Diego López Rodríguez: Futbolista español

Diego López Rodríguez, nado en Paradela o 3 de novembro de 1981, é un exfutbolista galego que xogaba de porteiro.

Formado na canteira do Lugo, fichou no ano 2000 polo Real Madrid, para xogar primeiro nos seus dous filiais e logo no primeiro equipo, onde apenas tivo protagonismo debido á competencia de Iker Casillas. Entre 2007 e 2012 militou no Villarreal, onde foi titular indiscutible e onde se converteu no gardameta con máis encontros oficiais da historia do club.

Diego López
Diego López Rodríguez: Traxectoria, Vida persoal, Palmarés
Información persoal
Nome Diego López Rodríguez
Nacemento 3 de novembro de 1981 (42 anos)
Lugar de nacemento Paradela
Altura 1,96 m.
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
1993–1994 Sarriana
1994–1999 Lugo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2016–2022 Espanyol 35 (0)
2000–2003 Real Madrid C 57 (0)
2001–2002 Alcorcón 0 (0)
2003–2005 Real Madrid Castilla 33 (0)
2005–2007 Real Madrid 2 (0)
2007–2012 Villarreal 171 (0)
2012–2013 Sevilla 8 (0)
2013–2014 Real Madrid 52 (0)
2014–2016 Milan 36 (0)
2017–2022 Espanyol 160 (0)
2022–2023 Rayo Vallecano 2 (0)
Selección nacional
2005–2008 Galicia 4 (0)
2009 España 1 (0)
Na rede
FIFA: 299366 UEFA: 95341 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Tras un breve paso polo Sevilla regresou ao Real Madrid, quitoulle a titularidade a Casillas e participou na conquista da décima Liga de Campións para o club. A continuación xogou dúas tempadas no Milan, sendo titular na primeira delas pero perdendo dita condición na segunda, trala irrupción de Gianluigi Donnarumma. Pasou entón a xogar no Espanyol, no que militou ata os 40 anos, gañando un Trofeo Zamora de Segunda División e converténdose nun xogador histórico do club. Pechou a súa carreira tras unha última campaña no Rayo Vallecano, onde entrou na historia como o gardameta de máis idade en disputar un partido da Primeira División, con 41 anos e 213 días.

Foi internacional coa selección española nun partido amigable ante Macedonia en 2009.

Traxectoria

Inicios

Comezou a xogar ao fútbol no seu Paradela natal e colocouse por primeira vez de porteiro mentres xogaba nun equipo de fútbol 7 chamado Euromoble. En 1993 entrou na sección de fútbol sala da Sarriana, en categoría infantil, onde xogaba como defensa central e porteiro suplente.

Lugo

En 1994 entrou na canteira do Lugo, e alí o adestrador Kubala colocouno definitivamente na portería. Tras seis anos nas categorías inferiores do club albivermello, o 5 de xaneiro do ano 2000 debutou co primeiro equipo na Segunda División B. Foi nun encontro ante o Páraja-Playas, no que o adestrador Fabri lle deu entrada no minuto 15 trala expulsión do gardameta titular, o histórico José Domínguez, e no que acabou encaixando catro goles. Disputou un segundo partido co Lugo catro meses despois, saíndo de titular ante o Sporting de Gijón B.

Real Madrid (1ª etapa)

Filiais

No verán de 2000 fichou polo Real Madrid para xogar no seu segundo filial, o Real Madrid C. Foi o gardameta titular do equipo na tempada 2000/01 na Terceira División, mentres que na seguinte saíu cedido ao Alcorcón, da Segunda División B, onde non contou con ningún minuto, sendo o porteiro titular David Criado. Regresou ao Real Madrid C para a campaña 2002/03 e a continuación pasou dous anos no Real Madrid Castilla, con López Caro como adestrador. No primeiro apenas dispuxo de minutos, pero na tempada 2004/05 xogou 32 encontros e conseguiu o ascenso a Segunda División. Esa mesma campaña chegaron as súas primeira convocatorias co primeiro equipo, pero sen debutar en partido oficial.

Primeiro equipo

No verán de 2005 deu o salto definitivo ao primeiro equipo e converteuse no segundo gardameta do Real Madrid, por detrás de Iker Casillas. O 6 de decembro de 2005 debutou co equipo na Liga de Campións, nunha derrota por 2-1 diante do Olympiacos no estadio Georgios Karaiskakis, no que foi tamén o primeiro partido de López Caro no banco do club branco.

