Gramática Hiato

Un hiato é a concorrencia de dúas vogais sucesivas que pertencen a dúas sílabas diferentes, e que polo tanto non forman ditongo.

En galego pode haber hiato nos seguintes casos:

  • Dúas vogais abertas (a, e, o) seguidas: aéreo (a-é-re-o), cacao (ca-ca-o), área (á-re-a), fideo (fi-de-o), táboa (tá-bo-a), adoecer (a-do-e-cer).
  • Unha vogal aberta ou media e unha pechada (i, u) tónica. Neste caso a sílaba tónica está marcada con acento gráfico: raíña (ra-í-ña), dúas (dú-as), acotío (a-co-tí-o), saúde (sa-ú-de), díese (dí-e-se), posúe (po-sú-e), correúdo (co-rre-ú-do).
  • Dúas vogais pechadas e o acento recae sobre a segunda (agás que a secuencia vaia precedida dos fonemas /k/ ou /g/). Neste caso a sílaba tónica é marcada cun acento gráfico: diúrno (di-úr-no), miúdo (mi-ú-do), oriúndo (o-ri-ún-do), viúvo (vi-ú-vo), muíño (mu-í-ño), xuízo (xu-í-zo). E nas formas flexionadas destas palabras ou nos derivados delas, aínda que estean en posición átono: miudezas (mi-u-de-zas), axuizar (a-xu-i-zar), muiñeiro (mu-i-ñei-ro).

Emprégase a diérese para marcar un hiato (ruptura dun ditongo) na primeira e segunda persoa do plural do imperfecto de indicativo dos verbos rematados en -aer, -oer, -aír, -oír e -uír: moïamos, moïades. Os exemplos anteriores teñen catro sílabas e contrastan na pronuncia e na escrita (grazas a que a diérese ten función diacrítica) co presente de subxuntivo dos mesmos verbos (moiamos, moiades) que teñen tres sílabas.

Esquema de hiatos en galego

Vogais abertas iguais

  • aa: Caamaño, contraalmirante, contraataque, contraaviso, gardaagullas, graal, portaavións, saami
  • ee: areeiro, areento, baleeiro, cadeeira, cafeeira, candeeiro, centeeiro, clareeira, cordeeiro, derreira, lampreeiro, neerlandés, norteeuropeo, padeeiro, preeiro, preelectoral, preeminencia, preescolar, preexistir, rebeleeiro, randeeira, reedición, reedificar, reeducar, reelabora, reelixir, reembolso, reencarnar, reencontro, sobreeixe, sobreentender, sobreestimación, viseense, xeeira
  • ii: antiimperialismo, antiinflamatorio, diiambo
  • oo: antozoos, azoospermia, briozoos, cooficial, cooperativa, cooptar, coordenada, coordinar, desloor, espermatozoo, heliozoo
  • uu: contínuum, duunvirato

Vogais abertas distintas

  • ae: aedo, aéreo, aerobio, atraer, atraente, baeta, bonaerense, caedizo, caer, contraente, contraer, debaer, decaedro, decaer, decaemento, distraer, dodecaedro, enfaenado, esvaecer, esvaer, faena, gaélico, heptaédrico, hexaedro, infraestrutura, israelí, macaense, paella, paelo, portaestandarte, prerrafaelismo, quintaesencia, raedoiro, recaedela, subtraer, tabaela, traer
  • ao: aorístico, aorta, aórtico, arao, baobab, burelao, cacao, caoba, caolín, caos, caótico, contraofensiva, contraorde, dezaoito, extraordinario, faraón, faraónico, grao, infraoitava, lancarao, maoísmo, maorí, peirao, portaobxectos, taoísmo, tetraónidos, vao, xaora
  • ea: abalear, abanear, abeaca, abrótea, acalcáreas, acanear, acea, afear, airear, alardear, alcatrear. aldea, aleatorio, alurmear, amea, ameaza, apear, apnea, avea, azalea, azotea, babear, balea, basear, batea, beato, cadea, cereal, reactor, chea, leal, frear, gatear, gheada, goleada, grea, real, nomear, marea, coreano, nuclear, aldeán, deádego, deán, enneágono, freático, oceánico, pancreático, ponteareán, preámbulo, teáceas
  • eo: alleo, anteollos, alveolar, apoteose, apoxeo, arbóreo, areoso, aseo, ateneo, axeonllar, balanceo, xeografía, bocareo, bombardeo, bombeo, boxeo, empeorar, epicúreo, feo, fideo, freo, filisteo, galeote, ideoloxía, idóneo, ígneo, lácteo, meteorito, núcleo, óseo, pastoreo, alvéolo, aréola, auréola, bractéola, lauréola, maléolo, nucléolo, roséola, rubéola, león, acordeón, apoteótico, arqueólogo, camaleón, coleóptero, eólico, galeón, homeópata, ideólogo, meteórico, neófito, orfeón, panteón, peón, teólogo, teórico, xeógrafo
  • oa: aboar, abotoar, afroamericano, amalloar, améndoa, anchoa, néboa, boa, boroa, canoa, coroa, cloaca, coacción, coador, croata, doado, escoar, espádoa, galardoar, hipoacusia, impersoal, retroactivo, mágoa, malsoante, mámoa, moa, perdoar, persoa, poboar, poalla, pregoar, táboa, toalla, voar, xoanete, aminoácido, angloárabe, coágulo, padroádego, soán
  • oe: adoecer, algodoeiro, almoeda, áloe, amendoeira, moeda, autoescola, autoestrada, avoengo, carboeiro, centroesquerda, centroeuropeo, choer, cincoenrama, coedición, coeficiente, coello, doente, falcoeiro, framboesa, gastroenterite, groenlandés, heroe, indoeuropeo, lisboeta, macroeconomía, moer, noelo, noroeste, óboe, oeste, ortoepia, persoeiro, poeira, poesía, poeta, proemio, proeza, roedor, bóer, cóengo, camoés, feroés, isoédrico, ortoépico, poético

