econometría, ou uso de técnicas estatísticas aplicadas ao estudo dos datos económicos.
A economía é positiva cando tenta explicar as consecuencias das diferentes eleccións ante un conxunto de suposicións ou de observacións dadas; é normativa cando prescribe unha certa acción que ten de realizarse. A esencia da economía é o estudo dos incentivos e das eleccións baixo un conxunto de restricións. A aplicación da economía é moi ampla: os economistas teñen estudado temas relacionados coas institucións políticas, a pena de morte, a educación etc.
Na teoría microeconómica a oferta e a demanda tenta describir, explicar e predicir o prezo e a cantidade de bens que se venden nos mercados competitivos. É un dos modelos máis básicos utilizados na construción de modelos e teorías máis detalladas.
En termos xerais, esta teoría afirma que se a demanda dos consumidores é superior á cantidade de bens producidos, o prezo incrementase. Co mesmo razoamento, o exceso de oferta causa un decrecemento no prezo dos produtos. Este proceso continúa ata chegar a un punto equilibrio no cal no ha ningún motivo para cambiar nin o prezo nin a cantidade producida. Este punto denominase equilibrio do mercado.
Para medir o fluxo da oferta e a demanda, é necesario un valor mensurábel cuantitativo. O valor máis antigo e máis utilizado é o prezo, ou taxa de cambio entre compradores e vendedores nun mercado. A teoría do prezo, polo tanto, analiza o movemento das cantidades mensurábeis no tempo, e a relación entre o prezo e outras variábeis censurábeis. Unha gran parte da teoría económica está baseada no prezo e na teoría da oferta e a demanda; o prezo é o medio máis eficiente para comunicar os cambio da economía.
Nalgúns modelos económicos prácticos, porén, hai unha "fricción económica", é dicir, unha restrición no movemento dos prezos que impide que o mercado chegue ao equilibrio. Por outra banda, hai controversia sobre a utilización do prezo como variábel económica, xa que existen elementos importantes da economía que non están relacionados co prezo.
A escaseza é un punto central da teoría económica. A análise económica estuda a maximización dalgunha cousa (tempo de lecer, riqueza, sanidade, felicidade; todos reducidos ao concepto de utilidade) suxeita a restricións. Estas restricións, como agora a escaseza, estabelecen un sacrificio ou intercambio. Por exemplo, un pode recibir máis diñeiro traballando máis, pero con menos tempo libre (o tempo é escaso). Pódense comer máis espárragos, sacrificando, por exemplo, patacas (a terra fértil é escasa, e o orzamento persoal tamén).Este concepto está ligado co concepto de custo de oportunidade.
Na teoría económica marxinalista, creada pola Escola austríaca a fins do século XIX, o nivel dos prezos está determinado polo custo marxinal e pola utilidade marxinal. O prezo de todos os bens será o custo de fabricar o último que a xente poderá adquirir, e o prezo de todos os empregados dunha empresa será o custo de contratar o último que o negocio necesita. O marxinalismo investiga as decisións baseadas nas marxes, que é o custo de producir a seguinte unidade, fronte a canto se espere recobrar en rendemento. Cando o retorno marxinal dunha acción atinxe cero, esa acción cesa. A utilidade marxinal é a cantidade de satisfacción ou uso que recibe unha persoa dunha adquisición en contraste cun gasto menor. Os beneficios marxinais están a miúdo suxeitos a rendementos decrecentes: obtense un menor beneficio dunha maior produción ou consumo.
Un antigo exemplo pode ilustrar esta teoría: o paradoxo da auga e do diamante. A auga ten un valor menor do que o diamante, por ser este último máis escaso e máis custoso de obter. Porén, como o ilustrara Condillac (Le Commerce et le Gouvernement considérés l'un relativement à l'autre: O Comercio e o Gobernos considerados reciprocamente), un home sedento pagará unha cantidade moi importante por un vaso de auga. O valor resulta así da dispoñibilidade dun ben nun lugar dado. Porén, unha vez consumido o primeiro vaso de auga, e logo un segundo e un terceiro, a utilidade marxinal, moi importante no primeiro vaso, decrece nitidamente tanto que o último vaso (antes do estado de "saciedade", na que o consumo xa non entraña satisfacción suplementaria) non ten case valor. De xeito inverso, o diamante posúe unha utilidade marxinal final moito máis importante e o seu prezo mantense.
