O intestino groso é a última porción do tubo dixestivo dos vertebrados.
Nel absórbese a auga e o resto dos materiais almacénanse como feces antes de ser eliminadas mediante a defecación. O intestino groso está formado polo cego, o colon e o recto. Algunhas fontes inclúen tamén o canal anal. O intestino delgado únese ó intestino groso no abdome inferior dereito a través da válvula ileocecal.
O intestino groso procede embrioloxicamente da parte da asa intestinal primitiva que sofre menor número de flexuras. Ó completar o intestino un xiro positivo de 270° (contrario ás agullas do reloxo) en torno ó eixo da arteria mesentérica superior, o comezo do intestino groso atópase na fosa ilíaca dereita. Tendo en conta que existe un punto fixo (a cloaca primitiva que posteriormente orixinará o ano), o percorrido que fai o intestino primitivo debuxa perfectamente o futuro marco cólico do adulto. O marco cólico encadra as asas xexunais e ileais, que teñen situación inframesocólica.
Tras unhas dúas horas dende a inxestión, o quimo chega ao intestino groso onde xa non é procesado. Nesta última etapa da dixestión, o intestino groso limítase a absorber os minerais, a auga e as vitaminas (K e B12) que son liberadas polas bacterias que habitan no colon. Aquí libérase metano en forma gasosa cando converte o amidón e os seus derivados en glicosa para ser absorbida. Gran parte do metano gasoso é absorbido en forma de cadeas de ácidos graxos ou expulsado.
O intestino groso tamén compacta as feces e almacena a materia fecal no recto ata que é expulsada a través do ano.
Topograficamente o intestino groso comeza na válvula ileocecal, no cego, que é o apéndice primitivo. O cego é intraperitoneal, así como o apéndice. O colon ascendente encóstase á parede posterior e faise secundariamente retroperitoneal. Na base do fígado, o colon cambia de dirección no ángulo hepático do colon e faise colon transverso, que pende cunha lonxitude variable, unido á parede abdominal posterior polo mesocolon transverso. Volve cambiar de dirección no ángulo esplénico do colon, e pasa a colon descendente, que tamén está adherido á parede abdominal posterior.
As partes do colon son ben intraperitoneais ou ben están detrás do retroperitoneo. Os órganos retroperitoneais, en xeral, non teñen unha cobertura completa de peritoneo, polo que están fixos no lugar. Os órganos intraperitoneais están completamente rodeados do peritoneo e, polo tanto, son móbiles. Do colon, o colon ascendente, o colon descendente e o recto son retroperitoneais, mentres que o cego, o apéndice, o colon transverso e o colon sigmoide son intraperitoneais. Isto é importante xa que afecta a que órganos se pode acceder mais facilmente durante a cirurxía, como por medio dunha laparotomía.
En termos de diámetro, o cego é o máis largo, cunha media de algo menos de 9 cm en individuos sans e o colon transverso ten menos de 6 cm de diámetro. O colons descendente e sigmoide son lixeiramente máis pequenos, cun diámetro medio de 4-5 cm de diámetro. Os diámetros maiores que certos limiares para cada sección de colons poden ser diagnosticados como megacolon.
A parte dereita do intestino groso recibe ramas da arteria mesentérica superior. A partir da metade do colon transversal, a parte esquerda recibe ramas da arteria mesentérica inferior, arteria cólica esquerda, arterias sigmoideas e a rama terminal é a arteria rectal superior. As ramas da mesentérica superior e inferior anastomosan no colon transversal. As veas levan un curso análogo ao das arterias e van confluír na vea mesentérica inferior, que se une á esplénica e mesentérica superior para formar a vea porta hepática.
A innervación é dobre, cun sistema intrínseco e outro extrínseco. O sistema nervioso intrínseco contén as porcións correspondentes do plexo entérico, que forman parte do sistema nervioso entérico, constituído polo plexo submucoso (de Meissner) que está localizado na capa submucosa (sensitivo), o plexo mientérico (de Auerbach), que dirixe o peritaltismo intestinal e que se atopa entre a capa muscular lonxitudinal e a capa muscular circular (motor) e o plexo subseroso.
O intestino groso presenta glándulas de Lieberkhun e invaxinacións e non ten vilosidades nin pregamentos circulares. Presenta, na túnica serosa, evaxinacións e unha evaxinación chea de tecido adiposo constitúe un apéndice omental.
No intestino groso hai unha gran cantidade de exocrinocitos caliciformes. As poboacións celulares epiteliares son as mesmas cás do intestino delgado. Existen neuronas estreladas eferentes multipolares heterópodas que forman parte dos ganglios intraparietais parasimpáticos.
O intestino groso pódese explorar mediante:
Entre as máis frecuentes pódense citar:
O intestino groso só é verdadeiramente distinguible nos tetrápodos, nos que case sempre está separado do intestino delgado por unha válvula ileocaecal. Non obstante, na maioría dos vertebrados é unha estrutura relativamente curta que vai directamente ao ano, aínda que sensiblemente máis larga có intestino delgado. Aínda que o cego está presente na maioría dos amniotas, só nos mamíferos o resto do intestino groso se converte nun verdadeiro colon.
Nalgúns pequenos mamíferos, o colon é recto, como noutros tetrápodos, mais na maioría das especies de mamíferos, divídese en porcións ascendentes e descendentes; un colon transverso distinto normalmente só está presente nos primates. O recto dos mamíferos que non son monotremas deriva da cloaca doutros vertebrados e, polo tanto, non é verdadeiramente homólogo do "recto" atopado nestas especies.
Nos peixes non hai verdadeiro intestino groso, senón simplemente un recto curto que conecta o extremo da parte dixestiva do intestino coa cloaca. Nos tiburóns, inclúe unha glándula rectal que segrega sal para axudar o animal a manter o equilibrio osmótico coa auga do mar. A glándula aseméllase un pouco á estrutura do cego mais non é unha estrutura homóloga.
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Intestino groso |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Intestino groso, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.