Trátase de instrumentos aerófonos nos que o aire vibra ao paso por unha lingüeta ou por un bisel.
Compóñense dunha embocadura, un tubo con buratos que permite a alteración da frecuencia da onda sonora, e unha pequena campá (agás a frauta). Nos instrumentos modernos estes buratos non se premen directamente cos dedos (caso de instrumentos populares e de época) senón por medio de chaves, sistema que se desenvolveu no século XIX para mellorar as posibilidades interpretativas. Atopamos varios tipos de instrumentos de vento madeira:
a) Instrumentos de lingüeta dobre ou palleta. Óboe, óboe de amor (afinado en la), corno inglés (en fa), fagot e contrafagot. A gaita sería tamén un instrumento de madeira de dobre lingüeta, coa particularidade de que consta dun fol que almacena o aire e de roncón e ronquetas para facer bordóns.
b) Instrumentos de lingüeta simple. Atopamos basicamente dúas familias, a do clarinete e a do saxofón. A familia do clarinete (instrumento xeralmente afinado en si bemol) componse tamén do requinto (en mi bemol), do corno di bassetto (en fa), do clarinete alto (en mi bemol), do clarinete baixo (en si bemol) e do clarinete contrabaixo (en si bemol). Os instrumentos da familia do saxofón constan da boquilla dun clarinete máis un tubo de latón, na actualidade utilízanse sete modelos distintos (soprano, sopranino, alto, tenor, barítono e baixo).
c) Instrumentos de bisel. A frauta é o principal instrumento deste grupo. Consta dun tubo cilíndrico, e a columna de aire vibra grazas ao contacto contra o bordo da embocadura. Orixinalmente era un instrumento feito de madeira, pero na actualidade esta substituíuse por metais coma a prata.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Instrumento de vento-madeira, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.