Apolo E Dafne

Apolo e Dafne é un relato pertencente á mitoloxía grega que a través do tempo foi narrado por autores helenísticos e romanos en forma de viñeta literaria.

Ovidio, poeta romano, relata o mito no poema As metamorfoses (Libro I, 416-517).

Apolo E Dafne
Escultura realizada polo escultor Gian Lorenzo Bernini

Mito

Apolo, deus das ciencias, as artes e a música, foi maldecido por Eros, deus do amor, por burlarse del cando estaba a xogar co seu arco e frechas. Para vingarse, o irado Eros colleu dúas frechas, unha de ouro (coa que sementaba o amor tanto entre mortais coma en deuses) e outra de chumbo (coa que provocaba o desamor); a primeira lanzouna ao corazón de Apolo no que prendeu a paixón e a segunda, mandouna ao corazón da ninfa Dafne na que sementou o aborrecemento.

"Da súa alxaba sacou dous dardos de efectos diferentes: un fai fuxir o amor, o outro prodúceo. O que o produce é de ouro e brilla na súa afiada punta; o que o fai fuxir é romo e ten chumbo baixo a cana"
Ovidio I, 468-471

En tempos pasados, Dafne rexeitara moitos amantes potenciais pois prefería a exploración dos bosques e a caza. Seu pai, un deus-río, que segundo unhas tradicións era Ladón e segundo outras era Peneo, pediulle que casara para darlle netos, mais Dafne pediulle que a deixase solteira como a irmá xemelga de Apolo, Artemisa, a quen estaba consagrada e quería permanecer virxe. Porén, o pai advertíraa que era demasiado fermosa como para manter afastados tódolos seus pretendentes.

Mentres, Apolo, cheo de amor, insistía constantemente para seducila. Mais ela escapou ao bosque, polo que Apolo pediu axuda aos deuses, que permitiron que a puidese alcanzar. Cando estaba a piques de collela, preto do río Peneo, Dafne invocou a axuda de seu pai, quen, para salvala do deus, fixo un esconxuro para convertela en árbore antes de que a collese Apolo. De súpeto, cando a ía tocar, o corpo comezou a se transformar no tronco dun loureiro, o seu cabelo nas follas e os brazos nas pólas; os pés deixaron de correr pois quedaron enraizados na terra.

Ao non poder tomala como esposa, prometeu que a amaría eternamente e sería o seu símbolo, empregaría os seus poderes da eterna xuventude e inmortalidade para que estivese sempre verde e que de loureiro se farían as coroas para recompensar aos poetas e aos vencedores dos Xogos Píticos.

Virtude fronte a luxuria

O mito de Apolo e Dafne foi interpretado como un enfrontamento entre a virtude —Dafne— e os desexos carnais —Apolo—. Mentres Apolo persegue a Dafne luxuriosamente, ela sálvase mediante unha metamorfose, que pode ser considerada como un acto de castidade eterna. Dafne vese forzada a sacrificar o seu corpo e converterse nun loureiro como única escapatoria ás presións e constantes apetitos sexuais de Apolo.

Apolo e Dafne na arte

Hai múltiples representacións da fábula ao longo da historia da arte.

Pintura

  • Apolo e Dafne, de Antonio Pollaiolo, realizada en 1480, exposta na National Gallery de Londres.
  • Apolo e Dafne, de Giovanni Luteri, realizada entre 1525-1530, e conservada na Galleria Borghese, de Roma.
  • Apolo e Dafne, do Paolo Veronese, realizada entre 1560-1565, e conservada no Art Museum de San Diego.
  • Apolo e Dafne, de Francesco Albani, realizada entre 1615-1620, e conservada no Museo do Louvre, de París.
  • Apolo e Dafne, de Nicolas Poussin, realizada entre 1622-1625, e conservada na Alte Pinkothek, de Múnic.
  • Dafne perseguida por Apolo, de Giovanni Battista Tiepolo, realizada entre 1743-1744, e conservada no Museo do Louvre, de París.
  • Apolo e Dafne, de John William Waterhouse, realizada en 1908.
  • O bico, de Klimt, realizada entre 1907-1908, está exposta na Österreichische Galerie Belvedere de Viena

