Denomínase tu quoque (locución latina que significa «ti tamén») ao argumento que consiste en rexeitar un razoamento, ou consideralo falso, alegando a inconsistencia de quen o propón.
É, polo tanto, unha variante da falacia ad hominem, ou ataque persoal, mediante a cal procúrase demostrar que unha crítica ou unha obxección aplícase igualmente á persoa que a realiza, rexeitándoa sen entrar a analizala.
Esta falacia adoitase empregar como unha técnica de retórica. Podería considerarse unha variante da falacia ad hominem xa que o obxectivo é refutar a afirmación dun individuo desacreditándoo[Cómpre referencia]. Con este argumento búscase distraer a atención sobre a calidade atribuída ao suxeito B polo suxeito A, atribuíndo a mesma calidade ao suxeito A. Así o suxeito A perde credibilidade ao ser presentado como un hipócrita.
Tu quoque é o comezo da célebre exclamación de Xulio César cando viu que, entre os conxurados, Bruto, o seu protexido, tamén empuñaba o puñal para asasinalo (15 de marzo do 44 a. C.). A frase completa pode que fose tu quoque fili mi ("ti tamén, meu fillo") ou et tu quoque Brute fili mi! ("¡Bruto, fillo meu, ti tamén!"), aínda que Suetonio pensa que a dixera en grego. Con este sentido orixinal, a expresión aínda se usa para indicar a ingratitude polos beneficios recibidos.
Trátase dunha falacia porque a conclusión (rexeitamento de P) non se segue das premisas.
Un exemplo clásico:
Aí está ese dándonos consellos aos gregos sobre concordia, cando aínda non logrou convencerse a si mesmo, á súa muller e á súa criada –tres persoas tan só– a poñerse de acordo na súa vida íntima.
O recurso ao tu quoque é de uso moi frecuente, incluso por parte daqueles que descoñecen a súa existencia. É doadamente recoñecible porque responde á estrutura «e ti tamén» ou «e ti máis» como resposta a unha crítica.
Non todo recurso ao tu quoque é falaz. Considérase que existe un uso lexítimo cando se emprega para rexeitar o recurso á autoridade moral. A autoridade moral baséase en ser consecuente co que se aconsella, polo tanto se se demostra que quen realiza a afirmación é inconsecuente, os seus consellos carecerán de valor. Por exemplo, se alguén aconsella sacrificios a outros pero non está disposto a asumilos, pode ser facilmente desacreditado mediante o recurso do tu quoque.
Porén, cando un argumento non se basea na autoridade moral, o recurso ao tu quoque adoita ser falaz. Por exemplo, un caso habitual sería o dun médico que aconsella ao seu paciente deixar de fumar e dito paciente respóndelle que el tamén fuma, así que, vindo del, o consello non ten validez. Neste caso trátase dunha falacia, xa que o criterio médico non se asenta na autoridade moral, senón en fundamentos técnicos que son independentes da conduta do médico.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Tu quoque, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.