Sarvepalli Radhakrishnan, nado en Thiruttani o 5 de setembro de 1888 e finado en Madras o 17 de abril de 1975, foi un filósofo e político indio, o primeiro vicepresidente da India (1952-1962) e o seu segundo presidente (1962-1967).
Está considerado unha das máximas autoridades indias do século XX en relixión comparada e filosofía.
Sarvepalli naceu no seo dunha familia brahmana telegúa nunha aldea preto de Thiruttani no distrito de Chittoor da presidencia de Madrás, preto do actual límite dos estados de Andhra Pradesh e Tamil Nadu. Pasou os seus primeiros anos e estudou en Thiruttani e Tirupatim, o ensino secundario realizouno en Walajapet.
Radhakrishnan recibiu bolsas de estudo ao longo da súa vida académica, estudou no Voorhees College en Vellore e logo no Madras Christian College con 17 anos, graduándose en 1906 en filosofía. A súa tese foi "The Ethics of the Vedanta and its Metaphysical Presuppositions", e constituía unha réplica á acusación do sistema vedanta carecer de espazo para a ética .
En abril de 1909 entrou no departamento de filosofía do Madras Presidency College, e dende 1918 foi profesor de filosofía da Universidade de Mysore, dando clases no Maharaja's College . Nesa época seus artigos comezan a aparecer en reputados xornais internacionais como The Quest, Journal of Philosophy ou o International Journal of Ethics. Completou o seu primeiro libro, The Philosophy of Rabindranath Tagore, no que avogaba que a filosofía de Tagore era a verdadeira manifestación do espírito indio. O seu segundo libro, The Reign de Religion in Contemporary Philosophy publicouse en 1920.
Dende 1921 foi profesor de filosofía ocupando a cátedra rei Xurxo V de ciencias mentais e morais da Universidade de Calcuta, á que representou no Congreso das Universidades do Imperio Británico en xuño de 1926 e no Congreso Internacional de Filosofía na Universidade Harvard en setembro de 1926. Outro evento académico importante deste período foi a invitación para realizar a conferencia da Hibbert Lecture de 1929, sobre os ideais de vida, que deu no Harris Manchester College, en Oxford e que posteriormente publicou en forma de libro como An Idealist View of Live.
En 1929 asumiu o cargo que deixara vacante J. Estlin Carpenter no Harris Manchester College, logrando así a oportunidade de ensinar relixión comparada ao alumnado da Universidade de Oxford. Polos seus servizos na educación Xurxo V outorgoulle o título de cabaleiro en xuño de 1931. En abril de 1932 o gobernador xeral da India, o conde de Willingdon investiuno formalmente. Así e todo deixou de usar o título de sir despois de obter India a independencia, preferindo o título académico de 'doutor'.
Foi vicechanceler da Universidade Andhra entre 1931 e 1936. En 1936 foi profesor de relixións orientais e ética na Universidade de Oxford. Ese mesmo ano, e de novo, en 1937, foi candidato ao premio Nobel de Literatura. Foi vicechanceler da universidade Banaras Hindú de 1939 ata 1948.
Radhakrishnan comezou a súa carreira política xa na madurez da súa vida, despois do éxito da súa carreira académica . En 1931 formou parte do Comité de Cooperación Intelectual da Liga das Nacións. Cando a India se converteu en independente, en 1947, Radhakrishnan represententou ao seu país na UNESCO (1946-52) e máis tarde foi embaixador da India na Unión Soviética (1949-1952). Tamén foi membro da Asemblea Constituínte da India. Foi o primeiro vicepresidente da India, en 1952, e o segundo presidente da India (1962-1967).
Radhakrishnan non tivo unha militancia destacada no Partido do Congreso, nin foi activo na loita contra o poder británico, mais era un símbolo da cultura hinduísta, e a defensa do hinduísmo contra a "crítica desinformada occidental".
This article uses material from the Wikipedia Galego article Sarvepalli Radhakrishnan, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.