A cor da pel nos seres humanos débese principalmente á presenza do pigmento melanina na pel.
A cor da pel humana vai desde o case negro ao case branco cun certo ton rosa debido aos vasos sanguíneos que hai debaixo da pel. As variacións na cor natural da pel débense principalmente a razóns xenéticas. De acordo cos estudos científicos realizados, a diversidade na cor da pel é maior entre as poboacións da África subsahariana, que presentan valores de reflectancia da pel desde 19 a 46 (a media é 31) comparada coas poboacións europeas e do leste de Asia, que teñen valores de reflectancia da pel entre 62 e 69, e entre 50 e 59, respectivamente. Os albinos de África non foron incluídos nestes cálculos.
A cor natural da pel pode escurecerse como resultado do bronceado por exposición ao sol. A explicación máis aceptada do bronceado é que a pel tende a adaptarse ás intensidades de luz solar que producen vitamina D ou evitar danos pola radiación ultravioleta do sol e a fotodestrución do folato. Outras hipóteses son que serve para protexerse da temperatura ambiental, infeccións, cáncer de pel ou conxelación, alteracións na alimentación, e selección sexual.
O significado social das diferenzas na cor da pel varían entre culturas e entre distintas épocas históricas, o que tivo implicacións no status social e no racismo.
A melanina é un pigmento producido por unhas célula chamadas melanocitos nun proceso chamado melanoxénese. A produción de melanina está catalizada por un encima chamado tirosinase. Os melanocitos producen dous tipos de melanina: feomelanina (vermella) e eumelanina (castaña moi escura). A cantidade e tipo de melanina está controlado por un certo número de xenes que presentan dominancia incompleta. Cada xene ten varios alelos, o que orixina a gran variedade de tons da pel humana.
A melanina controla a cantidade de radiación ultravioleta (UV) do sol que penetra na pel. Esta radiación axuda á formación de vitamina D, pero en exceso pode producir danos e cáncer de pel.
Descubríronse diversos xenes implicados en dar cor á pel. Entre eles están:
Diversos estudos e hipóteses intentan explicar como se produciu a evolución da pel humana. As máis importantes son:
Hipótese da produción de vitamina D. Aproximadamente hai 1,5 millóns de anos, a Terra sufriu un grande período de seca que fixo que os homínidos pasasen de vivir nunha selva vizosa tropical a un ambiente moito máis árido de paisaxes abertas con pouca vexetación alta. Isto, combinouse coa perda da pelaxe densa do corpo, o que causou que os primeiros humanos sufrisen un exceso de radiación ultravioleta sobre a súa pel e un estrés xérico. Rogers et al. (2004) realizaron un exame da variación das secuencias nucleotídicas do xene MC1R de persoas con diferentes antepasados e comparáronas coas secuencias dos chimpancés. Rogers concluíu que aproximadamente hai 5 millóns de anos, no tempo en que se produciu a separación dos chimpancés e os humanos, o devanceiro común de todos os seres humanos tiña pel clara cuberta por pelo escuro. Ademais o noso parente máis próximo existente, o chimpancé, ten pel clara debaixo do mesto pelo negro que a cobre. Co tempo o pelo humano desapareceu para permitir unha mellor disipación da calor por medio da suor e o ton da pel fíxose máis escuro para incrementar a barreira de permeabilidade epidérmica e protexela da falta de folato debida a un incremento da exposición ao sol. Os defensores desta teoría opinan que hai 1,2 millóns de anos, no período en que o Homo ergaster e o Homo erectus, antepasados dos homes actuais, tiñan exactamente o mesma proteína receptora da melanocortina (MC1R) cós modernos africanos. As presións evolutivas fixeron que a calquera variación xenética que orixinase pel máis clara lle fose imposible sobrevivir baixo o intenso sol africano, e a pel humana permaneceu escura durante os seguintes 1,1 millóns de anos.
