As diferentes actitudes ante a morte —propia ou dun ser querido— responden, o mesmo que noutros momentos transcendentais da vida, ás diversas opcións relixiosas e filosóficas de cada quen, pero tamén ó contexto social no que se vive.
A Galicia rural, ata hai ben pouco claramente diferente da Galicia urbana, baseábase nunha estrutura de cohesión do grupo social, neste caso o lugar ou a parroquia, cun sistema de colaboración e axudas mutuas firmemente establecido tanto no seu modo de entende-la vida como no seu modo de enfrontarse á morte. As tradicións e prácticas ritualizadas ó redor do momento da morte dun veciño, tantas veces deostadas como simples supersticións, tiñan un significativo valor afectivo e humano, e estaban destinadas a asumir ese momento, a alivia-la dor dos familiares e a fortalece-los lazos que unían ós membros da parroquia ó redor da persoa que falecía e da súa familia.
A morte pode entenderse como o tránsito desta vida, material e corpórea, a outra vida, espiritual. Trataríase neste caso dunha fase máis da cadea vital que comezaba no momento de nacer, e quizais de aí a consideración da morte como viaxe. Pode entenderse tamén como un remate no que todo acaba definitivamente, un punto final. Os antropólogos Vicente Risco e Mariño Ferro afirman sen dúbida que na Galicia rural rexía a primeira opción:
Entende-la morte desde un ou outro punto de vista responde, como xa se dixo, a criterios relixiosos, principalmente, ou filosóficos pero, sexa como for, vai explica-las grandes diferenzas no tratamento social que se lle vai dar a ese momento e na asimilación das súas consecuencias, tanto por parte do suxeito que morre como por parte do ambiente familiar e social que o sobrevive.
Na Galicia rural, tradicional, a morte era algo sempre presente, cotiá, á que se esperaba e para a que cumpría prepararse. Desde sempre estivo rodeada dun complexo sistema de prácticas ritualizadas que comezaban a pórse en acción desde os momentos previos ó pasamento ata máis ou menos tempo despois de producirse este. Estas prácticas, algunhas herdadas desde tempos da romanización ou anteriores, establecéronse secularmente na memoria colectiva, sendo asumidas e coñecidas por todos. En definitiva, e aínda que se saiba perfectamente que a todos nos chega (Ó fin, morrer hai que morrer), no momento último da morte o protagonista está só e ten medo. Tamén a familia vive unha sensación semellante, ante a inminencia da ausencia do ser querido e da perda da súa presenza e amparo. Por todo iso, o grupo familiar e social ó que pertencen préstase a axudar no que estea na súa man e a comparti-la dor, e acoden á casa para demostrar esa solidariedade, ese apoio, ese conforto, nunha despedida que quere pór en evidencia que os protagonistas directos non están sós.
Para unha mellor descrición dos costumes tradicionais que existiron en Galicia ó redor da morte convén diferencia-los distintos momentos ou fases cronolóxicas que se van suceder:
Unha das características máis específicas da diferente concepción ante a morte entre o medio rural e o urbano é a preferencia no primeiro por unha morte lenta e anunciada, que permita certa preparación espiritual e poder deixar solucionadas as últimas vontades, fronte á morte rápida, súbita, á que se aspira no segundo caso. Esta distinción dá pé ós conceptos de morte morrida —a que sería por morte natural— fronte a morte matada, porque unha boa morte é a mellor sorte.
En calquera caso, crese firmemente en que a morte sempre avisa, o que permite prepararse para ese momento, e iso axuda a minora-la angustia da ameaza constante da morte. O conto é saber capta-los anuncios que nos envía. Estes avisos chegan por distintas vías: ánimas ou espíritos que se achegan a quen vai morrer ou a alguén do seu contorno (o caso máis coñecido sería o da Santa Compaña); a propia morte que vén advertir o futuro defunto, antes de vir buscalo definitivamente; ou mediante outros sinais emitidos, normalmente, por distintos animais. Tamén se interpretan así outros feitos inexplicables, como o toque dunha campá sen que ninguén a tanxa, a coincidencia do son das campás de dúas parroquias, que se apague un cirio no funeral ou o cheiro a cera ou a aceite nunha encrucillada ou dentro da casa. Verte-lo sal na mesa pode considerarse só agoiro de mala sorte ou mesmo unha maior desgraza, así como escoitar golpes na porta ou na ventá (que se explican como ánimas que veñen petar na porta para entrar na casa). Crese, finalmente, que as ánimas dos familiares emigrados ou que viven lonxe poden vir facernos unha última visita de despedida xusto no instante no que morren.
