Walter Wesley Hill, nado en Long Beach (California) o 10 de xaneiro de 1942, é un director, guionista e produtor de cinema estadounidense, coñecido polos seus filmes de acción e pola revitalización do xénero do western.
Hill naceu en California en 1942. En varias entrevistas contoou que de neno sufría de asma, razón pola que tivo moitos problemas para rematar a escola. O seu avó era perforador de petróleo e isto influíu para que máis tarde el traballase tamén nese labor.
Viviu e cursou estudos de arte na Universidade das Américas na Cidade de México. Posteriormente cambiouse á Universidade Estatal de Míchigan, onde se licenciou en historia.
Ata 1968 só fixo unha incursión no cinema, como segundo axudante de dirección no filme The Thomas Crown Affair. Foi tamén segundo axudante de dirección (sen acreditar) ese mesmo ano en Bullitt, e en Take the Money and Run (1969) traballou igualmente con Woody Allen, aínda que dixo que non lembraba facer moito á parte de pasar páxinas e encher tarxetas de tempo.
Desde o principio amosou inclinación á escritura de guións. O primeiro foi dun western titulado Lloyd Williams and His Brother; non chegou a adaptarse á pantalla grande, mais gustó á Warner Bros, que lle fixo máis encargas. Despois escribiu The Getaway e Hickey and Boggs, que se levaron ao cinema en 1972. O seu debut como director non chegou ata 1975 con Hard Times. En 1979 escribiu e dirixiu Os guerreiros, que se converteu nunha das súas obras máis destacadas e nun filme de culto nos Estados Unidos. Estaba baseado nunha novela de Sol Yurick, inspirada á súa vez no relato da Anábase, de Xenofonte.
A súa paixón sempre foi o western, e o seu referente fundamental a obra de John Ford, aínda que moitos dos seus éxitos fan parte do cinema policíaco e da comedia. Os seus filmes adoitan presentar situacións en que as personaxes principais se atopan baixo unha forte presión. A súa vida habitualmente é complicada e dá a sensación de que sempre foi así. Con frecuencia as súas personaxes masculinas viven ao seu xeito, sen confianza na natureza humana.
Hill constituíu xunto con Steven Spielberg, George Lucas, John Milius, Brian De Palma, Martin Scorsese, Paul Schrader ou Francis Ford Coppola a xeración de cineastas da década de 1970 que modernizou o cinema estadounidense.
Hill casou con Hildy Gottlieb, axente de talentos da International Creative Management na Tavern on the Green de Nova York o 7 de setembro de 1986. Tiveron dúas fillas, Joanna e Miranda.
Ano | Título | Función | Notas | ||
---|---|---|---|---|---|
Director | Guionista | Produtor | |||
1972 | Hickey & Boggs | Non | Si | Non | |
The Getaway | Non | Si | Non | ||
1973 | The Mackintosh Man | Non | Si | Non | |
The Thief Who Came to Dinner | Non | Si | Non | ||
1975 | The Drowning Pool | Non | Si | Non | |
Hard Times | Si | Si | Non | ||
1978 | The Driver | Si | Si | Non | |
1979 | Os guerreiros | Si | Si | Non | |
1980 | Bandidos de lenda | Si | Non | Non | |
1981 | Southern Comfort | Si | Si | Non | |
1982 | 48 Hrs. | Si | Si | Non | |
1984 | Streets of Fire | Si | Si | Non | |
1985 | Brewster's Millions | Si | Non | Non | |
1986 | Crossroads | Si | Non | Non | |
Blue City | Non | Si | Si | ||
Aliens | Non | Argumento | Non | ||
1987 | Traición sen límite | Si | Non | Non | |
1988 | Red Heat | Si | Si | Si | |
1989 | Johnny Handsome | Si | Non | Non | |
1990 | 48 horas máis | Si | Non | Non | |
1992 | Alien 3 | Non | Si | Si | |
Trespass | Si | Non | Non | ||
1993 | Xerónimo | Si | Non | Si | |
1994 | The Getaway | Non | Si | Non | |
1995 | Wild Bill | Si | Si | Si | |
1996 | O último home íntegro | Si | Si | Si | |
2000 | Supernova | Si | Non | Non | Acreditado como "Thomas Lee" |
2002 | Invicto | Si | Si | Si | |
2012 | Bullet to the Head | Si | Non | Non | |
2016 | The Assignment | Si | Si | Non | |
TBA | Dead for a Dollar | Si | Si | Non |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Walter Hill, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.