José Castro González, máis coñecido polo alcume de Chané, nado en Santiago de Compostela o 16 ou 18 de xaneiro de 1856 e finado na Habana o 27 de xaneiro de 1917, foi un músico galego.
Como instrumentista era virtuoso da guitarra e da cítara. Tamén foi compositor, e director do Orfeón Coruñés e máis tarde do Coral Polifónica El Eco, co que obtivo galardóns en Pontevedra (1880), Madrid (1887), Barcelona (1888), Santander e París (festival do Teatro Trocadero de 1889). Foi membro correspondente da Real Academia Galega.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de xaneiro de 1856 Santiago de Compostela, España |
Morte | 27 de xaneiro de 1917 (61 anos) A Habana, Cuba |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | músico |
Lingua | Lingua castelá |
José Castro González naceu en Santiago de Compostela o 16 ou 18 de xaneiro de 1856 nunha familia de músicos, intérpretes de instrumentos de corda pulsada como a guitarra ou a bandurria que tocaban nunha rondalla de fama en Galicia, e que empregaban o nome artístico "Chané".
Chané comezou a súa formación musical da man de seu pai, converténdose nun neno prodixio virtuoso da guitarra e a bandurria. En 1873 estreou na Coruña Una broma pesada, a súa primeira composición, escrita para un apropósito de Antonio Navarro.
Aos 19 anos entrou no rexemento de artillaría da cidade herculina como músico militar.
Foi catedrático de Belas Artes na Coruña, pero malia o seu recoñecido prestixio, a cátedra foi suprimida, polo que emigrou a Cuba en 1893. Na Habana dirixiu o orfeón Ecos de Galicia, co que acadou grandes éxitos. Na capital cubana o músico tivo unha estreita relación co poeta Manuel Curros Enríquez, de quen musicou varios textos, entre os cales "Unha noite na eira do trigo" é o que acadou máis sona.
Tamén foi profesor de música do Centro Galego da Habana, pero en xullo de 1895, durante os exames realizados nesta institución, mantivo un enfrontamento con Vicente Fraiz Andón, presidente do tribunal, que motivou a súa saída do equipo do Centro Gallego.
Na Habana participou en entidades galegas como a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia ou a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, da que foi secretario, e foi con posterioridade académico electo da Real Academia Galega.
Á súa volta á Coruña en agosto de 1907, foi obsequiado pola intelectualidade galega cun gran banquete, presidido por Emilia Pardo Bazán, que contou coa asistencia de Ramón Armada Teixeiro, Manuel Lugrís Freire, José Martínez Fontenla (que fora alcalde da cidade), Xoán Neira Cancela e distintos directivos de orfeóns galegos.
En 1908 visitou por última vez a cidade da Coruña, á que chegou dende a Habana acompañando os restos mortais de Curros Enríquez a bordo do Alfonso II.
Regresou á Habana, onde seguiu compoñendo e tocando. A súa derradeira composición foi "A lúa de Cangas", estreada polo orfeón Ecos de Galicia nun serán na honra ao poeta viveirense Nicomedes Pastor Díaz.
O Centro Galego da Habana decidiu custear o transporte dos seus restos mortais a Galiza, a onde chega, o 4 de marzo de 1917, acompañado por Fontenla Leal. Ao día seguinte, José Castro González recibe sepultura con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro. Aquí poden consultar a crónica do seu enterro no Boletín da Real Academia Galega, e aquí a noticia que dá Antón Villar Ponte deste mesmo suceso e outros, n´A Nosa Terra.
Finou o 27 de xaneiro de 1917. Logo do seu falecemento o Centro Galego da Habana asumiu os custos do traslado dos seus restos mortais a Galicia, chegando á cidade da Coruña, o 4 de marzo acompañados por Fontenla Leal, para ser soterrado no camposanto da cidade. O seu funeral contou cunha numerosa asistencia:
No cemiterio da Coruña, preto de Curros, o seu irmán de raza, o seu compatriota, repousa xa para sempre o mestre Chané. O grande Centro Galego da Habana honra dos `bos e xenerosos´, cumpre co seu deber mandándonos os sagrados restos do autor da Foliada. Galiza enteira cumpriu tamén o seu deber, facéndolle ao mestre un enterro garimoso e solemne...". "...Non sabemos se os espiritos na outra noite, ben na propia campa ou nos Campos Elíseos, á soma dos buxos virxiliáns, paragrafean aparellados. Se así fose, Curros e Chané que espiritualmente se xuntaron no "Adiós a Mariquiña", dende agora falarán coa voz do misterio fala eterna sen palabras, os corazóns da mocidade galega para que manteña acesa a luz santa do enxebrismo redentor.
Xa pasou dos inxenuos orfeóns, os estandartes -reliquias que tremeron no enterro do Clavé galego, hai que conservalos como gloriosas relembranzas históricas. Fagamos -¡ou somas queridas de Curros e Chané!- porque xurda o mestre capaz de concertar voces pra defensa de Galiza: pensemos nas cordas que serven para facer lazos corredizos nas árbores
En Cuba casou con Elvira Hernández Celis, tendo numerosa descendencia.
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Chané |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Chané, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.