Nestlé (Nestlé S.A.
ou Société des Produits Nestlé S.A.) é unha empresa suíza de alimentación con sede en Vevey. Nestlé é a maior empresa alimenticia do mundo por volume de vendas, ten unhas 461 fábricas en 83 países.
Nestlé | |
---|---|
Sede de Nestlé en Vevey. | |
Tipo | Sociedade Anónima |
Fundación | 1866 |
Localización | Vevey Suíza |
Fundador | Henri Nestlé |
Persoas clave | Paul Bulcke |
Industria | Alimentación |
Produtos | Leite e derivados, chocolate, alimentos infantís, iogures, pasta, xeados, salsas, pratos precociñados. |
Beneficio | 67.836 millóns de euros |
Número de empregados | 328.000 (31 de decembro de 2011) |
Na rede | |
https://www.nestle.com/, https://empresa.nestle.es e https://www.recetasnestle.com.mx/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A empresa foi fundada polo farmacéutico de orixe alemá Henri Nestlé (10 de agosto de 1814 – 7 de xullo de 1890) en 1866. A orixe da empresa foi a fabricación de leite en po para bebés. Daniel Peter traballou en perfeccionar a fabricación de chocolate con leite, e Nestlé colaborou con el para amañar o problema da eliminación da auga do leite engadido ao chocolate e evitar así que o produto balorecese. Henri Nestlé retirouse do negocio en 1875 pero a empresa, cun novo propietario, conservou o seu nome como Société Farine Lactée Henri Nestlé. En 1905 fusionouse coa empresa Anglo-Swiss Condensed Milk Company que aínda sendo máis grande adoptou o nome de Nestlé. En 1947 a empresa troca o nome a Nestlé SA despois da adquisición de Fabrique de Produits Maggi SA fundada en 1884.
Ata a primeira guerra mundial a empresa tivo un rápido crecemento coa comercialización de leite condensado. Despois da guerra os clientes volveron a preferir o leite fresco e a empresa diversificouse producindo outros produtos. Durante a segunda guerra mundial Nestlé sacou un novo produto: Nescafé, un café soluble instantáneo. Dende entón a Nestlé medrou mercando outras empresas e ampliando o negocio a outros sectores da alimentación e a cosmética.
En España Nestlé instalouse en 1905 en La Penilla, Cantabria para a produción de leite infantil e despois leite condensado baixo a marca La Lechera. A sede en España estableceuse en 1920 en Barcelona. En España ten unhas vendas de 2.085 millóns de euros dando traballo a 5.910 persoas de xeito directo.
As orixes da fábrica de Nestlé en Pontecesures están en ILEPSA (Industria Lechera Peninsular, Sociedad Anónima) o 1 de febreiro de 1938. Iníciase a produción de leite condensado en probas o 16 de agosto de 1939, baixo a dirección de Arnaldo Semanedi. Elíxese Pontecesures como lugar para a fábrica por estar ben comunicado pola estrada Vigo-Santiago e polo seu porto polo que chega a folladelata para a fabricación dos botes e ao que chegaban os barcos cargados de leña empregada como combustible nas caldeiras da fábrica. Polo porto tamén saía parte da produción que era levada en barco ata o porto de Vilagarcía onde pasaba a buques máis grandes. Nestlé foi pioneira na recollida de leite en Galiza primeiro nas comarcas de Caldas de Reis e Moaña, e máis tarde a Lalín e Allariz. Nesas zonas creáronse centrais de frío para a recollida de leite e o seu transporte a Pontecesures.
A finais de 1978, a fábrica pasou a producir baixo a marca La Lechera, ata entón fabricada en La Penilla de Cayón (Cantabria). En 1983 a fábrica de Pontecesures pasou a ser a única en España que producía coa marca Nestlé leite condensado, ata entón a produción repartíase en seis fábricas. En 1985, ILEPSA disolveuse e a fábrica pasou a integrarse en Sociedad Nestlé, Anónima Española de Productos Alimenticios actual Nestlé España S.A.
A fábrica de Pontecesures ten 35.000 m² de superficie, 13.800 m² construídos cunha capacidade de produción de 22.000 toneladas de leite condensado envasado baixo as marcas: La Lechera, Aly, El Castillo ou NUTRICIA. O 35% da súa produción expórtase a uns 12 países de Europa, África e Asia. A fábrica de Pontecesures ten certificacións ISO 9002 de calidade e ISO 14001 de xestión medioambiental. Na fábrica traballan 149 persoas.
Nestlé España foi multada xunto con outras dez empresas lácteas con 10,6 millóns de euros en 2015 pola Comisión Nacional de Mercados e Competencia por intercambiar información sobre prezos de compra de leite de vaca cru.
Algunhas das marcas máis coñecidas de Nestlé son:
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nestlé |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Nestlé, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.