As células nai ou células troncais (stem cells) son células capaces de se autorrenovaren por case infinitas divisións mitóticas, ou ben de continuaren a vía de diferenciación celular ata produciren células especializadas.
A maioría de tecidos dun individuo adulto posúe unha poboación específica propia de células nai que permiten a súa renovación periódica ou a súa rexeneración cando se produce algún dano tisular. Algunhas células nai adultas son capaces de diferenciarse en máis dun tipo celular, como as células nai mesenquimáticas e as células nai hematopoéticas, mentres que outras se cre que son precursoras directas das células do tecido no que se atopan, como as células nai da pel ou as células nai gonadais.
As células nai embrionarias son aquelas que se atopan no embrión de ata 4-5 días de idade e que teñen a capacidade de formar todos os tipos celulares dun organismo adulto. Unha característica fundamental das células nai embrionarias é que poden manterse (no corpo ou nunha placa de cultivo) de forma indefinida. O feito de que unha soa célula nai sexa capaz de formar case calquera tipo de célula abre o emprego destas células como forma de experimentación para curar enfermidades ou rexenerar tecidos danados, como ocorre na rama da ciencia denominada enxeñaría de tecidos.
As células nai pódense clasificar de acordo co tipo de células que poden xerar:
Tras a fecundación, isto é, a unión do xenoma do óvulo co espermatozoide, fórmase unha célula quen de xerar un individuo completo. Esta primeira célula, denominada embrión, é pois unha célula totipotente, xa que a partir dela se obterán todos os tipos celulares até acadar o organismo adulto, con todos os seus órganos e tecidos. Mais non só esa primeira célula é totipotente: as células que resultan da división mitótica da anterior poden chegar a formar tamén un individuo adulto, mais só durante as primeiras 120 horas do desenvolvemento.
A partir do cuarto día, o embrión deixará de ser totipotente para se converter en pluripotente. Distinguiranse dous tipos celulares:
O trofoblasto e o embrioblasto denomínanse en conxunto o blastocito.
Nun individuo adulto tamén hai células nai, que son capaces de diferenciarse para xerar novos tecidos. Na súa maioría atópanse na medula ósea e na pel, e escasamente noutros tecidos. Así, as células nai adultas son específicas dun tecido. Nun principio pensouse que só poderían xerar células do seu mesmo tecido. Por exemplo, unha célula nai da medula ósea poderá crear glóbulos vermellos do sangue, mais non poderá crear unha neurona. Mais estudos recentes demostraron que non é así, xa que se poden obter células sanguíneas a partir de células nai neuronais , e cada día descóbrense máis casos debido ás continuas investigacións.
O feito de que as células nai adultas teñan unha potencialidade maior da que se pensaba abre novos camiños á investigación en canto a terapia xénica e biomedicina, posto que é máis doado traballar con células adultas que con células embrionarias. Ademais, as leis de moitos países sobre a manipulación de embrións humanos limitan o avance neste campo.
En bioloxía empréganse basicamente dous tipos de células nai.
As células nai poderíanse empregar para testar e probar medicamentos en tecidos antes de se aplicaren a humanos. Os campos máis avanzados nos que se emprega a célula nai atópanse na enxeñaría tisular, sobre todo en tecidos epiteliais ou óseos, ademais do sangue.
A controversia sobre as células nai é o debate ético sobre as investigacións da creación, uso e destrución das células nai embrionarias. A oposición ás investigacións di que esta práctica pode levar á clonación e fundamentalmente á desvalorización da vida humana. Contrariamente, as investigacións médicas opinan que é necesario proseguir coas investigacións das células nai embrionarias porque as tecnoloxías resultantes poderían ter un gran potencial médico, e que o exceso embrionario creado pola fertilización in vitro pode ser doado para as investigacións. Isto en cambio, produciu conflitos co movemento Pro-Life (Pro-Vida), quen se adxudica a protección de embrións humanos. O constante debate fixo que autoridades de todo o mundo busquen a regularidade nos seus traballos. De feito, existe un conflito ético-científico que fai que non exista unanimidade sobre o tema.
O polémico tema sobre o emprego de células nai na clonación e na enxeñaría tisular está recollido en diferentes leis estatais.
No ano 2001 acadouse no Medical College de Nova York a reparación do 68% do tecido cardíaco dun rato que sufriu un infarto, inxectando células dende a medula ósea. Rexenerouse o músculo estriado, o endotelio e a musculatura lisa, polo que o corazón volveu funcionar.
En Navarra, a Clínica Universitaria conseguiu curar tamén un infarto a unha muller implantándolle as súas propias células nai. Extraéronselle células nai da coxa e, tras unha selección e un posterior cultivo, fóronlle implantadas con éxito, curándolle o tecido danado tras varios infartos.
Experimentos na Universidade Miguel Hernández de Elx en ratos cun páncreas defectuoso (non xeraba insulina), remataron coa obtención de células secretoras de insulina a partir de células nai, co que os ratos curaron esa deficiencia diabética.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Célula nai, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.