O concepto de valor é medular en economía. Unha medida observábel do mesmo é o prezo de mercado.
Adam Smith definiu o traballo como a fonte subxacente do valor e a teoría do valor do traballo subxace na obra de Karl Marx, David Ricardo e outros economistas clásicos. Esta teoría argumenta que o prezo dos bens ou servizos equivale ao traballo que leva producilos. Para moitos, este valor determina un prezo da mercadoría. Esta teoría do prezo do traballo e a, estreitamente vencellada, teoría do valor de custo de produción dominou a obra da maioría dos economistas clásicos, pero distan de ser a única base aceptada para o valor. Por exemplo, a Escola austríaca de economistas usa a teoría do valor marxinal.
Economistas neoclásicos, como John R. Hicks, no seu libro Value and Capital, diferencian valor (como determinado polo lado da demanda) fronte a custo (do lado da oferta), co prezo determinado por demanda e oferta. Nun mercado competitivo, oferta e demanda interactúan para determinar o prezo e equilibrar custo e valor. A análise económica considera non só a asignación de output para diferentes usos, senón tamén a distribución da renda, nos factores de produción, incluíndo traballo e capital, a través de mercados de factores.
A economía ten o seu fundamento no razoamento rigoroso e lóxico. A metodoloxía económica está conformada por:
O termo economía foi introducido arredor de 1870 e popularizado polos influentes economistas neoclásicos, como Alfred Marshall, en substitución do anterior termo: economía política, que concernía máis no relativo ao Estado. Este último termo foi usado durante os séculos XVIII e XIX, por Adam Smith, David Ricardo e Karl Marx, entre outros pensadores, aos cales na actualidade acostuman ser citados como forxadores da teoría clásica da economía.
O pensamento económico dun xeito aproximado pode dividirse en tres fases: Premoderno: correspondería ao Mundo Antigo ata a Idade Media. Moderno temperán: incluiría teorías como o Mercantilismo e a Fisiocracia. Moderno: desde Adam Smith, na segunda metade do XVIII, ata a actualidade. Joseph Schumpeter, na súa "Historia da Análise económica", acredita o desenvolvemento do estudo científico da economía desde a Escolástica tardía, particularmente na España dos séculos XV e XVI.
A teoría económica comeza coa premisa de que os recursos son escasos e que é necesario escoller entre varias alternativas en competencia. Perante a escaseza, elixir unha alternativa implica esquecer outras alternativas: o custo de oportunidade. O custo de oportunidades crea unha relación de prezo, implícito, entre as alternativas competitivas. Tanto en mercados orientados, como en mercados de economías planificadas, a escaseza é explicitamente cuantificada por relacións entre prezos.
A moderna teoría económica edificouse, primariamente, sobre a economía neoclásica, que comezou a desenvolverse no final do XIX, e modelos de elección na asignación de recursos escasos.
A economía neoclásica, é a forma dominante de economía utilizada hoxe, constituíndo a fonte principal da teoría económica. Ás veces é denominada, polos seus críticos, economía ortodoxa. Lionel Robbins, en An Essay on the Nature and Significance of Economic Science (1932) dou a definición de Economía axeitada a esta corrente: "a ciencia que estuda a conduta humana como unha relación entre medios escasos que ten usos alternativos". Escaseza significa que os recursos de que se dispón son insuficientes para satisfacer todos os desexos e necesidades: se non hai escaseza e tampouco usos alternativos de recursos dispoñibles, entón non hai un problema económico.
Hai varias correntes de economía heterodoxa, que son menos usadas pola teoría económica. Pódense incluír: a economía institucional, a economía marxista, o socialismo, e a economía verde:
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Economía |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Economía, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.