Escultura

Bernini realizou entre os anos 1622 e 1625 unha escultura en mármore a tamaño case natural. Bernini intenta capturar a emoción de Dafne e as fases do seu cambio. A escultura, vista dende as costas de Apolo, oculta a figura de Dafne e amosa só a árbore na que se transforma despois de pedir axuda ao seu pai. Isto fai que ao dar a volta á estatua se contemple a transformación da ninfa. A expresión de horror no rostro de Dafne e a de sorpresa no de Apolo mostran un contraste de actitudes. Dafne parece descoñecer a súa transformación segundo mira cara a atrás por enriba do seu ombreiro, cos beizos entreabertos polo medo. Mentres, Apolo non pode disimular un aceno de sorpresa nin pode crer o que ven os seus ollos. Esta escultura inspirouse no Apolo Belvedere de Leocares. Pertence ao estilo barroco e está exposta na Galería Borghese de Roma.

Música

  • Cantata La terra è liberata, de Haendel, baseada no mito de Apolo e Dafne.
  • Gli amori d'Apollo e di Dafne, ópera de Francesco Cavalli.
  • Dafne é o título dunha ópera de Jacopo Peri (1597), hoxe perdida, que é considerada a primeira ópera da historia.
  • Daphne, tamén é o título dunha ópera de Richard Strauss, baseada no mito desta ninfa.

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cardona, Francesc L. (1996). Mitología griega. Col. Olimpo. Barcelona: Edicomunicación. ISBN 84-7672-745-3.
  • Grimal, Pierre (2009). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós Ibérica Ediciones. ISBN 9788449322112
  • Impelluso, Lucia (2003). Gods and heroes in art. Los Ángeles: Getty Publications. ISBN 0892367024
  • Inkiow, Dimiter (2003). Orfeo, Sísifo & cía. Barcelona: Grupo Editorial Norma. ISBN 9580470707
  • Paulson, Ronald (2007). Sin and evil: moral values in literature. New Haven: Yale University Press. ISBN 9780300120141

Outros artigos

Ligazóns externas

Tags:

Apolo E Dafne MitoApolo E Dafne Virtude fronte a luxuriaApolo E Dafne Apolo e Dafne na arteApolo E Dafne GaleríaApolo E Dafne NotasApolo E Dafne Véxase taménApolo E DafneApoloMetamorfosesMitoMitoloxía gregaOvidioPoesía

🔥 Trending searches on Wiki Galego:

MDiana AguavilHomosexualidadeToxo arnalEduardo de Almeida NavarroSIsraelEvento Miyake1961LobishomeCampo da RataLista de monarcas de GaliciaBaiuca (banda)MicciónCaixa de HockettXogos OlímpicosLaosQueiroaJosé Miñones (homónimos)Francisco Vázquez VázquezEugenia Osterberger19942008Luís TorrasElena CandiaRexurdimentoGalizaOA Ponte Maceira, Portor, NegreiraJosé Antonio Rueda CrespoJosé Juan FigueirasRaposo7SaramagoCultura castrexaRetour à SéoulVladimir GudeljSabugueiroÁreas lingüísticas do galegoTomas K. DeLoreyDaniel de la TorreO Pedrouzo, Arca, O PinoDaft PunkRosario Porto OrtegaKAtol FangataufaFútbol americanoCarlos NegroSobreiraXosé Ramón Gómez BesteiroIránEscola de FrankfurtFroila VermúdezSuízaBugalloDígocho euFacebookMúsica tradicional galegaFilipe I de CastelaGrupo NósMario ObreroEsther EstévezSubdivisións da IndiaAlberto Luis DíazXureloPepe Domingo CastañoModo gramatical97Campus de EsteiroForxásRibadavia3Encoro do EumeJuan Miguel Diz GuedesLista de concellos da Coruña🡆 More