Holodomor

Holodomor (en lingua ucraína: Голодомор; pronunciado golodomor, con gheada) é o nome atribuído á fame de carácter xenocida, que devastou principalmente o territorio da República Socialista Soviética de Ucraína (integrada na URSS), durante os anos de 1932 a 1933.

Este acontecemento, tamén coñecido por gran fame de Ucraína, representou un dos máis tráxicos capítulos da Historia de Ucraína, debido ó enorme custo en vidas humanas.

Holodomor
Vítima do Holodomor nunha rúa da cidade ucraína de Khárkiv. Esa fotografía foi efectuada en 1933 por Alexander Wienerberger, un enxeñeiro químico austríaco que daquela traballaba na URSS.

A pesar de que esta fame afectou igualmente a outras rexións soviéticas, o termo Holodomor é aplicado especificamente ós feitos ocorridos nos territorios con poboación de etnia ucraína: Ucraína e a rexión de Kuban, no Cáucaso do Norte. Como tal, o Holodomor é ás veces denominado "Xenocidio Ucraíno" ou "Holocausto Ucraíno", significando que esa traxedia resulta dunha acción deliberada de exterminio desencadeada polo réxime soviético contra o pobo ucraíno, en canto entidade socio-étnica.

Tendo como referencia o concepto de xenocidio e a súa definición xurídica, verifícase un crecente consenso da historiografía, relativo á natureza xenocida do Holodomor. Por outra banda, hai un número cada vez maior de países que o recoñecen oficialmente como un acto de xenocidio, como España.

Holodomor
Imaxe da cerimonia dos cirios acesos, en homenaxe ás vítimas do Holodomor (Kíiv, 22 de novembro de 2003).

A palabra Holodomor resulta da expresión ucraína 'Морити голодом' (moryty gholodom), que significa "matar pola fame". O termo foi empregado por vez primeira polo escritor Oleksa Musienko, nun relatorio.

No cuarto sábado do mes de novembro, Ucraína e as comunidades ucraínas implantadas en diversos países de acollemento renden homenaxe ás vítimas do Holodomor.

1929: a colectivización da agricultura e a deskulakización (Gran Viraxe)

Os obxectivos da Gran Viraxe

A comezos da década de 1930, Stalin decidiu aplicar unha nova política para a URSS, a través da transformación radical e acelerada das súas estruturas económicas e sociais. Esa mudanza contemplaba os seguintes obxectivos:

  • A colectivización da agricultura, ou sexa, a apropiación polo Estado soviético das terras, colleitas, gando e alfaias pertencentes aos campesiños. Dese xeito, o Estado pasaría a establecer plans de colecta para a produción agropecuaria, que lle permitían de modo regular e case gratuíto, abastecer as cidades e as forzas armadas, ou ben exportar para o estranxeiro. Por outra banda, pretendíase establecer un efectivo control político-administrativo sobre o campesiñado, forzándoo a apoiar o réxime soviético. Ese apoio sería igualmente garantido coa eliminación da camada social máis próspera e favorable á economía de mercado, os kulaks.
  • A industrialización acelerada da Unión Soviética, con base nas receitas financeiras obtidas a través da exportación dos produtos agrícolas, sobre todo dos cereais.

A "guerra anticampesiña"

Holodomor 
Genrikh Yagoda (dereita) na compaña do escritor Maxim Gorki (esquerda). Como subxefe da polícia política (KGB), Yagoda foi un dos principais responsables da represión do campesiñado, no ámbito da colectivización e da deskulakización

O proceso de colectivización acelerada da agricultura e de "liquidación dos kulaks como clase" (deskulakización), desencadeado por decisión do Comité Central do Partido Comunista da Unión Soviética, en decembro de 1929, tivo consecuencias tráxicas para millóns de persoas.

Para a súa execución, o funcionariado e os membros do Partido Comunista que estaban presentes nos campos, foron apoiados por brigadas de obreiros e de "activistas" chegados dos centros urbanos. Sendo a Unión Soviética un país no que a fractura entre o mundo dominante das cidades e o mundo dominado das aldeas continuaba a ser profunda, a colectivización foi sentida como unha verdadeira guerra declarada polo Estado contra o modo de vida e a cultura labrega tradicionais.