A capacidade de percibir este tipo de avisos non é común e crese que algunhas persoas son máis propensas que outras. Son os vedoiros, que poden chegar a ver o enterro tal como se vai producir, recoñecendo tanto o morto como os que o acompañan.
Entre os animais que agoiran unha desgraza, os anuncios de morte máis recoñecidos son:
En Arcos de Furcos (Cuntis, Pontevedra), crese que cando morre un cura nacido na parroquia, doce veciños máis morrerán antes de cumprir un ano.
Cando alguén sufría unha longa enfermidade que os médicos non daban curado, de modo que se lle vía irse consumindo pouco a pouco e sen remedio, os seus familiares ofrecíano a un santo, ó Nazareno ou á Virxe. Este ofrecemento consistía en comprometerse a realizar algún tipo de sacrificio, ritual ou peregrinación a modo de expresión pública de agradecemento á intervención divina se se conseguía a curación. Son coñecidas, neste sentido, as procesións das mortallas que se celebran na Pobra do Caramiñal (A Coruña) o terceiro domingo de setembro con ocasión do Nazareno, ou en Ribarteme (As Neves, Pontevedra), con ocasión de Santa Marta (o 29 de xullo). Nestas procesións, os ofrecidos, quen fixo o ofrecemento ou ámbolos dous vestían hábitos relixiosos ou acompañaban un féretro trala imaxe do santo, que simbolizaba o que tiñan preparado para el.
Ante a inminencia do momento da morte, perdida xa toda esperanza, a familia comeza a preparar o moribundo a afronta-lo pasamento, á vez que se prepara ela mesma ante a nova situación na que se vai ver a partir dese momento. Familiares e veciños comezan a mobilizarse para axudar e comunica-lo acontecido. Uns avisan o abade da parroquia para que veña darlle o Viático. Outros avisan o resto dos veciños e os familiares que viven lonxe. Outros comezan a prepara-la casa para recibi-la visita dos veciños.
Para axudar a ben morrer ó moribundo colócanlle cousas santas, sobre el ou ó seu carón: crucifixos, estampas, escapularios, cirios acendidos (con especial preferencia os que foron bendicidos o Xoves Santo ou o día das Candeas) e roupas relixiosas. Resulta habitual recorrer a cubrilo cun hábito de San Francisco, se quen morre é home, ou un manto da Virxe, se é muller. O crego lévalle o viático (etimoloxicamente, as provisións que se lle dan a alguén para a súa viaxe) e dálle a Extrema Unción.
En Moraña (Pontevedra) crese que cando a agonía se prolonga moito é porque o moribundo ten unha débeda pendente con alguén. Sábese porque cando chega esta persoa ó seu carón prodúcese a morte ó pouco tempo, o que se explica como se estivese esperando por el para que o perdoase antes de morrer.
O momento exacto da morte só se podía acreditar por métodos empíricos. A presenza do médico era absolutamente infrecuente polo que non podía contarse cos medios técnicos necesarios para apoiar ese ditame. Ademais de observa-la falta de movementos, a ausencia de respiración, a frialdade que se ía instaurando, o máis común era confirmalo colocando un espello, un cristal ou a folla dun coitelo xunto á boca; outras veces, unha candea:
Confirmada a morte, comezábase a prepara-lo corpo para a súa presentación no velorio e posterior enterro.
O primeiro coidado que se debe ter co defunto é pecharlle os ollos, porque se cre que se quedan abertos van chamando por outra persoa da familia para que o acompañe na viaxe ó outro mundo. Tamén hai que pecharlle a boca, atando o queixo cunha cinta ou cun pano, branco nuns sitios, negro noutros. Unha vez que o cadáver estea ríxido xa se pode quita-lo pano, operación que chaman desempanicar.
A preparación do cadáver comezaba co lavado do seu corpo (no caso dos homes, afeitábannos) como preparándoo para unha longa viaxe ou unha visita importante. Tamén lle tapaban tódolos orificios do corpo, con liño ou algodón, co que se pretendía pechar calquera camiño que puidese permitir ben que a alma retornase ó corpo, ben que lle entrase o Mal. A seguir procedíase a vestilo coa mortalla. A tal fin recorríase á mellor roupa que tivese o defunto, por veces o traxe co que casou, noutros casos cun hábito de San Francisco ou da Virxe, ou ben, se se trataba dunha familia pobre, envolto nunha tea branca. Cítase o caso de ir vestido cun traxe novo, feito con antelación e gardado especialmente para esta ocasión. En Castro Caldelas, eran homes os que amortallaban as mulleres, e estas os homes.
