O prezo do poder (en inglés: Scarface) é un filme policial estadounidense de 1983 dirixido por Brian De Palma con guión de Oliver Stone, un remake do filme do filme Scarface de 1932.
A película conta a historia do refuxiado cubano Tony Montana (Al Pacino), que chega en 1980 a Miami sen nada, e sobe ata converterse nun poderoso patrón da droga. No elenco tamén participaron Mary Elizabeth Mastrantonio, Steven Bauer e Michelle Pfeiffer. A estrea foi o 1 de decembro de 1983 en Nova York e o 9 de decembro de 1983 lanzouse comercialmente nos Estados Unidos.
O prezo do poder | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Scarface |
Director | Brian De Palma |
Produtor | Martin Bergman |
Guión | Oliver Stone |
Intérpretes | Al Pacino Steven Bauer Michelle Pfeiffer Mary Elizabeth Mastrantonio Robert Loggia F. Murray Abraham |
Música | Giorgio Moroder |
Fotografía | John A. Alonzo |
Montaxe | Jerry Greenberg David Ray |
Distribuidora | Universal Pictures |
Estrea | 1 de decembro de 1983 (Nova York) 9 de decembro de 1983 (Estados Unidos) |
Duración | 170 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Orzamento | 25.000.000 de dólares |
Recadación | 65.900.000 dólares |
Na rede | |
https://www.uphe.com/movies/scarface-1983 | |
En 1980 o refuxiado cubano e ex-convicto Antonio "Tony" Montana chega a Miami, como parte do éxodo do Mariela. Vai parar a un campo de refuxiados cos seus mellores amigos, Manny Ribera, Ángel e Chi-Chi. Conseguen saír e a promesa de lograr o permiso de residencia por asasinar un ex-alto cargo do goberno cubano a petición dun dos maiores traficantes de drogas, Frank López. Traballan como lavapratos nun posto de comidas, a contragusto de Tony que afirma que el está para cousas máis grandes.
Omar Suárez, a man dereita de Frank, encárgalles un traballo, mercar cocaína dos traficantes colombianos, pero o negocio vai mal. Os colombianos desmembran a Angel cunha motoserra, mentres Manny e Chi-Chi rescatan a Tony e matan os traficantes. Sospeitando que Omar está involucrado, Tony e Manny insisten en entregar persoalmente as drogas e os cartos a Frank. Durante areunión, Tony séntese atraído pola muller de Frank, Elvira Hancock.
Scarface comezou a desenvolverse despois de Al Pacino ver o filme Scarface (1932) nos Ánxeles. Chamou ao seu produtor Martin Bregman, e informoulle que cría que un remake da película podería ter éxito. Pacino orixinalmente quería manter o período histórico da trama, pero entendía que por mor da súa natureza melodramática sería difícil de realizar. Sidney Lumet foi ao primeiro que contactaron coa idea de dirixir o filme, desenvolvendo a idea de Montana, un cubano acabado de chegar aos Estados Unidos no éxodo do Mariela.
As diferenzas creativas entre Bregman e mais Lumet fixeron que este último deixase o proxecto. Lumet quería facer un historia máis política, centrada en culpar de favorecer o fluxo de cocaína á administración presidencial da época, e Bregman discordaba. Bregman substituíuno por Brian De Palma e contratou o escritor Oliver Stone para escribir o guión, este concebiuno mentres loitaba contra a súa propia adicción á cocaína. Stone e Bregman realizaron a súa propia investigación, viaxando a Miami, onde tiveron acceso aos rexistros da oficina do fiscal e unidade contra o crime da policía. Stone trasladouse a París para escribir o guión, na crenza que non podería desngancharse mentres estivese no país, logrando deixar a droga .
