María Concepción Jesusa Petra Luisa Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, precursora do feminismo, poeta e autora dramática galega.
É considerada unha das pensadoras máis lúcidas e prestixiosas do século XIX dentro e fóra do país. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.
(1893) | |
Nome orixinal | (es) Concepción Arenal Ponte |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (es) María de la Concepción Pontevilla 31 de xaneiro de 1820 Ferrol, España |
Morte | 4 de febreiro de 1893 (73 anos) Vigo, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Pereiró (1902–) Cemiterio de Picacho (–1902) |
Visitadora de prisións | |
outubro de 1863 – | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade Central |
Actividade | |
Campo de traballo | Dereito penal |
Ocupación | escritora , novelista , asistente social , editora literaria , xornalista |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía, ensaio e teatro |
Lingua | Lingua castelá, lingua francesa e lingua galega |
Familia | |
Fillos | Fernando García Arenal |
A sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano.Concepción Arenal
Concepción Arenal naceu nunha modesta casa do barrio de Ferrol Vello, no número 26 (hoxe 177) da rúa Real, no barrio da Magdalena. Era filla dun militar liberal nado na localidade cántabra de Armaño (Cillorigo de Liébana), Ángel del Arenal, e de Concepción Ponte Tenreiro, que procedía da pequena nobreza galega. A súa infancia estivo marcada pola persecución, represión e desterro que sufriu o seu pai a causa das súas ideas liberais, e pola súa morte prematura a consecuencia delas. Quedou orfa de pai aos nove anos instalándose a súa nai viúva e as tres fillas (Concepción, Antonia e Luísa) en Armaño, no val de Liébana. No ano 1830 morreu Luísa, a súa irmá máis nova. En 1835 abandonaron a aldea e trasladáronse á capital.
Estudou en Madrid, nun colexio para señoritas, cun tipo de educación para nenas de clases acomodadas que máis tarde ela mesma se encargaría de someter a severa crítica por tratarse da "arte de perder o tempo". Mais a maior parte da súa cultura e formación acadouna de xeito autodidacta, especialmente a través da lectura, á que se afeccionou polo contacto coa biblioteca que a súa familia paterna tiña en Armaño (Cantabria), lugar a onde se trasladou coa súa nai e as súas dúas irmás tras quedar orfa de pai. Nestes primeiros anos en Madrid aprende nos seus estudos a comportarse en sociedade como era desexo da súa nai, coa que tiña constantes confrontacións, pero tamén aprende francés e italiano de forma autodidacta. En 1840 regresa a Armaño a coidar da súa avoa Jesusa cando esta enfermou. Tiña vinte e un anos cando morreu a súa nai.
Asiste á Universidade vestida de home, ás aulas da carreira de Dereito Penal e Xurídico, xa que nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores en España. Cortou o cabelo, vestiu levita, capa e sombreiro de copa. Cando se descubriu a súa identidade, interveu o reitor. Tras un exame satisfactorio foi autorizada a asistir ás clases, cousa que fará desde 1842 a 1845.
O rito era o seguinte: acompañada por unha familiar dona Concepción presentábase na porta do claustro, onde era recollida por un bedel que a trasladaba a un cuarto no que se mantiña soa ata que o profesor da materia que ía impartirse a recollía para as clases. Sentada nun lugar diferente do dos seus aparentes compañeiros, seguía as explicacións ata que a clase concluía e de novo era recollida polo profesor, que a depositaba no devandito cuarto ata a clase seguinte.Amelia Valcárcel. Feminismo en un mundo global
O 10 de abril de 1848 casou con Fernando García Carrasco na parroquia de San Ildefonso, no barrio de Malasaña. Con el compartiu inquedanzas e traballo intelectual, amosando un modelo de igualdade na parella; asistían xuntos ós faladoiros do café Iris, ela vestida de home, segundo Antonio Cánovas del Castillo. A parella tivo unha filla, Concepción, e dous fillos, Fernando e Ramón. A filla morreu ós 28 meses por hidrocefalia aguda. Despois do derradeiro parto a saúde de Concepción Arenal quedou delicada para o resto da súa vida. Quedou viúva aos trinta e sete anos e o seu fillo Ramón (Madrid 1852 - A Habana 1884) tamén morreu prematuramente. Ao morrer o seu marido deixou de poder publicar artigos en prensa a consecuencia dunha lei que obrigaba a asinalos. A partir de 1859, froito dunha intensa actividade intelectual, comeza a ser visible o seu traballo na prensa. Logo de morrer o seu home instalouse en Colloto, en Oviedo e máis tarde en Potes, na actual rúa de San Roque. A súa neta Concepción García-Arenal Winter, filla de Fernando García Arenal, era tamén sobriña do enxeñeiro, pedagogo e escritor Ernesto Winter Blanco, e dona do enxeñeiro e inventor Federico Cantero Villamil.