Esa mesma campaña foi titular en tres partidos da Copa do Rei e o 30 de abril de 2006 fixo o seu debut na Primeira División, nun partido ante Osasuna no Reyno de Navarra, no que entrou nos minutos finais trala expulsión de Casillas. Foi titular na seguinte xornada ante o Racing de Santander no Sardinero.

Na tempada 2006/07 foi novamente suplente de Casillas. Non tivo minutos no campionato de liga, que terminou con vitoria madridista, pero foi titular nos partidos da Copa do Rei e nun encontro da Liga de Campións ante o Dynamo de Kíiv.

Villarreal

No verán de 2007 foi traspasado ao Villarreal CF por seis millóns de euros. Empezou a tempada 2007/08 como suplente de Sebastián Viera, aínda que finalmente logrou desprazalo da titularidade, acabando a campaña con 34 partidos disputados. Ao termo da competición o Villarreal logrou un histórico subcampionato de liga e Diego López foi elixido pola UEFA como o porteiro revelación do campionato.

Na tempada 2008/09 consolidouse como gardameta titular do submarino amarelo e converteuse nun dos porteiros máis destacados do fútbol español, feito que lle abriu as portas da selección española. Titular indiscutible, encadeou 121 xornadas de liga consecutivas defendendo a portería do club castellonenco entre 2007 e 2012, cifra que ningún futbolista conseguira no século XXI, e que foi superada uns anos despois por Iñaki Williams. Xogou un total de cinco tempadas no Villarreal, nas que disputou dúas edicións da Liga de Campións e tres da Europa League. Deixou o club amarelo en 2012 como o porteiro con máis partidos oficiais da historia do club (230), marca que mantivo ata 2021, cando foi superado por Sergio Asenjo.

Sevilla

O 22 de maio de 2012, o Sevilla anunciou a fichaxe de Diego López por 3,5 millóns de euros, nun contrato por cinco anos. Con todo, xogou só media tempada no club andaluz, compartindo a titularidade con Andrés Palop.

Real Madrid (2ª etapa)

O 25 de xaneiro de 2013 o Sevilla e o Real Madrid chegaron a un acordo para o traspaso do gardameta, que regresou así ao club madrileño para suplir a baixa de Iker Casillas, mancado nunha man. O seu bo rendemento e as súas destacadas paradas na vitoria por 1-2 sobre o Manchester United en Old Trafford, fixeron que o adestrador José Mourinho o mantivera como titular trala recuperación de Casillas. Na seguinte tempada chegou ao banco o italiano Carlo Ancelotti, que decidiu manter a Diego López como meta titular nos partidos de liga e a Casillas nos de Copa do Rei e Liga de Campións. Aínda así, o lucense xogou un partido da Liga de Campións ante o Galatasaray, competición que o equipo branco acabou conquistando, xunto á Copa do Rei.

Milan

En agosto de 2014 foi traspasado ao Milan, co que debutou na Serie A na primeira xornada da tempada 2014/15, nun partido contra a Lazio, no que lle parou un penalti a Antonio Candreva. Foi titular durante o resto da tempada, excepto en varias xornadas que causou baixa por lesión. Comezou como primeiro gardameta tamén na seguinte campaña, pero trala oitava xornada, o adestrador serbio Siniša Mihajlović preferiu darlle unha oportunidade a Gianluigi Donnarumma, de 16 anos, cuxas grandes actuacións deixaron ao galego sen poder disputar máis partidos co club lombardo.

Espanyol

Ante a falta de minutos en Italia, no verán de 2016 foi cedido ao Espanyol, regresando así á liga española. No equipo dirixido por Quique Sánchez Flores fíxose rapidamente coa titularidade e na seguinte tempada pasou a ser xogador en propiedade do club. Nos seguintes anos mantivo un alto nivel de xogo, estableceu un novo récord de minutos sen encaixar un gol para un porteiro do club (586) e participou na histórica xeira do Espanyol de partidos europeos invicto, no que superaron os 21 do Ajax.

