Xosemaría Escrivá de Balaguer y Albás de nome secular José María Julián Mariano Escrivá de Balaguer y Albás, nado en Barbastro o 9 de xaneiro de 1902 e finado en Roma o 26 de xuño de 1975, foi un sacerdote católico aragonés, coñecido por ser o fundador do Opus Dei.
Foi canonizado en 2002 polo papa Xoán Paulo II.
Naceu en 1902 en Barbastro, no seo dunha familia profundamente cristiá, fillo de José Escrivá e Dolores Albás. O seu pai era comerciante de tecidos e posuía así mesmo unha pequena chocolatería.
En 1915 quebrou o negocio de tecidos do pai e a familia houbo de trasladarse a Logroño, onde o pai comezou outro traballo. Segundo o seu propio relato, nesa cidade, despois de ver unhas pegadas na neve dos pés descalzos dun relixioso, intúe que Deus desexa algo del, aínda que non sabe exactamente que é. Pensa que poderá descubrilo máis doadamente se se fai sacerdote, e comeza a prepararse primeiro en Logroño e máis tarde no seminario de Zaragoza.
Seguindo o consello de seu pai, na Universidade de Zaragoza estuda tamén a carreira civil de Dereito como alumno libre. José Escrivá finou en 1924 e Xosé María queda como cabeza de familia. Recibe a ordenación sacerdotal o 28 de marzo de 1925 e comeza a exercer primeiro nunha parroquia rural e logo en Zaragoza.
En 1927 trasládase a Madrid con permiso do seu bispo para obter o doutoramento en Dereito. En Madrid, o 2 de outubro de 1928 funda o Opus Dei. Dende aquel día traballa no desenvolvemento da fundación ao tempo que continúa co ministerio pastoral que ten encomendado, e que lle pon en contacto coa enfermidade e a pobreza en hospitais e en barriadas populares de Madrid.
Cando estoupa a guerra civil española, en 1936, Xosemaría Escrivá atópase en Madrid. A persecución relixiosa obrígalle a refuxiarse en diferentes lugares. Exerce o seu ministerio sacerdotal clandestinamente, ata que dá saído de Madrid. Despois dunha travesía polos Pireneos ata o sur de Francia, trasládase a Burgos.
Cando remata a guerra civil, en 1939, volve a Madrid. Nos anos seguintes dirixe exercicios espirituais para laicos, para cregos e para relixiosos. No mesmo ano 1939 remata os seus estudos de doutoramento en Dereito.
En 1946 fixa a súa residencia en Roma. Obtivo o doutoramento en teoloxía pola Pontificia Universidade Lateranense, grazas á súa obra La Abadesa de las Huelgas. É nomeado consultor de dúas Congregacións Vaticanas, membro honorario da Pontificia Academia de Teoloxía e prelado de honra da Súa Santidade. Segue os preparativos e as sesións do Concilio Vaticano II (1962-1965), e mantén trato con moitos dos pais conciliares.
Dende Roma viaxa a distintos lugares de Europa para dar pulo ao establecemento e consolidación do traballo apostólico do Opus Dei. Co mesmo obxecto, entre 1970 e 1975 fai viaxes a México, á Península Ibérica, América do Sur e Guatemala onde, ademais, ten reunións de catequese con grupos de homes e mulleres.
Falece en Roma o 26 de xuño de 1975. Varios milleiros de persoas, entre elas bispos de distintos países —en conxunto, un terzo do episcopado mundial—, solicitan á Santa Sé a apertura da súa causa de beatificación e canonización.
A súa causa foi introducida en 1981, e o 17 de maio de 1992 Xoán Paulo II beatificouno na praza de San Pedro, en Roma. O 6 de outubro de 2002 foi canonizado en Roma, cunha asistencia de milleiros de persoas. Durante a cerimonia de canonización, o papa animou os presentes a buscar a santidade en medio do mundo, no traballo e na vida ordinaria, ensinanza central de Xosemaría Escrivá.
Posiblemente un dos episodios máis controvertidos na vida de Escrivá de Balaguer sucedeu no 1968. Cando solicita e lle concede o goberno de Franco, en parte grazas á colaboración dun membro do Opus Dei no Ministerio de Xustiza, o título de III marqués de Peralta, título que retivo sen usar durante catro anos, antes de renunciar a el en 1972 en favor do seu irmán Santiago. Segundo a investigación de Ricardo de la Cierva, a concesión, aínda que con boa intención, foi obtida de xeito irregular.
O rápido proceso aos altares non estivo exento de polémica e oposición. Os detractores critican o que ven como unha canonización inmediata ou "turbosantidade" de Escrivá, e afirman que o proceso enteiro estivo cheo de irregularidades. Porén, tamén obtivo o apoio de diversas figuras da xerarquía eclesiástica.
Algúns libros foron publicados en vida; outros son póstumos. O máis coñecido é Camiño, unha colección de 999 aforismos, que tivo unha importante recepción. Postumamente, publicáronse outras dúas coleccións de aforismos: Surco e Forja.
La Abadesa de las Huelgas é un estudo teolóxico-xurídico, a partir das fontes e documentos orixinais, sobre o caso extraordinario de xurisdición cuasiepiscopal por parte da abadesa do famoso mosteiro burgalés. A primeira edición publicouse en 1944.
Amar a la Iglesia reúne tres homilías do fundador do Opus Dei: Lealtad a la Iglesia, El fin sobrenatural de la Iglesia e Sacerdote para la eternidad. O volume inclúe ademais, dous artigos de Mons. Álvaro del Portillo arredor da figura do fundador do Opus Dei.
Discursos sobre la Universidad é un volume elaborado pola Universidade de Navarra por mor da beatificación do seu Fundador e Primeiro Gran Chanceler, no que se recollen diversos discursos académicos pronunciados por Escrivá de Balaguer ante a corporación universitaria, a homilía pronunciada no campus da Universidade de Navarra en outubro de 1967 e algunhas outras declaracións públicas súas sobre temas universitarios.
Ademais, publicaronse dúas coleccións de homilías, Es Cristo que pasa, adicado aos grandes momentos do ano litúrxico, e Amigos de Dios, no que glosa unha serie de virtudes. Santo Rosario e Via Crucis (obra póstuma) están adicados a estas dúas formas tradicionais da piedade católica. Finalmente, Conversaciones con monseñor Escrivá de Balaguer reúne nun volume entrevistas concedidas a diversos medios de comunicación e unha homilía pronunciada no campus da Universidade de Navarra en 1967.
Tanto de Camiño como de Santo Rosario publicáronse edicións crítico-históricas. Camiño, Vía Crucis e Santo Rosario foron traducidas ao galego.
No ano 2011 estreouse There be Dragons (en galego, Atoparás dragóns), película protagonizada por Charlie Cox, Wes Bentley, Dougray Scott e Olga Kurylenko, na que Charlie Cox dá vida a Xosemaría. A raíz do horror da guerra civil española, un candidato para a canonización é investigado por un xornalista que atopa que o seu propio pai tiña unha conexión profunda, escura e devastadora.
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: (Non houbo) | Secretario Xeral do Opus Dei 1928 - 1975 | Sucesor: Álvaro del Portillo |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Xosemaría Escrivá de Balaguer, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.