Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra, cunha ou varias imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza (teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores).
O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega. Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis. O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross as que son de moita influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña), Alemaña e Gran Bretaña.
Non se coñece o número dos existentes en Galicia, e a distribución por provincias é desigual, observándose unha maior abundancia nas provincias da Coruña e Pontevedra e sendo máis escasos en Lugo e Ourense. Clodio González Pérez di que pasan dos 10.000, entre cruces e cruceiros. A Universidade da Coruña, que está realizando desde 1993 un inventario concello a concello, estima o número en "polo menos 12.000". como exemplo, hai catalogados "case 140 cruceiros, cruces e petos" no Porriño,, 118 en Rianxo "algo más de 300" en Vilalba, máis de 250 na comarca de Pontevedra.. Segundo o inventario que realizou Yves Castel en 1980, a Bretaña francesa contaría cuns 9.000.
A efectos dunha máis sinxela análise, cómpre diferenciar na denominación común de cruceiro as seguintes tipoloxías:
Mención á parte merecen os petos de ánimas, outra mostra tipicamente galega da escultura relixiosa pero de características propias.
Xa desde os principios do cristianismo se buscou unha sacralización dos lugares de culto pagán ou sospeitosos de ter tal culto. Con ese obxectivo colocáronse cruces sobre pedras con algunha simboloxía, sobre menhires ou pedras significativas. Outro exemplo desta intención cristianizante é o cruceiro de Presqueira (Baños de Molgas), levantado sobre un petróglifo. Por outra banda, están as cruces colocadas sobre miliarios romanos, das que aínda quedan exemplos como o cruceiro de Foncuberta, en Maceda (Ourense).
En calquera caso, parece aceptarse unanimemente a teoría de Castelao de que os cruceiros son unha creación gótica. A orixe dos cruceiros, tal como os entendemos hoxe, pode situarse na segunda metade do século XIV ou xa no século XV. O seu maior desenvolvemento produciuse no século XVII, se ben non foron realmente valorados e estudados ata ben entrado o século XX, a partir dos exhaustivos traballos de Castelao sobre as cruces de pedra en Galicia e na Bretaña (publicados como As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na Bretaña).
Castelao defendía a tese de que os cruceiros foron introducidos en Galicia por influencia das viaxes de San Vicente de Ferrer, que estivo por terras galegas en 1412 e trouxo o modelo das cruces de termo levantinas. Tamén viaxou pola Bretaña francesa en 1419, onde morreu, o que lle permite explica-la semellanza entre os cruceiros galegos e bretóns, esa semellanza podería deberse á influencia que exerceu o Camiño de Santiago, que permitiu que os peregrinos bretóns trouxeran e levaran estilos e iconografía.
O cruceiro máis antigo que se conserva (o Cruceiro do adro de San Roque de Melide, do século XIV) é unicamente unha cruz sobre unha columna moderna, do que Castelao deduce que, en orixe, os nosos cruceiros eran só cruces de pedra que se trasladaban dun lugar a outro ata asentarse nalgún momento sobre unha pedra ou sobre un pedestal. Da mesma época son tamén os cruceiros (realmente, cruces) das Ribeiras do Sor (en Mañón) e o de Neda.
Co século XVI veu unha redución da carga figurativa e a simplificación da cruz. Simultaneamente, os cruceiros van estendéndose ó longo da Galicia rural para ir aparecendo en aldeas e lugares remotos.
No concilio de Trento (1545-1563) acórdase, entre outras cousas, que existe un purgatorio no que as almas deben redimirse dos seus pecados antes de poder ascender ó ceo. Tamén se acepta, no que agora nos interesa, que os familiares e amigos vivos do defunto poden interceder polo seu perdón mediante penitencias e obras piadosas. Deste xeito comezan a construírse cruceiros pagados por persoas que buscaban gañar indulxencias para si mesmo ou para as súas persoas queridas. Así queda ben reflectido nun cruceiro de Fornelos de Montes que un tal José Benito Correa Alemparte mandou facer "por perdón de Dios y para los herederos de mi hija María, muerta de mala muerte".
Igualmente, os cregos das ordes mendicantes, especialmente franciscanos e dominicos, estenden nas súas prédicas a idea do purgatorio e incitan ós veciños a costea-la construción de cruceiros, entre outras formas de facer esmolas.