O campesiñado (82 % da poboación soviética), despois de ser obrigado, a través de todo o tipo de abusos e violencias , a entregar os bens, foi forzado a se adherir ás explotacións agrícolas colectivas (kolkhozes) ou estatais (sovkhozes). Estas destinábanse a abastecer, de forma regular e case gratuíta, ó Estado con produtos agrícolas e pecuarios, a través de planos de colecta fixados polas autoridades centrais.

Con base na acusación arbitraria de pertenceren á categoría dos kulaks (campesiños ricos e hostís ó poder soviético), os "socialmente estraños" ó novo sistema agrícola kolkhoziano,foron desterrados a título definitivo para outras rexións, principalmente para Casaquistán e Siberia. Por outro lado, as operacións de deportación pretendían fornecer os recursos humanos necesarios á colonización e explotación das inmensas riquezas naturais, existentes neses territorios deshabitados.

En total, son deportadas -frecuentemente de modo caótico e precipitado- cerca de 2 800 000 persoas:

  • 2 400 000, dos que 300.000 son ucraínos, no contexto da campaña de deskulakización (1930-1932);
  • 340.000, debido á represión da resistencia ás requisicións predatorias efectuadas polos organismos estatais encargados de se apoderar dos cereais (1932-1933).

No entanto, en moitos casos, as vítimas da represión foron abandonadas neses territorios distantes. En consecuencia diso, aproximadamente 500.000 deportados, entre os que se atopan moitos nenos, morreron debido o frío, á fame e ó traballo extenuante.

Os sobreviventes, traballando como "colonos de traballo" nas empresas de explotación dos recursos naturais -explotación forestal, carbón, minerais non ferrosos, metalurxia, agricultura e artesanía- ou nos estaleiros de obras públicas -construción e manutención de estradas e vías férreas- son tratados como verdadeiros parias, sendo suxeitos a todo o tipo de privacións e abusos.

Ademais, cerca de 400.000 campesiños foron enviados a unha rede de campos de traballos forzados (Gulag), dirixida polo KGB -na época, baixo a dirección de Viacheslav Menzhinski- e outros 30.000 foron castigados a pena capital.

A resposta dos campesiños foi desesperada e moitas veces violenta, habendo numerosas manifestacións, revoltas e disturbios por todo o país (máis de 14.000 casos rexistrados polo KGB).

Esa resistencia mobilizou preto de tres millóns de persoas, en particular nas rexións do ríos Don e Volga, no Cáucaso do Norte, en Casaquistán, e sobre todo, en Ucraína As motivacións da sublevación labrega foron múltiples, xurdindo de acordo cos novos desafíos suscitados pola intransixencia do Estado soviético: recusa en se adherir ós kolkhozes; oposición á política antirrelixiosa das autoridades (peche das igrexas, confiscación dos sinos, vandalismo antirrelixioso dos activistas da Xuventude Comunista); solidariedade cos kulaks e outros "elementos antisoviéticos", vítimas de persecución; resistencia á confiscación, polos órganos estatais de colecta, dunha crecente porcentaxe da produción agropecuaria, a través de "desvíos" e roubos da colleita "colectiva", nunha conxuntura económica cada vez máis degradada.

1931: o inicio da fame soviética

O ámbito xeográfico

A partir de 1931, co perfecto coñecemento das autoridades, as crecentes dificultades alimenticias comezan a provocar a morte de centenas de millares de persoas en varias rexións da Unión Soviética. A situación é especialmente grave en Casaquistán, como nas principais áreas cerealíferas - Ucraína, Cáucaso do Norte e territorio do río Volga - onde fora ofrecida maior resistencia á política de colectivización agrícola.

