Melide é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Melide.
Segundo o IGE no ano 2023 tiña 7.563 habitantes, dos cales 3.705 eran homes e 3.858 mulleres. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é melidense, melidao e melidá.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital de | |||||
Capital | Melide | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 7.553 (2023) (74,78 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 101 km² | ||||
Altitude | 454 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | José Manuel Pérez Penas (2019–) | ||||
Eleccións municipais en Melide | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15800 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15046 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | concellodemelide.gal |
Censo total | 7.563 (2023) |
---|---|
Menores de 19 anos | 1.202 (15,89 %) |
Entre 20 e 64 anos | 4.353 (57,56 %) |
Maiores de 65 anos | 2.008 (26,55 %) |
Gráfica de evolución demográfica de Melide entre 1842 e 2023 |
Melide atópase a 454 m de altitude sobre o nivel do mar, na caída dos montes da Serra do Bocelo, que acada a súa máxima altura no Coto do Pilar (803 m, o punto máis alto da provincia da Coruña), asentándose sobre unha chaira, o núcleo urbano, e terras baixas, pertencentes á conca do Ulla, articulándose sobre o río Furelos, cun réxime térmico moderado.
Nun documento lucense de 747, o chamado testamento de Odoario, noméase por primeira vez o territorio de Abeancos, o que hoxe é terra de Melide, e con el unha serie de lugares onde non figura Melide. Aparecen aldeas actuais como Zaramil (Villa Salamini), Paradela (Paratella) ou Boente (Boenti), mais non Melide. As primeiras mencións históricas a Melide son de mediados do século X e principios do XI, logo de que no primeiro terzo do século IX se referencie nos documentos da época o suposto descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago o Maior. Por Melide vai pasar o Camiño Francés e confluír o Camiño Primitivo ou de Oviedo. Este feito histórico marcará o nacemento de novas poboacións e o seu desenvolvemento na antiga terra de Abeancos, entre elas a vila de Melide.
A partir do século IX o crecemento incesante das peregrinacións a Santiago de Compostela condicionará o desenvolvemento urbano no contorno do castelo ou fortaleza, para dar orixe á formación do burgo novo de Melide.
Ao longo das dúas vías principais de acceso ao castelo, agora Camiño de Santiago e Camiño de Oviedo, acaban por establecerse con carácter permanente grupos de comerciantes e artesáns atraídos polas boas expectativas de negocio que ofrecía este lugar de paso de peregrinos, tan concorrido e tan seguro. Extramuros, a carón da porta de entrada ao castelo e ao longo do camiño, o que hoxe é rúa Principal, fixan a súa residencia e o seu lugar de traballo os comerciantes, artesáns e pousadeiros medievais, formando un suburbio (suburbium), denominado nos textos da época burgo novo (novus burgos) por oposición ao burgo feudal ou vello (vetus burgus) ao que estaba unido. Aínda a finais do século XVI unha grande parte da veciñanza melidá estaba formada por pousadeiros.
En 1320 a vila é favorecida cun portádego e co amurallamento do seu burgo. Estes logros son conseguidos polo arcebispo de Santiago de Compostela, Berenguel de Lendoira, moi agradecido pola axuda que recibira do entón señor da vila, Fernán Fernández de Abeancos. A cerca rodeará o enclave comercial para a mellor defensa de posíbeis asaltos e saqueos.
Das murallas, probabelmente derrubadas durante a revolta irmandiña, non se conserva hoxe nada, xa que na sesión do 12 de xaneiro de 1841 o Concello acordou sacar a poxa os últimos restos.
A comunidade de comerciantes e artesáns non tardará en desbordar os estreitos límites desta muralla e ocupará primeiramente as marxes dos camiños de peregrinacións (Camiño Francés e Camiño de Oviedo) para despois asentarse pouco a pouco nos terreos próximos.