Sobre o cadáver colocábanse unhas tesoiras, unha peza de aceiro, un prato con sal e un peite. Con estes obxectos buscábase couta-la gangrena, que o corpo non inche e protexelo contra o demo. O peite parece vir dun antigo costume de gardar algúns pelos do morto e colocalos nas fendeduras das paredes, como axuda a que as ánimas se orienten mellor cando volvan. Nos Ancares, colocábanlle tamén unha fouce. En Monfero, paraban tódolos reloxos da casa.
Tamén había que acondiciona-la casa, especialmente a habitación na que se exporá o cadáver: normalmente o dormitorio, noutros casos a sala máis ampla da casa. Cando se expoñía dentro da caixa, esta se colocaba no chan, sobre un pano negro.
O corpo colocábase sobre o leito –outras veces sobre unha mesa-, coas mans cruzadas no peito; en Loureses (Aguís, Os Blancos, Ourense) atábanlle o brazo dereito á perna esquerda e o brazo esquerdo á perna dereita, por crer que esta postura cos brazos en cruz protexía o morto do demo. Ó lado do corpo, un caldeiro con auga bendita e unha rama de loureiro. Tamén se adoitaba botar sal no chan da habitación para escorrenta-lo demo e abrir unha ventá para que a alma teña por onde saír e non darlle ocasión de introducirse no corpo dalgún dos presentes producíndolle o asombramento ou aire de morto.
Allí estaba, rígido sobre el lecho que había sido tálamo nupcial bien poco tiempo. Dentro del traje (de rigurosa fiesta) en que lo habían metido, su delgadez se acentuaba con aspecto macabro. Las paredes de la reducida habitación, recubiertas de paños negros, prestaban tintes severos al cuadro que rellenaban las figuras de unas cuantas mujerucas que, arrodilladas, desgranaban las cuentas de un rosario por el descanso de su alma...Manuel Ponte: "Velatorio de aldea", en Alma Gallega 1927, px. 32-33.
Na casa na que hai un cadáver non pode estar ningún meniño a durmir no momento de move-lo corpo dunha habitación a outra porque podería colle-lo aire de morto.
Mentres uns fan todos estes labores, outros encárganse de comunica-la morte a tódolos veciños da parroquia. Esta comunicación podía ser persoal, de porta en porta, ou mediante o toque das campás da igrexa. Nas aldeas, a noticia do pasamento apóiase tamén nas necrolóxicas colocadas en lugares habituais (e, actualmente, na prensa e radio). Cando as campás tocan a morto, o número e ritmo das badaladas –variable en cada parroquia- informaba do sexo e idade de quen faleceu: tres toques seguidos, cunha pausa, anunciaban a morte dun home; dous, a dunha muller.
Pouco a pouco, nunha incesante corrente humana, familiares, amigos e veciños van reuníndose na casa para despedi-lo morto, colocado sobre a cama ou xa na caixa, e acompañar á familia durante toda a noite. Tras persignarse e descubrirse, dedicaban uns primeiros momentos de silencio e dor, con distintas mostras de louvanza e aprecio polo defunto. As mulleres quedaban rezando interminables rosarios interrompidos por choros e os homes retirábanse a outra habitación. Pronto cambiaban o tema de conversación facéndoo máis livián e variado, nun intento inconsciente de alivia-la dor e adormece-la angustia ante a morte, para rematar falando do tempo, dos traballos do campo ou de calquera cousa, mesmo xa con momentos de relaxación e algunhas risas máis ou menos disimuladas.
En el bajo, la escena era bien diferente. Reunidos en torno a la lareira familiar había como unos diez o doce paisanos, viejos los más, que dedicadas unas breves palabras de cumplido al fallecido, charlaban ahora de ferias y cosechas en animado parrafeo sostenido por dous netos de caña que en ventruda jarra se divisaba sobre la artesa.Manuel Ponte: "Velatorio de aldea", en Alma Gallega 1927, px. 32-33.
Non era raro que ás poucas horas de velorio comezasen a aparecer barallas e vasos de viño ou augardente, e mesmo xogos diversos, habituais ata os anos vinte do século XX, que chegaban a incluír o morto (xogos de pezas de roupa, nos que tiñan que ir coller algunha peza ou calzado do morto, ou nos que as mozas que perdían tiñan que ir bicalo). Os xogos de cartas eran máis habituais.