As causas iniciais da fame

Exceptuando o caso particular de Casaquistán, as causas iniciais desta traxedia devastadora foron globalmente idénticas:

Holodomor 
Capa da revista soviética Kolhospnytsia Ukrayiny ("Muller Kolkhoziana de Ucraína") de decembro de 1932
  • a grave desorganización do ciclo produtivo agrícola causada polas medidas de deskulakización, que pretendían reprimir e eliminar as elites campesiñas;
  • a colectivización forzada, que levou a moitos dos campesiños a responder de forma violenta e desesperada, a través da destrución dunha gran parte do seu patrimonio (alfaias, animais, colleitas etc.);
  • a ineficacia e a miseria que caracterizan os kolkhozes, instituídos nun contexto de violencia e de caos xeneralizados;
  • as sucesivas e implacables vagas de requisamentos (colectas), a través das que o Estado procura dar resposta a un triplo problema (dificultades sentidas no proceso de industrialización acelerada; explosivo crecemento urbano, en resultado do éxodo rural; necesidade de trabar o agravamento da débeda externa, mediante o crecemento da exportación de materias primas);
  • a resistencia dos campesiños cara aquilo que consideraban tratarse dunha "segunda servidume" -designada, por Nikolai Bukharin, de "explotación militar-feudal"- traballando cada vez menos, debido ó seu rexeitamento do modelo colectivista imposto polo réxime, ou en consecuencia da debilidade física xerada polas dificultades alimentarias;
  • as malas condicións meteorolóxicas que prexudicaron as colleitas de 1932.

Por conseguinte, a fame desencadeada en 1931 -aínda nunha escala reducida, en comparación cos dous anos seguintes- é na súa orixe, o resultado imprevisto e non programado dunha política de inspiración marxista que pretendía eliminar as bases sociais e o modo de funcionamento da economía capitalista.

Había, no entanto, a plena consciencia por parte das forzas en enfrontamento -Estado e campesiños- de que se estaba a reeditar a situación de violencia e de fame que caracterizara o período do "Comunismo de Guerra" (1918-1921).

1932-1933: o Holodomor ucraíno

A escalada da crise

En 1931 -en consecuencia das maiores colleitas en Siberia Occidental e en Casaquistán- millares de kolkhozes de Ucraína, do Cáucaso do Norte e da rexión do río Don, foron obxectivo de esixencias acrecentadas. Dese xeito, os órganos estatais de colecta, a pesar dunha colleita bastante mediocre (69 millóns de toneladas), conseguiron obter preto de 23 millóns de toneladas. Ucraína foi obrigada a contribuír co 42% da súa produción cerealífera, o que provocou o agravamento da desorganización do ciclo produtivo, iniciada coa colectivización forzada e a deskulakización.

En Ucraína e noutras rexións, a partir da Primavera de 1932, asistiuse ó espallamento da fame e ó éxodo dos campesiños en dirección ás cidades, suscitando a preocupación das autoridades, especialmente dos dirixentes de varias repúblicas soviéticas. Pola súa banda, o goberno animado co éxito dos requirimentos, fixa o plano de colecta para 1932 en 29,5 millóns de toneladas, dos que 7 millóns deberon ser obtidos en Ucraína.

Entre os campesiños, determinados a usar todos os medios para conservar unha parte da colleita, e as autoridades locais, obrigadas a cumprir o plano de colecta, o conflito era inevitable. En efecto, eses planos son de tal xeito elevados, que os obrigaron a tentar esconder a maior cantidade posible de cereais, para garantir as reservas alimentarias indispensables para a súa supervivencia.

A campaña de colecta de 1932 depárase, por iso, dende o comezo, con innumerables dificultades: manifestacións dos campesiños atinxidos pola fame; fuga dos kolkhozes dun crecente número de traballadores; roubo dos bens pertencentes ós kolkhozes (gando, alfaias e sobre todo colleitas) e recusa de moitos funcionarios locais e rexionais do Partido ou dos soviets en aplicar planos de colecta que condenarían á fame a decenas de millóns de persoas.