Foi nomeada "visitadora de prisións de mulleres" en 1864, posto que foi suprimido definitivamente dez anos despois. Na Coruña trabou unha grande amizade con Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina. Concepción Arenal asistía ao parladoiro que organizaba a condesa na súa casa da rúa Real e as dúas promoveron unha asociación para visitar as mulleres presas chamada das "Magdalenas". Concepción Arenal escribía cartas dirixidas ás reclusas nas que explicaba o contido do Código penal daquela vixente (o de 1850) e comentaba algúns artigos, especialmente os que facían referencia a delitos cometidos por mulleres. Juana de Vega era a que se encargaba de lerlles esas cartas ás presas mentres Concepción Arenal se dedicaba a observar as actitudes destas durante a lectura.
As dúas últimas décadas da súa vida pasounas co seu fillo Fernando, primeiro en Xixón e, tras un breve paso por Pontevedra, en Vigo. Foron anos de moi intensa actividade social e intelectual, malia o seu precario estado de saúde. Salvo pequenos períodos e por motivos de empeoramento da súa saúde, Concepción Arenal non deixou de escribir, estudar e revisar as súas propias obras e ideas, até o fin da súa vida. Boa proba diso constitúea a súa ampla bibliografía, que se agrupa, fundamentalmente, ao redor de tres grandes temas: as denominadas "cuestión social", "penitenciaria" e "feminina". A súa obra tivo repercusión internacional malia que Concepción Arenal non saíu nunca de España. Porén, enviou informes a congresos internacionais que foron obxecto de unánime aplauso por parte dos expertos alí presentes; colaborou en publicacións e libros editados en francés e inglés; ilustres personaxes do ámbito penal e penitenciario, como Roeder e E. C. Wines, eloxiaron a súa obra e persoa; libros seus, como El visitador del pobre e El visitador del preso escritos en castelán foron traducidos a outras linguas.
A influencia do ideario liberal e do krausismo é fulcral na súa obra aínda que o seu pensamento é orixinal e tivo importancia tamén na súa vida pola amizade con Manuel de la Cuesta, Salustiano Olózaga, Juana de Vega, Fernando de Castro, Francisco Giner de los Ríos e Gumersindo de Azcárate.
Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.
É un erro grave e dos máis prexudiciais, inculcarlle á muller que a súa misión única é a de esposa e nai [...]. O primeiro que necesita a muller é afirmar a súa personalidade, independentemente do seu estado, e persuadirse de que, solteira, casada ou viúva, ten dereitos que cumprir, dereitos que reclamar, dignidade que non depende de ninguén, un traballo que realizar e idea de que é cousa seria, grave, a vida e que se a toma como un xogo, ela será indefectibelmente un xoguete.Concepción Arenal. "La educación de la Mujer"
Morreu o 4 de febreiro de 1893 en Vigo e foi inhumada no Cemiterio de Picacho. Os seus restos foron trasladados en 1912 ao cemiterio de Pereiró. No seu epitafio o lema que a acompañou durante toda a súa vida: Á virtude, a unha vida, á ciencia.
Un gran número de rúas, prazas e centros de ensino por toda Galiza e resto de España levan o seu nome, así como tamén o levou un Airbus A340 de Iberia e un barco en activo da SASEMAR. O trofeo de fútbol do verán en Ferrol fundado en 1953 chámase Trofeo Concepción Arenal.
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concepción Arenal |
A Galicitas posúe citas sobre: Concepción Arenal |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Concepción Arenal na súa lingua orixinal |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Concepción Arenal, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.