O centrosoma é un orgánulo celular, que funciona como o principal centro organizador de microtúbulos (COMT ou MTOC en inglés) da célula animal e como un regulador da progresión do ciclo celular.
Foi descuberto por Edouard Van Beneden en 1883 e foi descrito e nomeado en 1888 por Theodor Boveri. Pénsase que o centrosoma evolucionou só nos animais. Os fungos e plantas, polo contrario, usan outras estruturas para organizar os seus microtúbulos. Aínda que o centrosoma na célula animal xoga un papel no desenvolvemento eficiente da mitose, non é esencial para a mesma.
Os centrosomas compóñense de dous centríolos dispostos perpendicularmente e unha masa amorfa de proteínas que os rodea denominada material pericentriolar. O material pericentriolar contén as proteínas que interveñen na nucleación dos microtúbulos e na súa fixación entre as que se inclúen a γ-tubulina, a pericentrina e a nineína. En xeral, cada centríolo do centrosoma ten unha estrutura formada por nove tripletes de microtúbulos que forman un cilindro unidos por unha estrutura en roda de carro, e contén centrina, cenexina e tectina.
Durante a interfase do ciclo celular os centrosomas están con frecuencia asociados á membrana nuclear. Na mitose a membrana nuclear desfaise e os microtúbulos nucleados polo centrosoma poden interaccionar cos cromosomas e orixinar o fuso mitótico.
O centríolo herdado da célula materna xoga un papel central na formación de cilios e flaxelos.
O centrosoma só se copia unha vez por cada ciclo celular. deste modo, as células fillas herdan un centrosoma, que contén dous centríolos. O centrosoma replícase durante a fase S do ciclo celular. Durante a profase da mitose, os centrosomas migran a polos opostos da célula e o fuso mitótico fórmase entre ambos. Cada célula filla recibirá un centrosoma. Téñense asociado os números anormais de centrosomas dunha célula con casos de cáncer. A replicación do centrosoma é similar á replicación do ADN en dous aspectos: a súa natureza semiconservativa e a actuación do cdk2 como regulador do proceso. Mais ambos os procesos son moi diferentes porque a replicación do centrosoma non ocorre copiando un molde patrón. O centríolo "nai" simplemente axuda na acumulación dos materiais necesarios para a ensamblaxe do centríolo "fillo".
Nas células animais os centrosomas conteñen dúas estruturas chamadas centríolos. En realidade, os centríolos non se requiren para a progresión da mitose. Cando se irradian os centríolos con láser e son destruídos, a mitose desenvólvese normalmente orixinando un fuso mitótico morfoloxicamente normal. Ademais, o desenvolvemento embrionario da mosca da froita Drosophila é moi normal cando os centríolos están ausentes debido a unha mutación nun xene requirido para a súa duplicación. En ausencia de centríolos os microtúbulos do fuso son movidos por proteínas motoras que permiten a formación do fuso bipolar. Moitas células poden realizar unha interfase completa sen centríolos. A diferenza dos centríolos, os centrosomas requírense para a supervivencia do organismo. As células sen centrosoma carecen do conxunto radial de microtúbulos astrais ou áster. Son tamén deficientes no posicionamento correcto do fuso e na capacidade de establecer unha zona centrada da célula para realizar a citocinese. Isto suxire que a función do centrosoma neste aspecto é asegurar a realización correcta da división celular, xa que aumenta enormemente a súa eficacia. Algúns tipos celulares detéñense no seguinte ciclo celular cando non teñen centrosomas, pero isto non é un fenómeno universal.
Cando se fertiliza o ovo do verme nematodo Caenorhabditis elegans o espermatozoide libera nel un par de centríolos. Estes centríolos formarán os centrosomas que dirixirán a primeira división celular do cigoto e isto determinará a súa polaridade. Non está claro aínda se o papel do centrosoma na determinación da polaridade é dependente ou independente dos microtúbulos.
A historia evolutiva do centrosoma e do centríolo foi rastreada estudando xenes como os das centrinas. As centrinas son proteínas que se unen ao calcio, e requírense para a duplicación do centríolo. Hai dúas subfamilias principais de centrinas, ambas as dúas presentes no primitivo eucariota Giardia intestinalis, un protozoo. Xa que logo, as centrinas estaban xa presentes no devanceiro común de todos os eucariotas. As centrinas non teñen ningún homólogo recoñecible nas arqueas nin nas bacterias, polo que se consideran parte da "firma xenética dos eucariotas". Aínda que hai bastantes estudos sobre a evolución das centrinas e dos centríolos, non hai estudos publicados sobre a evolución do material pericentriolar.
É evidente que algunhas partes do centrosoma diverxiron moito nas especies modelo Drosophila melanogaster e Caenorhabditis elegans. Por exemplo, ambas as especies perderon unha das subfamilias de centrinas que están xeralmente asociadas á duplicación do centríolo. Os mutantes da mosca Drosophila melanogaster que perderon os centrosomas poden desenvolverse desde larvas a adultos normais, que morren pouco despois pola súa carencia de cilios nas súas neuronas motoras. Por tanto, estas moscas evolucionaron orixinando unha maquinaria funcionalmente redundante, independente dos centrosomas.
Tense discutido moito sobre se o centrosoma ten ácidos nucleicos propios ou non. Certas investigacións do ano 2006 indicaron que os centrosomas dos ovos de ameixa contiñan secuencias de ARN. As secuencias identificadas alí atopáronse en moi "poucos ou nigún" outros sitios da célula, e non aparecían nas bases de datos do xenoma existentes. Unha das secuencias de ARN identificadas contiña unha suposta ARN polimerase, o que levou a formular a hipótese de que existía un xenoma baseado no ARN no centrosoma. Non obstante, posteriores investigacións mostraron que o centrosoma non contén o seu propio xenoma baseado no ADN. Posteriormente, as secuencias atopadas nos centrosomas foron atopadas tamén no núcleo. Ademais, os centrosomas poden formarse de novo despois de ser eliminados con raio láser dunha célula normal.
O feito de que os centrosomas estean frecuentemente alterados en células cancerosas foi unha observación realizada xa polo descubridor deste orgánulo, Theodor Boveri, a finais do século XIX. Esta observación inicial estendeuse posteriormente a moitos tipos de tumores humanos. As alteracións dos centrosomas poden ser de dous tipos, estruturais ou numéricas, aínda que ambas poden aparecer simultaneamente. Nas estruturais hai cambios de tamaño nos centrosomas ou aparición de corpos estraños neles. As aberracións numéricas consisten en variacións no número normal de centrosomas, xa que aparecen centrosomas supernumerarios.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Centrosoma, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.