O suspense ou thriller é un amplo xénero literario, cinematográfico, de televisión e, recentemente, de videoxogos.
Abarca numerosos, e frecuentemente solapados, subxéneros. O termo inglés thriller, usado adoito, deriva do verbo thrill (asustar, estremecer, emocionar).
Este xénero caracterízase por un ritmo rápido, acción frecuente e con heroes enxeñosos que deben frustrar os plans dos máis poderosos e mellor equipados malvados. Utiliza tamén unha gran cantidade de "dispositivos", como as pistas falsas e os cliffhangers.
O cineasta Alfred Hitchcock está frecuentemente considerado como o mestre do xénero, con obras mestras como Coa morte nos talóns e Psicose. Despois do asasinato do presidente Kennedy, os thrillers políticos e de paranoicos fixéronse moi populares.
O suspense é un xénero narrativo que ten a súa expresión no cinema, a literatura, as historietas, a televisión as fotonovelas e os videoxogos. Actualmente está moi influído polo terror psicolóxico.
Unha película de suspense é basicamente unha historia de intriga que se caracteriza por ter ritmo rápido, acción, heroes enxeñosos e malvados poderosos e influentes. O relato usualmente ten maior consistencia e argumentación que outros xéneros cinematográficos, e a súa principal característica é que todos os elementos propios dun guión (personaxe principal, antagonista, meta, conflito, ritmo etc.) están ao servizo dunha intriga, é dicir, ao servizo dunha acción que se executa con astucia e ocultamente.
Estes filmes tamén se coñecen como de "terror intelixente". Utilizan técnicas como os cliffhangers.
Así como a función do xénero de terror é provocar o interese a través de emocións fortes que poñen en estado de "alerta" ao público, o xénero de suspense quere provocar un interese a través da emoción pero, ao mesmo tempo, suma un interese de carácter mental. Por tanto, unha película de suspense funciona na medida de que emociona e interesa cognitivamente ao espectador.
As películas de suspense suceden frecuentemente completa ou parcialmente en lugares exóticos tales como cidades estranxeiras, desertos, rexións polares, selvas ou en mar a fóra. Os heroes na maioría dos thrillers son frecuentemente "tipos duros" acostumados ao perigo, oficiais de policía, detectives privados, espías, soldados, mariñeiros ou pilotos. De todos modos, tamén poden seren cidadáns ordinarios arrastrados ao perigo por accidente. Aínda que tales heroes eran tradicionalmente homes, as mulleres están sendo cada vez máis frecuentes.
Os filmes de suspense solápanse frecuentemente con historias de misterio, aínda que se distinguen pola estrutura do seu argumento. En suspense, o heroe debe frustrar os plans dun inimigo, en lugar de descubrir un crime que xa sucedeu. Os suspenses tamén suceden a unha escala moito maior: os crimes que deben preverse son asasinatos masivos ou en serie, accións terroristas ou derrocamentos de gobernos. Perigo e confrontacións violentas son elementos estándar no argumento. Mentres un misterio alcanza o clímax cando o misterio se resolve, un suspense alcanza o clímax cando o heroe finalmente vence ao malvado, salvando a súa propia vida e, frecuentemente, as vidas doutros. Nos suspenses influídos polo cine negro e a traxedia, o heroe comprometido é frecuentemente asasinado no proceso.
Foi Edgar Wallace a quen se lle concedeu a etiqueta de crear o xénero "thriller" coa súa novela Os catro homes xustos (1905). Gran parte das súas novelas foron levadas ao cine, converténdose nun dos escritores máis famosos da Inglaterra de comezos do século XX.
En anos recentes, cando os suspenses foron cada vez máis influídos polo horror ou a exposición popular do terror psicolóxico (Hide and Seek, Shutter Island) a entidades omniscientes ou monstruosas convertéronse en elementos comúns para aumentar a tensión. O monstro pode ser calquera cousa, incluso unha forza física inferior feita superior só polo seu intelecto (como na serie de películas Saw), pode ser unha entidade sobrenatural (Drácula, Christine, The Amityville Horror ou Final Destination), extraterrestres (libros de Cthulhu de H.P. Lovecraft, A cousa de John Carpenter, asasinos en serie (Stepfather, A matanza de Texas), microbios ou axentes químicos (Cabin Fever, The Last Man On Earth de Richar Matheson), ou mesmo só perigos froito da imaxinación mesturados enxeñosamente coa realidade (Perfect Blue). Algúns autores fixeron a súa "marca" incorporando todos estes elementos (Richard Laymon, Francis Paul Wilson) a través das súas bibliografías.
Distincións similares separan o suspense doutros xéneros (ás veces solapados): aventuras, espías, asuntos legais, guerra, ficción marítima e outros.
O suspense non se define polo seu tema, senón pola forma de acercarse a el. Moitos suspenses involucran espías e espionaxe, pero non todas as historias de espías son suspenses. As novelas de espías de John Le Carré, por exemplo, explicita e intencionadamente rexeitan as convencións do thriller. Polo contrario, moitos suspenses cruzan a outros xéneros que tradicionalmente tiveron poucos ou ningún elemento de suspense. Alistair MacLean, Hammond Innes e Brian Callison son máis coñecidos polos seus suspenses, pero tamén son notábeis escritores de historias do home contra o mar. Libros de fantasía, como a saga de Harry Potter da autora británica J. K. Rowling, poden catalogarse neste xénero con mestura de fantasía, suspense policíaco e suspense político.
Os suspenses poden definirse pola atmosfera que exhiben: emoción, que dá orixe ao nome do xénero.
Non foi realmente co cinema cando comezou o thriller, senón máis ben que a literatura proporcionoulle escenarios e motivos en cantidade.
Un certo número de thrillers tiveron éxito á vez como novela e como filme como, por exemplo, Chacal de Frederick Forsyth, The Hunt for Red October (A caza ao Outubro Vermello) (1990) de Sam Neill, a serie de aventures de Jack Ryan, O silencio dos cordeiros de Thomas Harris a serie de Jurassic Park e Congo de Michael Crichton, O código Da Vinci de Dan Brown e Knowing de Alex Proyas.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Suspense, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.