Alfredo Brañas recolleu en 1884 unha danza fúnebre na que el mesmo participou en Vilanova de Arousa, denominada o abellón. Consistía en dar voltas ó redor do leito do defunto, todos collidos da man, mentres imitaban o zunido dun abellón. Críase que se algún dos participantes falaba ou interrompía o baile por calquera causa, sería o primeiro dos presentes en morrer.
Suxeriuse que este baile podería estar relacionado coas abellas que eliminan os cadáveres da colmea. Pode atoparse un precedente deste baile ritual nos tímpanos dalgunhas igrexas románicas, nos que se representa a "danza da morte": un esqueleto toca un instrumento mentres dúas ou máis persoas danzan ó seu redor.
Chegado o día seguinte procedíase ó enterro. O cadáver era retirado da casa a ombreiros dos familiares homes, dentro da caixa, podendo ir esta aberta ou, normalmente, pechada. Sacábano sempre cos pés por diante e pola porta principal. Cando o morto era un neno, a caixa era branca –como símbolo de pureza- e sobre ela colocaban flores; cando era un adulto, era negra ou cuberta de panos negros.
Nese momento liberábase toda a tensión e a familia e as mulleres presentes rompían a chorar despedindo o morto e louvando a berros as súas virtudes. Chamábase a isto face-lo pranto. Habitualmente, as mulleres da casa quedaban nela, logo de despedir o defunto desde a porta ou desde as ventás.
Como antes, tíñase a precaución de que non houbese ningún meniño nin muller preñada durmindo na casa no momento de saca-la caixa para o cemiterio, e incluso evitaban que estivesen presentes nese momento. Tamén, cando o morto era o cabeza de familia, adoitábase saca-lo gando das cortes porque se cría que o morto, dono do gando, podía levar mau del. Outra crenza relacionada co gando é a de non utilizar nunca a porta principal para mete-los porcos mercados na feira, porque esa era a porta pola que sacan os defuntos.
A orde da comitiva era a seguinte: primeiro un rapaz tocando unha campaíña, logo o sancristán coa cruz da parroquia, a seguir ía o cadaleito portado por catro homes, que se intercambiaban cada pouco. Detrás ía o cura ou curas rezando responsos e, finalmente, a familia, os amigos e os veciños. En Trasparga (Guitiriz), o gando que posuía o morto ía diante do enterro. Durante o camiño ó cemiterio,, as mulleres continuaban chorando e despedindo o morto. Había mulleres que eran contratadas especificamente para facelo, as carpideiras, choradeiras ou pranxideiras. Adoitaban parar nos cruceiros que houbese no camiño e pousaban a caixa para que o crego botase un responso, segundo o solicitasen os asistentes botándolle unhas moedas no cubo da auga bendita.
Cando o morto era un neno, había música alegre. Cando se trataba dun mozo ou moza solteiros, os que carrexaban a caixa enlentecían a marcha ó aproximarse á igrexa, e daban tres pasos adiante e un ou dous atrás, nun significativo intento de prolonga-la súa estancia neste mundo.
O enterramento facíase no adro da igrexa, en sagrado. Xa desde tempos dos romanos era habitual que os cristiáns enterrasen os seus mortos cerca das tumbas dos seus mártires, primeiro nas catacumbas e, logo, no interior das igrexas. Co tempo, pasaron a facelo ó redor destas ata que a finais do século XVIII prohibiuse esta práctica e creáronse os cemiterios parroquiais ou municipais. No momento de baixa-la caixa á cova repetíanse os choros e lamentos, despedindo definitivamente o familiar ou veciño. Algúns botaban presas de terra sobre a caixa logo de bicala.
Hai constancia do propósito da igrexa católica para acabar con este costume, xa desde os concilios bracarense e primeiros composteláns porque "es cosa que no place à Dios". En 1740, tras ser informado o arcebispo de Compostela de que nos enterros "concorren todos os descendentes e deudos dos defuntos a chorar a súa morte, máis por estilo e práctica que por dolor dela, o cal afectan con desmesurados berros e accións descompostas, facendo demostracións de querer sepultarse co defunto, con cuxo motivo prorrompen en ridículas expresións", ordenou ós párrocos que multasen a quen así se comportase con catro reais na primeira vez, con oito a segunda e, de reincidir, que se deixase sen dar terra ó defunto ata que as carpideiras se retirasen.