Viviu un descenso a Segunda División na tempada 2019/20 e na seguinte, xa con 39 anos, foi o gardameta menos goleado da categoría de prata, encaixando só 25 goles en 40 partidos e contribuíndo ao ascenso do club como campión de Segunda. Na tempada 2021/22 foi o porteiro titular en 36 dos 38 partidos de liga, con notables actuacións, a pesar do cal, o club non renovou o seu contrato, feito que colleu por sorpresa ao xogador. Deixou o equipo barcelonés despois de 213 partidos e con status de futbolista histórico do club.

Rayo Vallecano

En xullo de 2022 anunciouse a súa fichaxe polo Rayo Vallecano. Apenas contou con minutos no equipo adestrado por Iraola, cuxo porteiro titular durante a tempada foi o macedonio Stole Dimitrievski. Disputou cinco partidos co club madrileño (dous en liga e tres na Copa do Rei) e xogou os seus últimos minutos como profesional o 4 de xuño de 2023, na derradeira xornada de liga contra o Mallorca en Son Moix, cando Iraola lle deu entrada ao campo no minuto 85 como substituto de Dimitrievski. Deste xeito, o xogador galego converteuse no gardameta de máis idade en xogar na historia da Primeira División, con 41 anos e 213 días, superando o anterior récord do osasunista Ricardo. É ademais o terceiro futbolista de máis idade na historia da competición, só superado por Harry Lowe e por Joaquín.

En decembro de 2023, tras uns meses sen equipo, anunciou a súa retirada definitiva do fútbol.

Selección galega

En 2005 foi convocado por Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez para a selección galega, recuperada tras décadas de inactividade. Foi titular no partido inaugural ante o Uruguai no estadio de San Lázaro e participou tamén nos seguintes tres encontros, ante Ecuador, o Camerún e Irán.

Selección española

O 20 de marzo de 2009, o seleccionador nacional español, Vicente del Bosque, convocouno por primeira vez para dous partidos da selección española contra Turquía, correspondentes á clasificación para o Mundial de 2010, aos que acudiu como terceiro porteiro. Tamén como terceiro porteiro, estivo entre os 23 elixidos para disputar a Copa Confederacións 2009 en Suráfrica. Con todo, non debutou ata o 12 de agosto de 2009, nun amigable contra Macedonia no estadio Filipo II de Skopje, no que entrou como substituto de Pepe Reina na segunda parte e onde España acabou gañando 2-3.

Vida persoal

O 11 de xuño de 2011 casou en Ponte Sampaio con Iria Otero, coa que tivo tres fillas: Zoe, Bianca e Flavia.

Palmarés

    Real Madrid Castilla
    Real Madrid
    Espanyol
    Individual

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Tags:

Diego López Rodríguez TraxectoriaDiego López Rodríguez Vida persoalDiego López Rodríguez PalmarésDiego López Rodríguez NotasDiego López Rodríguez Véxase taménDiego López Rodríguez198120003 de novembroClub Deportivo LugoFutbolistaGaliciaIker CasillasParadelaPosicións no fútbolReal Madrid Club de FútbolVillarreal Club de Fútbol

🔥 Trending searches on Wiki Galego:

Abel LosadaPilar BahamondeContactorCastro de PrismosOrosoFragas do EumeLipoproteína de BraunOs mortos van á présaGatoÁlvaro CunqueiroSaneamentoGran Premio de Acerbaixán de 2023Dios ke te crewCaramelo (empresa)Boyanka Kostova (grupo musical)SoutomaiorTECOR societarioMiniMaría Victoria de la Fuente AlonsoCarballo comúnDaniel AsoreySuso VaamondeTerra GalegaFamilia CaamagnoXián (nome)UIAFAChorimaWikiBruce SpringsteenJusto Martínez MartínezOs ÁnxelesÁlex FidalgoBodystockingHTTPO Carreiro, Aguiño, RibeiraBracara AugustaRubén Fernández GarcíaJXogo da chaveBandeMona SimpsonLista de xentilicios de concellos galegos2Pobo galegoOurenseCuruxa comúnDía Internacional dos Traballadores2023Anxo Xoán Rajó PazóMartin Sheen3El LuísFesta dos maiosAbraham BobaVicente RiscoDe catro a catroREC (filme)Río Urumea28RLuis ZaheraLista de castelos de PortugalICastroverdeBubelaAsexualidadeAnniken HuitfeldtPontedeumeXosé Luís Méndez FerrínDiane LaneIraq🡆 More