Inicialmente, Stalin manifesta a súa crecente impaciencia cara ao ritmo lento que caracteriza a campaña de requirimentos en Ucraína, acusando ós dirixentes locais de seren os responsables pola situación, debido ó seu laxismo e falta de firmeza perante os "actos de sabotaxe" e de "terrorismo".

Para superar esas dificultades, o 7 de agosto de 1932, entra en vigor a lei sobre o "roubo e dilapidación da propiedade social" (máis coñecida por "lei das cinco espigas"), castigable con dez anos de campo de traballos forzados, ou coa pena capital.

As brigadas encargadas da colecta efectuaron auténticas expedicións punitivas, especialmente nas rexións cerealíferas. Estas apropiacións son acompañadas de innumerables abusos, violencias físicas e detencións de kolkhozianos.

A pesar dunha lixeira diminución nos obxectivos dos planos de colecta e dunha represión estremadamente dura (máis de 100.000 persoas foron condenadas nos primeiros meses de aplicación da lei), o 25 de outubro, Moscova só colectara o 39% da cantidade de cereais esixida a Ucraína.

A "interpretación nacional" de Stalin

Entre xullo e agosto de 1932, Stalin concibiu unha nova análise da situación en Ucraína e das súas causas, expresada a 11 de agosto, nunha carta enderezada a Kaganovitch:"[A Ucraína] é hoxe en día a «principal cuestión», estando o partido, o Estado e mesmo os órganos da policía política da república, infestados de axentes nacionalistas e de espías polacos, corréndose o risco «de se perder a Ucraína», unha Ucraína que, polo contrario, é preciso transformar nunha «fortaleza bolxevique»".

Na perspectiva do ditador, o Partido Comunista e o Goberno ucraínos tiñan sido infiltrados por axentes nacionalistas ("Petliuristas") e espías polacos ("axentes de Pilsudski"), e as aldeas reticentes á colectivización, estaban so influencia de axitadores contra-revolucionarios.

A decisión de utilizar a fame -provocando artificialmente o seu espallamento- para "dar unha lección" ós campesiños, foi tomada no Outono, nun contexto especialmente delicado para o ditador, coa agudización da crise provocada polo 1.º Plano Quinquenal e o suicidio da súa esposa Nadezhda Alliluieva.

O 22 de outubro de 1932, son enviadas para Ucraína e para o Cáucaso do Norte dúas "comisións extraordinarias" -dirixidas respectivamente por Viacheslav Molotov e Lazar Kaganovitch- co obxectivo de "acelerar as colectas" e tendo o apoio dos máis altos responsables do KGB (incluíndo Genrikh Yagoda).

Simultaneamente, millares de axentes da policía política e de "plenipotenciarios" do Partido foron transferidos, para tapar a ineficacia das estruturas comunistas locais e reprimir calquera indicio de "sabotaxe". Entre novembro e decembro, máis de 27.000 persoas son detidas (30% son dirixentes de kolkhozes e pequenos funcionarios rurais) con base na acusación de "sabotaxe dos planos de colecta".

O recurso á "arma da fame" adquire unha lóxica e unha violencia particulares nos territorios esencialmente ucraínos. Stalin -en perfecta coherencia coa súa propia análise acerca das orixes e dinámicas do fenómeno nacional- consideraba Ucraína un caso de especial gravidade, debido á unión profunda entre o "nacionalismo burgués" e o campesiñado.

En conformidade con esta análise, o dirixente do KGB ucraíno Vsevolod Balistski define, o 5 de decembro de 1932, como principal misión a desempeñar pola policía política da república “o urxente desmantelamento, identificación e esmagamento dos elementos contra-revolucionarios e kulak-petliuristas que están a sabotar as medidas aplicadas polo Goberno Soviético e polo Partido nas aldeas”.

A represión do campesiñado ucraíno

As medidas represivas

En resultado da "interpretación nacional" que Stalin fixo da situación ucraína, a decisión de empregar a fame neses territorios adquire características específicas de natureza xenocida, confirmadas pola recente desclasificación de millares de documentos provenientes dos arquivos ucraínos.

