35°14′07″L / 31.778055555556, 35.235277777778
A Cúpula da Rocha ou o Domo da Rocha (en lingua árabe, قبة الصخرة Qubbat as-Sajra) é un monumento islámico situado na cidade vella de Xerusalén, no centro do Monte do Templo. Os musulmáns cren que a rocha que se atopa no centro da cúpula é o punto dende o cal Mahoma ascendeu aos ceos para se reunir con Deus, acompañado polo anxo Gabriel. En honra a devandito episodio da vida de Mahoma, foi construído o edificio entre os anos 687 e 691 polo noveno califa, Abd al-Malik.
Os credos xudeu e cristián afirman que ese lugar foi onde Abraham estivo a piques de sacrificar ao seu fillo Isaac por orde de Xahveh e onde Xacob viu á súa vez a escaleira ao ceo, segundo os relatos da Xénese. O islam recolle tamén a tradición do sacrificio de Abraham, aínda que na versión islámica o fillo non era Isaac senón o primoxénito, Ismael. Segundo a tradición xudía desde esta primeira pedra construíuse o mundo. Alí foi erixido o Sanctasanctórum, a parte máis sacra do templo de Xerusalén.
Sen cambios esenciais durante máis de trece séculos, a Cúpula da Rocha segue a ser un dos máis preciosos e duradeiros tesouros arquitectónicos do mundo.
Tecnicamente, a Cúpula da Rocha non se considera unha mesquita, mais si é un lugar de culto para o islam. Xunto ao Domo da Rocha, coa súa cúpula dourada, no extremo sur da chaira, atópase a Mesquita de Al-Aqsa coa súa cúpula prateada, e anexa ao Domo da Rocha atópase a Cúpula da Cadea. Tamén se adoita chamar erroneamente Mesquita de Omar á Cúpula da Rocha.
O significado deste sitio abrolla tradicións relixiosas monoteístas ligadas coa rocha á que preserva a cúpula dourada: coñecida como a "Rocha Fundacional", a mesma é considerada un importante punto de referencia polos monoteístas.
A Cúpula da Rocha está situada no centro do Monte do Templo, o lugar do Templo de Salomón e o Segundo Templo xudeus, que foi amplamente expandido durante o reinado de Herodes o Grande no século I a. C.. O Templo de Herodes foi destruído no ano 70 polos romanos, e trala revolta de Bar Kokhba no 135, erixiuse un templo na honra do deus Xúpiter Capitolino no seu lugar.
Xerusalén estivo baixo o poder do Imperio bizantino desde o século IV ata o VI. Durante este tempo, a peregriñaxe cristiá a Xerusalén comezou a desenvolverse.
A Igrexa do Santo Sepulcro foi construída polo emperador Constantino I na década de 320, pero o Monte do Templo quedou esquecido e convertido nun vertedeiro tralo infrutuoso intento de reconstruír o Templo xudeu do emperador Xuliano o Apóstata.
Durante séculos os peregrinos cristiáns puideron visitar o Monte do Templo, pero a escalada de violencia na súa contra por parte das autoridades musulmás deu lugar ás Cruzadas. Os cabaleiros cruzados capturaron a cidade en 1099 e a Cúpula da Rocha foi entregada aos augustinos que a converteron nunha igrexa, mentres que a mesquita de Al-Aqsa pasou a ser o palacio real. Os cabaleiros templarios identificaron a Cúpula da Rocha como o lugar no que se erixira o Templo de Salomón e estableceron o seu cuartel xeral nun recinto da mesquita de Al-Aqsa durante gran parte do século XII. O Templum Domini, como pasou a coñecerse a Cúpula, apareceu nos selos oficias dos Grandes Mestres Templarios, como por exemplo nos de Everard des Barres e Renaud de Vichiers, e axiña converteuse en modelo arquitectónico para as igrexas redondas templarias por toda Europa, como a Igrexa do Temple en Londres.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Cúpula da Rocha, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.