Vogal pechada tónica + vogal aberta

  • ía: abadía, afonía, agonía, aínda, alegría, barbaría, batería, buxía, cafetaría, carestía, día, espía, fantasía
  • úa: cacatúa, capicúa, dúas, falcatrúa, lúa, púa, rúa, súa, túa, xamúas
  • ío: adobío, amorío, asubío, bravío, calafrío, acotío, fastío, fío, frío, navío, río, tío
  • úo: agrúo, dúo, flúor, vacúolo
  • íe: díese
  • úe: lúes, posúe, conclúes, constitúen, contribúes, derrúes
  • aí: caída, faísca, hebraísmo, ladaíña, maínzo, raíña, raíz, saída, traída, ucraíno, vaído, vaíña
  • aú: ataúde, balaústre, baúl, cortaúnllas, graúdo, laúde, paúl, saúde, saúdo
  • eí: ateísmo, cafeína, cheísmo, codeína, deíctico, europeísmo, maniqueísta, proteína, politeísmo, teína, teísmo
  • eú: areúdo, correúdo, peúgo, teúrgo, transeúnte
  • oí: averroísmo, coído, desoír, doído, egoísta, heroína, maoísmo, moído, oínte, taoísmo

Vogal pechada + vogal aberta tónica

  • ia: viaxe, fiar, asubiar, liar, frialdade, arrefriado, arrefriar, arrefriamento
  • ua: anual, actuar
  • io: biombo, biopsia, biosfera
  • uo: fastuoso
  • ie: biés, diérese, dieta
  • ue: dueto
  • iu: desafiuzar, friulano

Dúas vogais pechadas

  • iú: braquiúro, catiúsca, demiúrgo, diúrno, esciúridos, fiúncho, fiúza, maiúscula, miúdo, oriúndo, oxiúro, piúria, triúnviro, viúvo, xeniúdo
  • uí: acuícola, acuífero, afluír, almuíña, altruísmo, atribuír, atuír, azuído, babuíno, beduíno, benxuí, bruído, buíz, casuística, circuíto, concluínte, concluír, constituído, constituínte, constituír, construír, construíble, continuísmo, contribuír. contribuínte, derruír, diminuído, druída, excluír, fluído, fluír, fortuíto, gratuíto, hinduísmo, imbuír, incluír, instituír, instruído, instruír, luír, muíño, posuír, prexuízo, prostituír, recluír, ruído, ruín, ruína, substituír, suíño, suízo, xenuíno, xesuíta, xuíz, xuízo

Casos problemáticos

Encontro de dúas vogais fortes

Na fala, atópase certa inclinación a desfacer, por razóns eufónicas, certo tipo de hiatos, sobre todo os formados por dúas vogais fortes (irmao). Un dos xeitos máis empregados para desfacer o hiato é a ditongación, de maneira que irmán ou man, naquelas zonas onde aparece a terminación -ao adoitan pronunciarse irmau ou mau. Esta ditongación xeral nalgunhas palabras comúns é a que levou ao cambio normativo en casos como o de bacallau, pau, romeu e xubileu.