Vexamos outros exemplos:
Castelao recolle así esta intención expiatoria dos cruceiros:
Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixoCousas, Castelao.
Desta época (século XVI) datan moitos dos cruceiros galegos, como os da Virxe dos Remedios (en Muros, 1586), o de Fondo da Vila (Padrón, 1587), o de Ferreiros (O Pino, 1622), o do Campanario (Vilagarcía de Arousa, 1683) ou o de Ansemil (Silleda, 1698), entre outros moitos.
Entre os séculos XVI a XVIII segue a expansión dos cruceiros por toda Galicia e adquiren cada vez máis carácter de obxecto de culto popular. A imaxinería barroca propia da época vai engadindo novos elementos ás figuras talladas e aumentando o dramatismo da escena representada, sobre todo segundo imos entrando no século XIX, coa representación da Virxe con Xesús morto no seu colo ou ben ela soa, cunha espada ou varios puñais cravados no peito. Deste estilo son, por exemplo, as obras de Manuel González Perdiz (autor dos cruceiros de Padrenda, Cenlle, Goiás de Lalín etc.), André Castaño Castro ou de Xosé Cerviño García (autor do do Hío, en Cangas).
Estruturalmente, os cruceiros son esculturas en pedra de granito, coa cruz (a parte superior) esculpida normalmente nunha soa peza, aínda que os hai con imaxes engadidas á cruz. De altura variable, adoitan ter entre 3 e 5 metros da base ó cumio da cruz. Moitas delas estiveron policromadas nun principio e hoxe en día poden verse restos de policromía en moitos deles e, nalgún caso, a pintura renóvase ata a actualidade.
Salvo excepcións, os cruceiros están constituídos por unha única cruz, pero hai casos nos que atopamos grupos de tres cruces. Son os calvarios, nos que habitualmente só está tallada a cruz central e, ás veces, nin esta. Polo seu merecemento, cómpren destaca-los calvarios de Santa María, de Castro Barbudo (Ponte Caldelas), o de San Martiño (en Bueu), o de Beade ou o de Bieite (Leiro), moito máis simple.
A expresión simplificada do cruceiro é a cruz de pedra, soa, sen máis nada, pero resultan moito máis habituais os cruceiros máis elaborados. A tipoloxía dos cruceiros galegos é moi variada, segundo os recursos económicos da persoa que encargara a súa construción, pero basicamente consta dos seguintes elementos:
Na mesa de pedra qu’está arrentes doi cruceiro pousaron onte, para botarlle o responso, o corpo morto d’un rapaz que veu do servicioCastelao: "O cruceiro", en Alma Gallega 1922, 35.
As imaxes representadas nos cruceiros galegos son moi variadas pero podemos agrupalas nas seguintes tipoloxías:
A maior parte dos cruceiros galegos son anónimos, non quedando constancia dos canteiros que os fixeron (tamén chamados santeiros). Resulta máis habitual sabe-lo nome de quen os encargou (o que abona a teoría de que a súa intención fose a de conseguir oracións para salva-las súas almas) e a data na que foron erguidos, porque no pedestal do cruceiro adoita constar inscrito. A seguinte relación, incompleta, recolle os nomes dalgúns dos santeiros coñecidos, xunto ós cruceiros que fixeron e a data. Nos máis recentes indícanse as datas de nacemento e morte.
Os modernos canteiros seguen esculpindo cruceiros e en numerosos lugares, sobre todo chalés e xardíns e prazas públicas, podemos velos acabados de facer, con mellor ou peor fortuna. Escultores de sona, como Francisco Asorey ou Antonio Faílde, tamén seguiron este estilo.
Os cruceiros son unha mostra clara do patrimonio histórico, artístico, cultural e etnográfico que cómpre conservar. Non obstante, o estado de conservación dos cruceiros galegos, como todo o resto do seu patrimonio, é moi irregular. Hainos perfectamente conservados, protexidos, coñecidos e respectados, pero só gozan desta situación os máis sobranceiros. Moito máis común é unha situación de protección teórica, establecida por lei, que non foi quen de evitar un innúmero de casos de destrución (accidental ou provocada) e de espolios, tanto de imaxes como do cruceiro completo. Tamén resulta desgraciadamente frecuente a presenza nas inmediacións do cruceiro de cables eléctricos, postes de luz, sinais de tráfico, contedores de lixo, marquesiñas de autobús etc.