Críase que o pano mortuorio sobre o que se colocaban os cadáveres na igrexa adquiría virtudes curativas para os enfermos, ós que se lles facía o chamado aventamento: deitábase o enfermo no chan e batíase o pano sobre el, colléndoo entre catro persoas.
Rematado o enterro, os participantes volven á casa do defunto, na que se adoitaba repartir un molete de pan a cada un (pan do defunto) ou só ós nenos (o carolo); noutras ocasións, o pan repartíase entre tódolos pobres do lugar. Pero moitas veces organizábase un verdadeiro banquete, semellante ó que se celebraba nas festas, no que participaban tódolos asistentes ou só os familiares que, por viviren lonxe, quedarían a durmir na casa. Estas comidas fúnebres (das que tamén se cita que se celebraban mesmo antes do enterro, co corpo aínda presente) facíanse na casa do defunto ou na dalgún familiar próximo, rara vez na taberna.
Bernardo Barreiro recolle esta descrición das enchentes que se celebraban no século XVI para celebra-lo Día de Defuntos:
Xa de volta de cemiterio, cumpría tomar certa precaucións para evita-lo aire de morto, como purifica-las roupas que vestían facéndoas pasar por riba do lume (en Campo Lameiro), ou pasar tamén os nenos (en Isorna e Leiro, parroquias de Rianxo). Igualmente, ás doce da noite, varríase a casa doce veces para eliminar calquera posible pegada do morto.
Pero a vida segue e os que quedan teñen que seguir coas ocupacións e traballos de tódolos días. Quen se foi permanece na memoria dos que quedan, durante máis nou menos tempo, e quedan tamén con nós, como ánimas benditas.
A familia mantén o contacto con el a través da oración. Como nunca se pode te-la seguridade de que fose ó ceo, hai que prever que a súa alma estea no purgatorio penando por algún pecado ou falta cometida, polo que cómpren oracións e esmolas que adianten o seu perdón definitivo. Tamén se lles reza para pedirlles axuda e conforto. Neste mesmo contexto nacen os petos de ánimas, onde os crentes botan esmolas para paga-las misas polas ánimas da parroquia.
Hai certos momentos nos que esta lembranza está máis presente: os cabodanos e o día de defuntos. Tamén no Nadal hai unha lembranza especial polas almas dos que morreron.
O día de defuntos, 2 de novembro, dá nome ó propio mes: mes morto ou mes dos mortos e constitúe unha data moi significativa dentro do calendario litúrxico galego. Os camposantos énchense de familiares que van acondiciona-la lousa ou o nicho, levan flores e rezan ó seu pé. Na lareira da casa colócanse cirios ou lámpadas de aceite polas ánimas dos mortos.
En Cambados, crese que o día de defuntos non se debe ir ó mar para evitar coller mortos ou os seus restos na rede.
Na noiteboa e no día do Nadal adoitaba colocar na mesa un servizo máis para as ánimas que puidesen vir —dos familiares mortos ou calquera outra que fose de camiño—, ou deixábase a mesa sen recoller para que tivesen comida ó seu alcance. Limpábase a lareira con especial coidado de non deixar cae-la cinsa e deixábase un madeiro no lume para que se viñesen quentar. Era o tizón de Nadal ou lume novo, que logo se conservaba como protector contra o raio; na zona de Tui, este mesmo costume seguíase o día de defuntos.
O imaxinario popular non dubida de que as ánimas dos mortos ós que aínda lles quedou algo pendente por facer ou algunha pena que expiar seguen presentes entre os vivos. Entre outras actuacións xa se mencionou que viñan para advertir da morte dun conveciño, pero fan máis. Hainas que buscan axuda para restaurar algún dano que causaran en vida, ou para insistir ante os seus familiares que cumpran as mandas que deixaron ó morreren.
Tamén é sabido que quen non foi a Santo André de Teixido de vivo terá que ir de morto, e iso explica que existan ánimas peregrinando ó mosteiro do santo, como tales ánimas ou reencarnadas en animais. No primeiro caso, son os familiares -normalmente dous- os que acompañan a alma do morto: antes de comeza-la peregrinación, os parentes van onda a tumba do defunto para convidar ó espírito do morto a face-la viaxe con eles. No segundo caso, advírtese que quen se atope unha cobra ou un lagarto no camiño ó mosteiro non lle pode facer mal ningún, porque se trata dunha ánima na súa última peregrinación.
This article uses material from the Wikipedia Galego article A morte na cultura popular galega, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.