Holodomor 
Viacheslav Molotov. Membro do Politburo e responsable da campaña de requirimentos en Ucraína

Asístese a unha escalada de medidas represivas, en gran parte diferentes das aplicadas noutras rexións da Unión Soviética:

  • o 18 e 20 de novembro de 1932, o Comité Central ucraíno impón respectivamente ós campesiños particulares e ós kolkhozes, diversas multas en xéneros alimenticios, no caso de incumprimento ou de sabotaxe do plano de colecta;
  • o 1 de decembro de 1932, é interdita a comercialización da pataca nos distritos refractarios, e o 3 de decembro, esta medida é igualmente aplicada á carne e ós animais;
  • o 6 de decembro de 1932, con base no principio da responsabilidade colectiva, as aldeas suxeitas a este castigo pasaron a formar parte de "listas negras";
  • o 15 de decembro de 1932, é tamén prohibida a importación de artigos manufacturados polos distritos que non tiveran cumprido o plano de requisición;
  • entre outono e inverno de 1932 as tropas do Ministerio do Interior e da milicia implantan nas fronteiras de Ucraína un bloqueo ó fornecemento de alimentos. Esta medida, impide os campesiños atinxidos pola fame procurar comida en Rusia e noutras rexións, ou de traelas para Ucraína;
  • o 22 de xaneiro de 1933, Stalin e Molotov dan ordes específicas á policía política no sentido de impedir o éxodo dos campesiños ucraínos -de Ucraína e do Cáucaso do Norte- que en desespero procuraban obter comida noutras zonas. Para xustificar a decisión, declararon estar convencidos de que esta fuga era "organizada polos inimigos do poder soviético, os socialistas revolucionarios e os axentes polacos, con obxectivos de propaganda, para desacreditar, por intermedio dos labregos que foxen para as rexións da URSS ao norte de Ucraína, o sistema kolkhoziano, en particular, e o sistema soviético, en xeral";
  • nesas rexións, é suspendida a venda de billetes de convoi e son montadas barreiras policiais nas estacións ferroviarias e nas estradas que levan ás cidades. Só no decorrer do mes de febreiro, son detidas 220.000 persoas, fundamentalmente campesiños á procura de comida, dos que 190.000 son obrigados a regresar ás aldeas para aí morrer de fame;
Holodomor 
Stanislav Kossior. Secretario-Xeral do Partido Comunista de Ucraína
  • en conformidade coa decisión tomada polo Consello dos Comisarios do Pobo da Unión Soviética, o 27 de decembro de 1932, o goberno de Ucraína decreta, o 31 de decembro, a creación do pasaporte interno. Esta medida exclúe os campesiños, que ficaron “presos” na súa terra;
  • alén da actividade exercida no ámbito do combate ós "sabotadores do plano de colectas" -apoio ás brigadas que tentaban localizar os cereais agochados polos campesiños, usando todo tipo de violencia e abusos; deportación das poboacións máis insubmisas e detención dos sospeitosos de actos de sabotaxe- a policía política é a única organización autorizada en recoller informacións sobre a fame, de acordo co decreto do Politburo, do 16 de febreiro de 1933.

A confirmación de que a fame servía para impor a total obediencia dos campesiños ós ditames do réxime soviético e do seu xefe supremo, está presente na carta enviada polo Secretario-Xeral do Partido Comunista de Ucraína, Stanislav Kossior, o 15 de marzo de 1933, para Moscova: "a insatisfactoria evolución das sementeiras en numerosas rexións, proba que a fame aínda non levou á razón a moitos kolkhozianos ".

No sentido de garantir as condicións necesarias ás futuras colleitas, entre xaneiro e xuño de 1933, as autoridades centrais adoptaron, de forma tardía, selectiva e insuficiente, varias medidas de auxilio a algunhas das rexións atinxidas polas "calamidades alimentarias".

Para preto de 30 millóns de persoas atinxidas pola fame, son postas ó seu dispor 320.000 toneladas de cereais, ou sexa 10 quilos de cereais por persoa, representando tan só o 3% do consumo medio anual dun campesiño.

