Margaret D.
H. Keane, nada como Peggy Doris Hawkins en Nashville (Tennessee) o 15 de setembro de 1927 e finada en Napa (California) o 26 de xuño de 2022, foi unha artista estadounidense recoñecida polos grandes ollos das súas personaxes. En diferentes etapas asinou as súas obras como Peggy Doris Hawkins, Peggy Ulbrich, MDH Keane e Margaret McGuire. Foi unha retratista que pintaba principalmente ao óleo mulleres, nenos e animais domésticos. Estudou a Biblia coas testemuñas de Xehová, o cal influíu na súa conduta.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Peggy Doris Hawkins 15 de setembro de 1927 Nashville, Estados Unidos de América |
Morte | 26 de xuño de 2022 (94 anos) Napa, Estados Unidos de América |
Causa da morte | Morte natural (Insuficiencia cardíaca ) |
Datos persoais | |
Outros nomes | Keane, Margaret D. H. |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Educación | Traphagen School of Fashion (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Pintura |
Ocupación | pintora , artista |
Lingua | Lingua inglesa |
Familia | |
Cónxuxe | Walter Keane (1955–1965) |
Páxina web | keane-eyes.com |
Keane naceu en 1927 co nome de Margaret (Peggy) Doris Hawkins en Nashville. De pequena era coñecida na igrexa local polos seus bosquexos de anxos con grandes ollos. Dende sempre atribuíu á relación coa súa avoa o seu fondo respecto pola Biblia e a inspiración da súa arte.
Tralo seu primeiro matrimonio deu a luz en 1950 a súa filla Jane. En 1955 casou con Walter Keane e continuou a perfeccionar a súa técnica. En 1959 pintou o seu primeiro cadro profesional. Walter Keane pechou o seu negocio inmobiliario e dedicouse a vender os debuxos e gravados de forma masiva en grandes almacéns, librerías e revistas. Estes cadros, asinados "Keane", fixeron que o público interpretase que o creador era Walter e non Margaret, aínda que ela non o soubo ata tempo despois. Margaret, baixo o nome do seu marido, chegou a ser unha das artistas máis populares na década de 1960. A parella apareceu na revista Life e realizou retratos de Zsa Zsa Gabor, Kim Novak, Adlai Stevenson, Natalie Wood, Robert Wagner, Joan Crawford e Liberace. Enviou retratos de John Jr. e Caroline Kennedy á Casa Branca, así como á familia de Jerry Lewis vestidos de arlequíns. Durante ese tempo Walter Keane proclamábase o autor dos cadros, mentres que a verdadeira autora, Margaret, se mantiña encerrada pintando durante longos períodos, algo que ía influíndo nas súas obras. A timidez patolóxica de Margaret fixo que durante doce anos o público crese que os cadros os pintaba o seu marido. Tras un tempo observando como Walter levaba o mérito, Margaret decidiu perfeccionar o seu estilo ata chegar a un resultado novo, diferenciando así a obra asinada como "Keane" desta nova, asinada como "MDH Keane".
En 1965 Margaret divorciouse de Walter e ambos reclamaron os dereitos sobre os cadros. Ela declaraba que era a verdadeira artista, mais Walter non recoñecía nada. En 1970 Margaret retou a Walter a pintar fronte ao público na San Francisco’s Union Square mais el non se presentou.
En 1986 demandou a Walter Keane e o xornal USA Today por un artigo en que afirmaban que as obras pictóricas eran creación exclusiva de Walter Keane. Xa no xuízo, o xurado pediu aos dous que pintasen un cadro co seu estilo característico. Margaret Keane pintou un cadro en 53 minutos. Walter Keane non pintou nada aludindo a unha suposta dor de ombreiro. O xurado fallou a favor de Margaret e permitiulle asinar as súas obras como Keane. Tamén condenou a Walter Keane a unha retribución de catro millóns de dólares por danos emocionais e menoscabo á súa reputación.
As pinturas de Keane son recoñecibles polos seus grandes ollos coma os dun cervo nas súas personaxes. Keane di que sempre se interesou polos ollos e adoitaba debuxalos nos seus libros da escola. Comezou a representar os "ollos Kean" cando empezou a pintar nenos:
Os nenos teñen ollos grandes. Cando fago un retrato, os ollos son a parte máis expresiva da cara. E simplemente se fixeron máis grandes, máis grandes e máis grandes.
Keane considera a obra de Amedeo Modigliani como unha grande influencia na forma en que pintou as mulleres dende 1959. Outros artistas influírona no emprego da cor, a dimensión e a composición, como Van Gogh, Klimt e Picasso. A pesar das súas reivindicacións das belas artes nunca tivo éxito de crítica; en lugar diso permaneceu "coñecida polas súas pinturas adorables de orfos con ollos de cervato que se converteron no furor da cultura media nas décadas de 1950 e 1960, e en coleccionables kitsch de estilo altamente irónico nas décadas posterioresher".
O primeiro marido de Keane foi Frank Richard Ulbrich, co que tivo unha filla. En 1955 casou con Walter Keane. En 1964, deixou a Walter e divorciouse del un ano despois, mudándose de San Francisco a Hawaii.
En Hawaii, Keane coñeceu o xornalista deportivo Dan McGuire, co que casou en 1970. Ela considera que McGuire foi quen a axudou a ser menos tímida e medorenta tralo seu divorcio de Walter. Keane viviu en Hawaii durante máis de vinte e cinco anos antes de volver a California en 1991.
Dúas das súas pinturas aparecen no filme de 1962 What Ever Happened to Baby Jane?. Tamén aparece un cadro no filme My Girl (1991), no cuarto de Vada.
Na comedia futurista Sleeper de Woody Allen a xente do futuro considera as pinturas de Keane como a máxima expresión da arte, xunto cos poemas de Rod McKuen e a música de Xavier Cugat, a modo de burla á cultura popular dos setenta. Porén, a xente do futuro do filme atribúe as pinturas a Walter e non a Margaret.
En 2014 estreouse o filme Big Eyes, baseado na vida de Margaret Keane, dirixida por Tim Burton a partir dun guión de Scott Alexander e Larry Karaszewski, os mesmos guionistas do filme Ed Wood. O proxecto comezou en 2009. O director recoñeceu a súa paixón pola obra de Keane e a grande influencia que exerceu nas súas obras ao longo da súa vida, algo que se pode apreciar nos rostros das personaxes de The Nightmare Before Christmas e A noiva cadáver. Margaret foi interpretada por Amy Adams e Walter por Christoph Waltz.
Rex Ray inspirouse no traballo de Keane para crear a portada do disco Reality de David Bowie.
A autobiografía de Joan Crawford, My Way of Life, editada en 1972, incluíu na portada unha fotografía da actriz a carón do retrato realizado por Margaret Keane.
Margaret Keane deseñou unha etiqueta para o viño de Allora Vinyard.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Margaret Keane, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.