Aproximadamente hai entre 70.000 e 100.000 anos os humanos modernos empezaron a migrar desde os trópicos cara ao norte, onde estaban expostos a menos intensidade de luz solar, posiblemente, en parte, debido á necesidade dun maior uso de roupas para protexerse do frío, as cales cubrirían a pel. Nesas condicións había menos fotodestrución do folato e así a presión evolutiva que impedía que os xenes de pel clara se propagasen viuse moi reducida. Ademais, a pel clara pode xerar máis vitamina D (colecalciferol) ca a pel escura, polo que iso puido representar un beneficio para a saúde neses climas con menos insolación naquelas zonas onde había fontes limitadas de vitamina D na dieta.
As mutacións xenéticas que orixinaron a pel clara, aínda que diferentes nas poboacións do leste de Asia e as europeas, suxiren que estes dous grupos experimentaron unha presión selectiva similar debido ao seu asentamento nas latitudes setentrionais.
Por outra parte, aínda que a pel moi clara parece que é relativamente recente e orixinada fóra de África, tense discutido o grao de pigmentación tiña a pel das poboacións que saíron de África. En principio, non se debe asumir como seguro que todas as poboacións antigas africanas fosen "moi pigmentadas" e todo o aclaramento da pel acontecese despois fóra de África, porque actualmente as poboacións africanas mostran unha enorme variedade en canto á escuridade da súa pel, e o pobo khoisan, que é considerado o pobo africano con secuencias xenéticas máis antigas, é moito máis claro cós seus pobos veciños bantús, polo que os nosos antepasados africanos puideron ter unha variedade de tons de pel, máis escuros ou menos escuros, tan grande como a que se observa nos pobos africanos de hoxe. Non obstante, os primeiros H. sapiens tiñan pel escura, e as comparacións entre os xenes para a pigmentación da pel coñecidos de chimpancés e os modernos africanos indican que a pel escura evolucionou xunto coa perda de pelo do corpo hai uns 1,2 millóns de anos e é o estado ancestral de todos os humanos, e seguramente a dos humanos que emigraron de África. Ademais, as investigacións sobre as poboacións de pel escura do sur de Asia e de Melanesia indican que a pigmentación da pel nestas poboacións débese á preservación deste estado ancestral e non a novas variacións sobre unha poboación coa pel máis aclarada.
Outro aspecto que require matizacións é o da produción de vitamina D. Parece ser que a latitude non predí consistentemente o nivel medio de 25OHD (vitamina D) da poboación. Os raios ultravioleta B que chegan á superficie terrestre en 24 horas durante o verán no norte do Canadá igualan ou exceden aos que chegan no ecuador (onde as noites son máis longas). En consecuencia, hai posibilidades máis que suficientes de que os seres humanos das latitudes altas produzan e almacenen vitamina D3 durante os meses de primavera, verán e outono. Un estudo feito en Toronto (Canadá) concluíu que a pigmentación da pel, calculada medindo o contido en melanina mostraba unha relación inversa cos niveis séricos de 25(OH)D (vitamina D); a máis pigmentación, menos vitamina. Pero a constancia de niveis séricos baixos de 25(OH)D nos indios que viven na solleira India e nos chineses que viven na solleira China, non apoian a hipótese de que os niveis séricos baixos observados nas persoas pigmentadas se deban á falta de síntese na pel nas latitudes altas; debe haber outras razóns (características xenéticas xerais, dieta, hormona PTH...).
