Alexander Vinocurov, nado o 16 de setembro de 1973 en Petropavl, Casaquistán, é un ciclista casaco.
É un ciclista de talle medio (1,77 m e 68 kg), especializado en probas de estrada por tiradas, e que rende ben en todo tipo de probas: contra o reloxo, montaña...
Estudou na escola Nacional de Deportes de Alma-Atá en Casaquistán, e en 1997 pasou a formar parte do equipo afeccionado francés do EC Saint-Étienne-Loire. Fíxose profesional en 1998 no Casino e conseguiu vencer nos 4 días de Dunkerque e na Dauphiné Libéré do ano seguinte. Logo en 2000 ficha polo Deutsche Telekom, que muda de nome en 2004 polo de T-Mobile, e durante esta época figura como gregario de Jan Ullrich. Dentro deste conxunto consegue a París-Nisa (2002) e unha caída faino abandonar cando marchaba de líder na Volta a Suíza.
Pero a dopaxe comeza a aparecer na súa carreira, apartando a Jan Ullrich e converténdose el en líder do conxunto alemán en 2003. Como tal, consegue a París-Nisa dese ano, a Amstel Gold Race, a Volta a Suíza e obtén a terceira praza no Tour de Francia 2003.
Non acudiu ao Tour de Francia 2004 por lesión, pero no de 2005 obtén dúas vitorias de tirada, unha en Briançon e outra na última, a máis valiosa, nos Campos Elisios de París. Remata quinto na xeral e obtén o premio á combatividade, pero a súa rivalidade persoal con Ullrich lévao a deixar o equipo, e muda na tempada de 2006 para o Liberty Seguros.
Pero a Operación Puerto desenvolvida pola Garda Civil española contra a dopaxe no ciclismo céntrase fundamentalmente nese novo conxunto. Ducias de corredores son implicados, o patrocinador retírase, e o equipo remodélase e pasa a chamarse Astaná, un espónsor casaco. Pero as pescudas xudiciais proseguen e, cando todo está disposto para a súa participación no Tour de 2006, a organización da rolda gala recibe unha lista de ciclistas que poderían estar implicados e onde figuran cinco nomes do Astaná. Eses corredores non poden tomar a saída, pero os outros tres non lle abondan a Vinocurov para formar equipo, e queda definitivamente fóra da proba aínda sen demostrarse a existencia da dopaxe. Pero si que pode competir na Vuelta a España uns meses despois, onde obtén a súa maior vitoria por diante de Alejandro Valverde.
En 2007 regresa ao Tour, onde vence na contra o reloxo longa e na proba de montaña pirenaica que remata en Loundevielle, pero onde encadea unha serie de resultados irregulares no resto de tiradas que dificultan a súa progresión na clasificación xeral. O 24 de xullo, durante a xornada de descanso, é expulsado da carreira e do equipo Astaná por dar positivo nun control antidopaxe. O positivo foi producido por unha transfusión de sangue homóloga (doutra persoa) recibida na xornada que venceu na contra o reloxo. O corredor negou que se dopase.
Medallas olímpicas | ||
Prata | ciclismo en estrada | Sydney |
Vive en Mónaco coa súa muller Svetlana Vinocurova e os seus tres fillos. Era un grande amigo de Andrei Quivilev, ciclista tamén casaco que faleceu dunha caída na París-Nisa de 2003.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alexander Vinocurov |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Aleksandr Vinokurov, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.