Así nas aforas do recinto fortificado, ao carón do Camiño de Santiago, a comunidade de comerciantes promoverá a construción da igrexa de San Pedro. Preto dela, na outra beira do Camiño de Santiago, aparecerán posteriormente o primeiro hospital medieval de peregrinos (sobre o que se ergueu o actual edificio do Museo da Terra de Melide) e un enclave franciscano, o primeiro mosteiro de Sancti Spiritus, fundado no século XIV.
Entre 1467 e 1469 a Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia, vai ter cinco grandes reunión. A gran primeira xuntanza, e nacemento da dita Xunta, vai ser en Melide. Elíxese a vila pola súa privilexiada localización: “Porque era en la meitad del Reino”.
No século XV xorden ou adquiren un significado social e político que antes non tiñan en Galicia novas liñaxes, entre elas os Ulloa.
O feito máis salientábel, arquitectonicamente falando, dos Ulloa en Melide, foi a reconstrución da igrexa do convento de Sancti Spiritus por volta de 1498, promovida por Sancho Sánchez de Ulloa.
Do século XVII é a fundación e edificación da Obra Pía de San Antón, pazo barroco con capela dedicado inicialmente ao ensino.
Durante o século XVIII amplíase a igrexa do convento de Sancti Spiritus e constrúese a súa actual fachada barroca.
En 1835 levouse a cabo a desamortización do convento, o cal, logo de ser abandonado, se converte en 1840 en igrexa parroquial.
Melide tamén terá o seu protagonismo na Guerra da Independencia. No mes de xuño de 1809 as tropas napoleónicas estaban acampadas en Melide. Eran batallóns que o francés Marconet, que ocupaba a cidade de Santiago, tiña acampados na vila de Melide. A presenza dos soldados franceses en Melide provoca que os melidaos e melidás se mobilicen rapidamente contra eles. Os vecinos e veciñas comezan a fustigar os franceses e a causarlles baixas. Isto fai que o xeneral Marconet reforce a garnición de Melide con tropas de refresco. O comandante do batallón de Monforte de Lemos, Antonio Ponce, tivo noticias da chegada destes reforzos e determinou, en compañía do franciscano padre Conde, saír ao encontro dos franceses.
O 17 de xuño de 1809, a avanzada (a partida de soldados que se adianta ao corpo principal para observar de preto o inimigo ou investigar –inquirir- a súa situación) bateu cunha partida de franceses que saíran da vila para procurar provisións polas súas aldeas e mataron a sete soldados franceses e poñen en fuxida os demais.
Cando entran en Melide, segundo consta no parte que o comandante do citado batallón de Monforte de Lemos enviou ao Marqués de la Romana, o tenente da avanzada, José Quiroga, calculou a presenza de non menos de 3000 soldados franceses con bastante cabalaría.
Fin e principio de etapa na vía francesa do Camiño de Santiago, entre o seu patrimonio destacan os elementos románicos conservados en varias das súas igrexas:
En Melide hai máis dunha ducia de cruceiros:
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Melide | |
---|---|
Abeancos (San Salvador) | Os Ánxeles (Santa María) | Baltar (Santiago) | O Barreiro (San Mamede) | Campos (Santa María) | Castro (San Tomé) | Folladela (San Pedro) | Furelos (San Xoán) | Golán (San Xoán) | Gondollín (San Martiño) | Grobas (Santa María) | O Leboreiro (Santa María) | Maceda (San Pedro) | O Meire (San Pedro) | Melide (San Pedro) | Moldes (San Martiño) | Orois (Santa Cristina) | Pedrouzos (Santa Mariña) | San Cibrao (San Xoán) | San Cosme de Abeancos (San Cosme) | Santa María de Melide (Santa María) | Santalla de Agrón (Santalla) | As Varelas (San Martiño) | Vitiriz (San Vicente) | Xubial (Santiago) | Zas de Rei (San Xiao) |
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Melide vexa: Lugares de Melide.
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Melide |
Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Melide, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.