Os cruceiros forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia dunha forma expresa xa desde 1963, que obrigaba ós propietarios a non realizar ningunha intervención neles sen autorización oficial, asimilaba o seu comercio ó das obras de arte e facía recaer nos concellos a responsabilidade de vixialos e conservalos.
Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.
Creouse o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, pero este inventario aínda está sen facer polo que, por non saber, nin se sabe o número de cruceiros en Galicia e moito menos o seu estado de conservación. Moitos concellos teñen feito xa un inventario dos seus bens histórico-artísticos, sexa por necesidade de regulación dentro dos seus Plans de Ordenación Urbana, sexa por iniciativa municipal ou dalgún particular ou organización cultural local, pero tamén é certo que a experiencia demostra que moitos destes catálogos recollen cruceiros xa inexistentes ou son incompletos.
Desde 1993, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, está realizando un inventario pormenorizado de tódolos cruceiros e petos de ánimas galegos, coa creación dunha ficha de cada exemplar co plano de situación, fotografías e debuxos, descrición, datos históricos e etnográficos, estado legal, estado de conservación etc. Xan Casabella, director deste proxecto de catalogación, explicaba a principios de 2007 que xa estaba feito o 80% do traballo .
Os cruceiros son moito máis que unha manifestación de arte relixiosa, por máis que esa fose a razón orixinal da súa construción. Cumpren, efectivamente, unha función relixiosa, sacralizadora, dun determinado lugar, sexa certo ou non que alí se celebraran cultos pagáns, pero chegan moito máis aló. Tamén son moito máis que un simple fito xeográfico que marca un lugar ou un linde entre parroquias. Son sinais de identidade da aldea ou da parroquia, lugares de encontro e de referencia na vida diaria da xente da aldea. Os cruceiros son obxectos sagrados e, por extensión, tamén o é lugar onde se levantan. Ante os cruceiros rezábase polas ánimas dos mortos, pero tamén pedindo axuda a Deus: lémbrese a lámina de Castelao no caderno Nós: "Non me fan xustiza, Señor".
Ó redor dos cruceiros xurdiron ó longo dos séculos crenzas e supersticións, case sempre relacionadas coa morte de alguén -normalmente, violenta-, e buscouse neles protección contra o sobrenatural, especialmente contra a Santa Compaña, as meigas e a morte (quizais aí estea a razón da presenza de tantos cruceiros nas encrucilladas e nos camiños ó cemiterio). Erguéronse na praza da aldea para protección da xente e no campo da feira para a protección do gando.
O feito de erguelos naqueles puntos nos que tivo lugar unha morte violenta busca dar descanso á alma da vítima, propiciar que Deus a acolla e evitar que ande vagando polo lugar e poida producir algún dano ós viandantes.
Nalgúns cruceiros existiu o costume de soterrar ó seu pé os nenos mortos sen bautizar, como mostran as letras iniciais ou pequenas cruces gravadas na base do cruceiro.
Ó redor dos cruceiros naceron tamén tradicións, como o bautismo no ventre da nai (testemuñado nos cruceiros situados nas pontes ) e outras prácticas máxicas para cura-lo tangaraño (raquitismo) ou para buscar un embarazo. Identifican, deste xeito, lugares de curación máxica.
Xa mencionamos que algúns cruceiros posuían unha pequena mesa ó pé. Nesta mesa pousaban o cadaleito no camiño ó cemiterio mentres rezaban un responso. Tamén, noutros sitios, as procesións celebradas con ocasión da festa do lugar aproveitaban esta mesa para pousa-lo Santo e rezar, ou ben os participantes daban unha volta ó redor do cruceiro.
Aínda hoxe poden verse nalgún caso cirios colocados nos banzos da base, ou ofrendas de froitos, espigas de millo, flores, exvotos, que non son outra cousa que anónimos xestos de piedade.
Fermín Bouza-Brey recolle a seguinte lenda en torno ó cruceiro da Gándara, no lugar da Cerqueira (Santa Cristina de Vea, A Estrada).
Cóntase tamén que no lugar –hoxe deshabitado- de Fromariz, en Moncelos, Abadín (Lugo), puxeron un cruceiro porque alí se aparecían ós transeúntes estraños animais: unha vaca con sete becerros, unha cocha con oito ranchos, gatos que se enrodelaban nas pernas etc. E disque que desde que puxeron o cruceiro xa non se aparece nada.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cruceiro |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Cruceiro, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.