80°55′12.1″L / 15.736333, -80.920028
O río Krishna (en marathi: कृष्णा नदी; en kannada: ಕೃಷ್ಣಾ ನದಿ ; en telugu: కృష్ణా నది) é un dos principais ríos da India, un río da vertente do golfo de Bengala que discorre polos estados de Maharashtra, Andhra Pradesh, Telangana e Karnataka.
Río Krishna | |
---|---|
Gorxa do río Krishna en Srisailam | |
País | India |
Nacemento | Preto de Mahabaleshwar |
Lonxitude | 1400 km |
Conca | 258 948 km² |
Caudal medio | 2213 m3/s |
Desembocadura | Golfo de Bengala |
Ten unha lonxitude aproximada de 1400 km (o terceiro do país), un caudal medio de 2213 m³/s e drena unha ampla conca de 258 948 km² (a sexta do país).
O río Krishna nace nos outeiros de Mahabaleswar, no estado de Maharashtra, atravesa a cidade de Sangli e desemboca no golfo de Bengala na cidade de Hamasaladeevi no estado de Andhra Pradesh. Ademais deses estados atravesa tamén o estado de Karnataka.
Un dos principais afluentes do Krishna é o río Tungabhadra, formado á súa vez polos ríos Tunga e Bhadra que nacen na zona coñecida como Ghats occidentais. O río conta con dúas importantes presas, unha en Srisailam e a outra nos outeiros Nagarjuna. Esta última, coñecida como Nagarjuna Sagar, é unha das maiores presas de toda Asia.
Como moitos dos ríos da India, as beiras do Krishna están poboadas de templos. O de Sangli, dedicado ao deus Ganesha é un dos máis coñecidos. Preto desta cidade atópanse tamén diversos templos, destino de moitos peregrinos hinduístas.
O seu longo percorrido por zonas altamente industrializadas provocou que o río sufrise un alto índice de contaminación. A pesar de que en 2001 o goberno elaborou un plan para a conservación do Krishna, o certo é que o índice de contaminación do río non diminuíu.
Segundo a mitoloxía hinduísta, o deus Brahma realizou un ritual relixioso coa súa segunda esposa Gāiatrī preto das montañas Sahyadri xa que a súa primeira esposa Saraswati non podía chegar a tempo. Ao decatarse diso, Saraswati entrou en cólera. Ordenou a todos os que estivesen presentes, Vishnu, Shiva e outros deuses, que se convertesen en ríos. Vishnu converteuse no río Krishna, Shiva no río Veni e Brahma no río Kumudmati. O resto dos presentes convertéronse nos diversos regatos que nacen nos Ghats occidentais.
Cada doce anos celébrase o festival do río coñecido como Pushkarams. Durante o período de duración o festival, os fieis realizan diversas ofrendas para conseguir que os seus antepasados falecidos alcancen o ceo.
A Galipedia ten un portal sobre: India |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Río Krishna, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.