Prohibición de estranxeiros tralo Campionato de España de 1911
Durante o transcurso da Copa do Rei de 1911 estalou unha gran polémica no tocante á aliñación de xogadores estranxeiros. O Deportivo da Coruña e a Academia de Enxeñeiros retiráronse xa antes do comezo do torneo, pero o punto álxido chegou tralo encontro Fortuna de Vigo-Athletic Club que gañou o equipo vasco con tres ingleses na aliñación. A Real Sociedad denunciou a aliñación indebida de dous dos xogadores ingleses do Athletic, Sloop e Martin, alegando que non levaban residindo en España o tempo mínimo establecido para poderen participar segundo as normas federativas. A Federación Española de Clubs de Football (FECF) rexeitou a denuncia e a Real Sociedad retirouse do campionato en sinal de protesta. A disputa do torneo continuou convulsamente, co Athletic deixando de aliñar os dous devanditos xogadores pero negándose a repetir o partido fronte ao Fortuna, e con varios equipos como o FC Barcelona, a Gimnástica Española e a Academia de Cabalería retirándose do torneo por diversas razóns en medio do malestar xeral. O preito aínda continuaría nos despachos, coa Federación anulando o torneo para logo desfacer esta decisión e proclamar campión o Athletic. A partir deste evento o Athletic Club comezaría a súa política de fichar só xogadores vascos ou formados nos equipos vascos.
Para a Copa do Rei de 1912 a FECF decidiu non permitir a aliñación de xogadores estranxeiros. Concretamente no seu punto 7º das bases do torneo estableceu que: “os xogadores que formen os equipos para este campionato e os seus suplentes deberán ser españois, considerando como tales a quen o son segundo a Constitución do Estado español”. Esta decisión foi tomada na asemblea da FECF que tivo lugar en decembro de 1911.
Durante a citada asemblea tamén foi acordada a creación dunha nova competición na que se permitirían xogadores estranxeiros, en compensación pola súa exclusión do Campionato de España. En abril de 1912 corría o rumor de que a FECF planeaba celebrar este torneo na Coruña en verán.
Na asemblea da FECF de maio de 1912, oficializouse a creación dun novo torneo no que si estaba autorizada a participación de xogadores estranxeiros, outorgando como premio un trofeo doado pola propia Federación. Inicialmente este torneo íase disputar en Madrid, pero finalmente foi trasladado á Coruña. A competición, que se proxectaba disputar anualmente, foi denominada Concurso España. O premio para o gañador sería un trofeo de prata que era chamado Copa España, no cal se atopaba gravada a denominación Concurso España, nome oficial da competición. O devandito trofeo ficaría en propiedade do primeiro equipo que gañase o torneo dúas veces seguidas ou tres alternativas.
A inscrición estaba aberta a calquera club español afiliado a RFECF, pero finalmente non acudiron equipos de fóra de Galiza e soamente se inscribiron o Deportivo da Coruña, o Vigo e o Pontevedra Sporting, este último retirandose antes da celebración do torneo, deixando así a competición nun cara a cara entre o Deportivo e o Vigo. A final deu comezo o día 7 de setembro de 1912. Cando faltaban poucos minutos para o final, o encontro tivo que ser supendido, xa que anoitecera e non era posible continuar xogando pola falta de luz, polo que se acordou disputar o tempo restante o día seguinte. Naquela altura o resultado era de 4-3 a favor do Deportivo. Entón, xogáronse os minutos restantes o día 8, finalizado o encontro sen modificacións no marcador, ficando así o Deportivo campión do torneo. A continuación xogouse un partido amigable entre os mesmos equipos gañado polo Vigo por 3-2.
El Eco de Galicia criticou a ausencia de equipos do resto do estado e o xornal donostiarra Vida Sportiva falou de “fracaso” da federación.
O 25 de marzo de 2023 a xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol recoñeceu a oficialidade do torneo.
Na asemblea da FECF de maio de 1912 (a mesma na que foi instaurado o torneo) produciuse un cisma federativo e varios clubs, entre eles a Real Sociedad e o F.C. Barcelona, decidiron abandonar a organización tras diversos desacordos, fundando a finais de ese mesmo ano a súa propia federación en Donostia, a Real Unión Española de Clubs de Foot-ball (RUECF). A FECF chegou a publicar as bases para a disputa da segunda edición do Concurso España, cuxas finais darían comezo o 6 de setembro de 1913, pero non se chegaría a disputar porque nesa altura xa se estaría a levar a cabo o proceso polo cal as dúas citadas federacións se disolveron e formaron a nova Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
A recentemente constituída RUECF axiña comezou a organizar os seus propios torneos en paralelo, primeiro coa disputa do seu propio Campionato de España en 1913, e despois poñendo en marcha o seu torneo chamado Copa España aberto á participación de xogadores estranxeiros. A Coruña foi escollida como sede das finais por ser un equipo coruñés o gañador do ano anterior. O trofeo en disputa sería doado pola raíña Vitoria.
Os clubs inscritos foron o FC Barcelona, o Català Sport Club, o Pontevedra Auténtico, o Real Club Coruña, o Sporting de Irún, o Club Deportivo Bilbao e a Real Sociedad. Antes dos partidos finais, terían lugar partidos eliminatorios a nivel local. A eliminatoria galega gañouna o Pontevedra Auténtico e a catalá o Barcelona, que terían que xogar a fase final xunto coa Real Sociedad, vencedora da súa zona, na que estaban agrupados os equipos guipuscoanos e biscaíños. Cando se aproximaba a data sinalada para a fase final —25, 26 e 27 de xullo—, a RUECF adiou a celebración desta para finais de agosto, pero para entón a RUECF e a FECF xa estarían inmersas no proceso para a súa disolución e a formación da nova RFEF.
Grupo catalán
Grupo galego
Grupo norte