Hipótese da aparición da agricultura e cambio de dieta. Aínda que é moi duradeira a hipótese de que a selección da pel clara se debeu á maior produción de vitamina D, e que aconteceu pouco despois da saída do home de África hai uns 40.000 anos, hai moitos investigadores que non están de acordo con ela e suxiren que a insolación que hai nas latitudes setentrionais permite unha suficiente produción de vitamina D combinada coas fontes alimentarias procedentes da caza, o que permitiría que a poboacións se mantivesen saudables, e só cando se adoptou a agricultura houbo unha necesidade de ter a pel máis clara para maximizar a síntese de vitamina D. A teoría suxire que a redución da inxestión de carne de caza, peixe, e algunhas plantas favoreceu o aclaramento da pel moitos miles de anos despois do establecemento desas poboacións en Europa e Asia. Esta teoría está apoiada polos resultados dun estudo do xene SLC24A5, que atopou que o alelo asociado coa pel máis clara en Europa puido terse orixinado recentemente, entre hai 6.000 e 10.000 anos, o cal concorda coas primeiras evidencias da existencia de agricultura.
Hipótese da pel como barreira protectora. Unha das teorías máis recentes propón que a evolución da pigmentación da pel humana está baseada no mellor funcionamento como barreira protectora da pel escura. A maioría das funcións protectoras da pel, como a barreira de permeabilidade e a barreira antimicrobiana, débense ao estrato córneo da epiderme. Parece lóxico supoñer que o estrato córneo foi o que sufriu o maior cambio xenético desde que o home perdeu o seu pelo. A selección natural favorecería as mutacións que preservasen esta función de barreira esencial; e unha das adaptacións protectoras é a pigmentación da epiderme interfolicular, porque mellora a función de barreira comparada coa pel non pigmentada.
Un certo grao de pigmentación irregular afecta á maioría da xente, independentemente da súa orixe étnica ou cor da pel. A pel pode aparecer máis clara ou escura do normal; pode haber zonas con manchas, áreas non uniformes, partes de decoloración castaña ou gris, pencas. Os trastornos na pigmentación da pel aparecen porque o corpo produce demasiada ou pouca melanina.
O incremento na produción de melanina, tamén coñecida por hiperpigmentación, pode ser:
Ademais da exposición ao sol e as hormonas, a hiperpigmentación pode ser causada por danos na pel, como restos de manchas, feridas ou erupcións cutáneas. Isto é especialmente certo nos que teñen tons de pel máis escuros.
A causa máis típica de ter áreas escurecidas na pel, manchas castañas ou áreas decoloradas é a exposición ao sol sen protección.
Nas peles claras ou de tons medios, os léntigos solares emerxen como manchas de tamaño pequeno ou medio de pencas que crecen e se acumulan co tempo nas áreas do corpo que máis sol reciben sen protección, como as costas e as mans, antebrazos, peito e face. Nas persoas con peles máis escuras, estas decoloracións poden aparecer como manchas ou áreas de pel de cor cincenta.
A melanina da pel protexe o corpo da radiación solar. En xeral, canta máis melanina hai na pel máis radiación solar pode ser absorbida. Unha radiación solar excesiva causa danos directos e indirectos no ADN da pel, e o corpo combate este efecto e procura reparar os danos e protexer a pel creando e liberando máis melanina nas células da pel (os melanocitos fabrícana e transfírena aos queratinocitos). Coa produción de melanina a cor da pel escurécese (bronceado). O bronceado tamén pode ser causado por fontes artificiais de radiación ultravioleta.
Están implicados dous mecanismos. Primeiro, a radiación ultravioleta crea un estrés oxidativo, o cal á súa vez oxida a melanina xa existente, o que produce un rápido escurecemento da melanina. En segundo lugar, hai un incremento na produción de melanina (melanoxénese). A melanoxénese vai orixinar o bronceado algún tempo despois, que empeza a facerse visible unhas 72 horas despois da exposición. O ton moreno creado por un incremento na melanoxénese dura moito máis tempo ca o causado pola oxidación da melanina xa existente.