Encontro de vogal feble e vogal forte

A combinación de vogal feble con forte ás veces dan lugar a un ditongo crecente e outras a un hiato. Nestes casos, ao non levaren as palabras acento gráfico, non existe signo ortográfico algún que indique se se trata dun ditongo ou dun hiato.

Hai palabras cunha pronuncia asentada: sempre ditongo (a-po-ia-mos, cam-bia-mos, pa-io-lo) ou sempre hiato (a-fi-a-mos, li-a-mos). Amais, hai unha tendencia na lingua a desfacer algúns ditongos crecentes, provocando unha vacilación entre falantes: uns pronuncian ditongo (San-tia-go, sue-co, pa-trio-ta) e outros hiatos (San-ti-a-go, su-e-co, pa-tri-o-ta).

As combinacións vocálicas –ua–, –ia– presentan grandes problemas, xa que nunhas palabras forman ditongos crecente e noutras hiato.

  • As palabras de uso común adoitan pronunciarse cun ditongo crecente: minguar, egua, insua, pascua, recua, aguia, ansia, cenoria, miseria, leria, lamia
  • Os adxectivos cultos rematados en –ual adáptanse tanto con ditongo (pascual, residual) coma con hiato (anual, mensual, gradual, ritual).

Encontro de vogais febles

As secuencias ui e iu unhas veces articúlanse con ditongo homoxéneo e outras con hiato.

  • Se unha das vogais é tónica, trátase dun hiato se o acento recae sobre o segundo elemento, levando sempre acento gráfico (muíño, miúda), e é ditongo se recae sobre a primeira vogal (azuis, partiu).
  • Se se atopan en posición átona é máis complexo coñecer se formar ditongo ou hiato, pero ten menos repercusións ortográficas xa que non precisan de acento gráfico (di-u-ré-ti-co). Este caso preséntase sobre todo en palabras derivadas doutras nas que a secuencia iu ou ui ten un elemento tónico, por exemplo:

druída (dru-í-da) > druidismo (dru-i-dis-mo)

miúdo (mi-ú-do) > miudeza (mi-u-de-za)

ruído (ru-í-do) > ruidoso (ru-i-do-so)

viúvo (vi-ú-vo) > viuvez (vi-u-vez)

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • González Rei, Begoña (2004). Ortografía da lingua galega. Galinova Editorial. ISBN 978-8497370417. 
  • Méndez Álvarez, María Xesús (2005). Ortografía da lingua galega: descrición, regras e ditados. Xerais. ISBN 978-8497822374. 

Tags:

Gramática Hiato Esquema de hiatos en galegoGramática Hiato Casos problemáticosGramática Hiato Véxase taménGramática HiatoDitongoSílabaVogal

🔥 Trending searches on Wiki Galego:

HórreoAntón Avilés de TaramancosLuísa VillaltaLila (planta)Francisco Porto MellaVilalbaPremio Nacional de Literatura de EspañaListenbourgLuís Pérez BarralMarta DarribaAntonio López DíazPolieno (química)Arco da vellaKarlos ArguiñanoGata CattanaJosé Antonio ArmadaReal Club Celta de VigoNuno García PicoSuso de ToroGuerra civil españolaCristovo ColónHorteláBidueiroCunnilingusDaniel de la TorreIdade MediaCalendario gregorianoMargarita Ledo AndiónLola ÍndigoLucas VázquezOs outros feirantesMarçal MolinéXurxo de CapadociaDiego González RivasJosé de RiberaArceJulia OteroÁureoDepartamento de ApurímacCarles PuigdemontAldous HuxleyYolanda CastañoLista de estacións de tren de GaliciaAlfonso RuedaLista de palabras galegas de orixe celtaMeg RyanConsellería de Cultura, Lingua e XuventudeDigital object identifierEmilia Pardo BazánFran AlonsoMártires de CarralXacioDeadmau5Os PinosGame Boy ColorPontedeumeMiguel de CervantesBreixoQuímicaA vogal temática e a conxugaciónPink FloydNúmero piManuel Curros EnríquezMeigaRede privada virtualBloque Nacionalista GalegoJorge BermelloYolanda DíazCosta da MorteInglaterraÑLareiraJordi Sierra i FabraIgnacio GarrigaAna Rosa Quintana🡆 More