Pacino insistiu en facer o papel principal, o de Tony Montana, aínda que tamén llo ofreceran a Robert De Niro pero non aceptou . Pacino traballou con expertos en loita con coitelo, adestradores físicos e co boxeador Roberto Durán para lograr o tipo de corpo que quería para o papel. Durán tamén axudou na inspiración do personaxe, que tiña "un certo león dentro", segundo Pacino. O personaxe de Sophie que realizou Meryl Streep en Sophie's Choice (1982) tamén influenciou o personaxe. Bauer e un experto en dialectoloxía axudárono na aprendizaxe do español cubano e da súa pronuncia.
Pfeiffer era unha actriz descoñecida daquela e tanto Pacino como De Palma argumentaron contra da súa elección pero Bregman defendeuna. Glenn Close era a opción orixinal para o papel, aínda que tamén se consideraron outras alternativas como Geena Davis, Carrie Fisher, Kelly McGillis, Sharon Stone e Sigourney Weaver.
Bauer logrou o seu papel sen audición. Durante o proceso de selección o director de repartición Alixe Gordin viu a Bauer e inmediatamente se deu de conta que era o indicado para o papel de Manny, un xuízo co que concordaron De Palma e Bregman. Foi o único cubano real entre os actores principais. Mais así a todo tamén se considerou a John Travolta para o papel.
Mentres ensaiaba para un tiroteo Al Pacino mancouse e estivo fóra da rodaxe durante dúas semanas. A escena do tiroteo inclúe un plano rodado por Steven Spielberg, de visita durante a rodaxe. Mentres se realizaba o filme algúns cubano-estadounidenses obxectaron que a súa comunidade aparecía retratada como criminais e interpretados por actores non cubano-americanos. Para contrarrestar esta situación, a película presenta unha declaración nos créditos afirmando que os personaxes da película non representaban á comunidade cubano-estadounidense.
Non obstante o filme estar ambientado en Miami, a rodaxe realizouse na súa maior parte nos Ánxeles, ao negar a Miami Tourist Board os permisos para rodar na cidade por pensar que podería afectar o turismo por canto se retrataba a cidade como un paraíso das drogas e das bandas. A gran mansión de Tony gravouse en El Fureidis, de estilo romano situada en Montecito (California).
A rodaxe durou 24 semanas, do 22 de novembro de 1982 ao 6 de maio de 1983. Ken Pepiot e Stan Parks realizaron os efectos especiais.
Scarface recibiu a cualificación X en Norteamérica tres veces por extrema violencia, linguaxe ofensiva (emprégase ao longo do filme fuck (carallo) 207 veces) e uso de drogas duras. Esa cualificación, asociada coa pornografía limitaba o número de cinemas onde se exhibiría, e restrinxía a publicidade promocional, o que potencialmente podía prexudicar a recadación. A causa da cualificación era unha das escenas iniciais, onde se desmembraba a Angel. De Palma editou a escena e volveulle enviar a película á Motion Picture Association of America (MPAA) mais outra volta recibiu o X. Recurtou máis esa escena sen éxito. Universal optou por apelar a decisión da MPAA e finalmente a cualificación mudouse á menos restritiva cualificación R .
Ao primeiro o filme tivo críticas negativas, e houbo controversias sobre a violencia e a linguaxe sexualmente explícita do filme. The New York Magazine definiuna como unha película de serie B baleira, fachendosa e excesiva. Houbo na época críticas positivas como a de Roger Ebert que lle deu catro estrelas de catro e máis tarde engadiuna á súa lista de grandes películas. A crítica contemporánea é radicalmente diferente na súa interpretación, así Rotten Tomatoes dálle un 83% baseado en 65 críticas e en Metacritic logra unha puntuación de 65/100.
A estrea comercial do filme en Norteamérica foi o 9 de decembro de 1983, na súa primeira fin de semena de exhibición logrou 4.500.000 de dólares en 996 cines, unha media de 4616 dólares por cine, o segundo filme desa fin de semana por tras de Sudden Impact (9.600.000). Recadou 45.400.000 en Norteamérica e 20.400.000 noutros mercados, converténdose no 16º filme dese ano por recadación e o sétimo da cualificación R.
This article uses material from the Wikipedia Galego article O prezo do poder, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.