A cor natural de pel dunha persoa ten un efecto na súa reacción á exposición ao sol. O ton da pel humana pode variar de castaño escuro a case sen pigmentación. A efectos prácticos, como para saber o tempo de exposición ao sol para o bronceado, pódense distinguir seis tipos de pel seguindo a clasificación de Fitzpatrick (1975), que se indican en orde ascendente de pigmentación:
Tipo | Tamén chamado | Queimaduras | Comportamento no bronceado | escala de von Luschan |
---|---|---|---|---|
I | Moi claro ou "branco", tipo "celta" | A miúdo | Ocasionalmente | 1–5 |
II | Claro ou europeo de pel clara | Usualmente | Ás veces | 6–10 |
III | Claro intermedio ou europeo de pel escura | Raramente | Usualmente | 11–15 |
IV | Escuro intermedio, tamén "mediterráneo" ou "pel olivácea" e do leste de Asia | Raramente | A miúdo | 16–21 |
V | Escuro ou tipo "castaño" | Moi raramente | Ás veces escurécese | 22–28 |
VI | Moi escuro ou tipo "negro" | Extremadamente raro | Naturalmente con pel castaña escura | 29–36 |
A pel escura con grandes concentracións de melanina protexe contra a exposición á luz ultravioleta e o cáncer de pel; a xente de pel clara ten aproximadamente dez veces máis de risco de morrer de cáncer de pel en comparación cos de pel escura, en iguais condicións de exposición ao sol. Ademais, os raios ultravioleta A do sol crese que interaccionan co ácido fólico dun modo que pode ser prexudicial para a saúde.
Aínda que a pel escura ofrece unha mellor protección contra a luz ultravioleta, pode producir baixos niveis de vitamina D e os individuos de pel escura que viven en latitudes altas, como os afroamericanos, poden ter niveis inadecuados de vitamina D. Diversos estudos mostran que as persoas de pel escura que viven nas sociedades occidentais teñen niveis máis baixos de vitamina D. A explicación clásica de por que ocorre así é que a melanina da pel dificulta a produción de vitamina D. Porén, en estudos recentes atopouse que este baixo nivel de vitamina D nesas poboacións pode deberse a outras razóns, como que as mulleres negras teñen un nivel sérico alto de hormona paratiroide (PTH) a niveis de vitamina D máis baixos ca as mulleres brancas. Nun estudo a grande escala dos determinantes xenéticos da insuficiencia de vitamina D na poboación branca (caucasianos) non se atopou asociación coa pigmentación.
Aproximadamente o 10% da variación na cor da pel ocorre dentro dun mesmo grupo de poboación, e o ~90% ocorre entre distintos grupos de poboación. Como a cor da pel estivo baixo unha forte presión selectiva, poden orixinarse cores de pel similares en poboacións distintas por converxencia adaptativa en vez de por relación xenética, e poboacións con similar pigmentación poden ser xeneticamente tan distintas entre si coma outros grupos con pel moi diferente. Ademais, nalgunhas partes do mundo nas cales a xente de diferentes rexións se mesturou en gran medida, a conexión entre a cor da pel e os antepasados quedou substancialmente debilitada. No Brasil, por exemplo, a cor da pel non está estreitamente asociada coa porcentaxe de devanceiros africanos recentes dunha persoa, como se estimou a partir dunha análise de variantes xenéticas que diferían en frecuencia entre grupos.
En xeral os pobos que viven preto do ecuador son os que están máis pigmentados e os que viven preto dos polos moi pouco pigmentados. O resto da humanidade mostra un alto grao de variación na cor da pel entre eses dous extremos, xeralmente correlacionándose coa exposición á luz UV. A principal excepción a esta regra é o Novo Mundo, onde os pobos nativos levan vivindo só entre 10.000 e 15.000 anos, polo que mostran un grao menos pronunciado de variacións na cor da pel.
En épocas recentes o ser humano fíxose cada vez máis móbil, incementándose as migracións. As migracións dos últimos 4.000 anos, e especialmente nos últimos 400 anos, foron as máis rápidas na historia da humanidade, polo que hoxe as cores da pel non están tan claramente confinadas en determinadas localizacións xeográficas coma o estaban anteriormente.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Cor da pel, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.