No entanto, esta axuda, alén de privilexiar o abastecemento das cidades, destínase unicamente ós que a "merecen": os kolkhozianos con mellor rendemento, os brigadistas, os tractoristas etc.

As consecuencias

Holodomor 
Moitos campesiños famentos conseguiron evitar as barreiras policiais e chegar ás cidades, acabando no entanto por morrer (Khárkiv, 1933)

En termos demográficos, a mortandade en Ucraína, a semellanza dos outros territorios soviéticos atinxidos pola fame, incidiu fundamentalmente sobre a poboación rural, independentemente da súa orixe étnica. No entanto, o réxime soviético tiña a perfecta consciencia de que esa poboación rural continuaba a representar a "espiña dorsal" da nacionalidade ucraína (75% a 85% dos ucraínos residían en aldeas), en contraste coas cidades, etnicamente máis "cosmopolitas" (rusos, xudeus, polacos etc.). Por conseguinte, a fame adquiriu características e dimensións ben distintas das que tería evidenciado noutras circunstancias políticas.

A pesar de ser bastante menos intensa e xeneralizada do que a Fame de 1921 - 1922 , en termos de seca e de rexións afectadas (a colleita de 1945 foi inferior á de 1932, mais non existiu fame xeneralizada), causou entre tres a catro veces máis vítimas, en resultado de decisións políticas que procuraban salvar o réxime da crise, que el mesmo provocara.

A convicción de que se alcanzara unha vitoria definitiva sobre o campesiñado, foi asumida en diversas ocasións, polos máis altos dignitarios do réxime. Exemplo diso son as palabras de Lazar Kaganovitch - "nós gañamos definitivamente a guerra, a vitoria é nosa, unha vitoria fantástica, total, a vitoria do estalinismo" - de Sergo Ordjonikidze - "os nosos cadros que enfrontaron a situación de 1932-1933 e que aguantaron [...] ficaron temperados como o aceiro. Acredito que con eles se construirá un Estado como a historia nunca viu" - ou de Mendel Khataevich - "está a decorrer unha loita feroz entre os campesiños e o poder. É un combate até a última pinga de sangue. É unha proba de forza entre o noso poder e a súa resistencia. A fame demostrou quen é o máis forte. Custou millóns de vidas, mais o sistema dos kolkhozes vivirá para sempre. Vencemos a guerra!".

No decorrer da traxedia, o Estado soviético continuaba a exportar millóns de toneladas de cereais para o estranxeiro (en 1932, 1 730 000; en 1933, 1 680 000), en canto acumulaba enormes reservas estratéxicas (en 1933, 1 800 000 toneladas).

Nun acto de represalia, o 22 de outubro de 1933, o agregado consular da Unión Soviética en Lviv, Alexei Mailov, foi asasinado por Mykola Lemyk, militante do movemento independentista "Organización dos Nacionalistas Ucraínos".

A represión das elites ucraínas

Holodomor 
O escritor Mykola Khvylovy foi unha das vítimas da vaga de terror contra as elites ucraínas. Suicidouse o 13 de maio de 1933

Debido á súa convicción de que, en Ucraína e en Kuban, a cuestión campesiña era tamén unha cuestión nacional, o réxime soviético sentiu necesidade de enfrontala e de "resolvelas" de forma conxunta. E para que esta resolución fose duradeira, procedeu á eliminación das elites ucraínas e das súas políticas, sospeitas de connivencia cos campesiños.

O 14 e 15 de decembro de 1932, o Politburo aprobou dous decretos especificamente destinados ós territorios de poboacións ucraína, que revogaban a política das nacionalidades, aplicada desde 1923. Na súa perspectiva, a política de indixenización ("Korenizatsiya") fora desenvolvida de forma errada en Ucraína e en Kuban, tendo estimulado o nacionalismo e os seus axentes, inclusivamente no interior do Partido e do Goberno. Por conseguinte, os campesiños non eran os únicos culpados da crise, compartindo a responsabilidade coa elite política e cultural ucraína.

Esta mudanza tamén afectou as medidas de "ucrainización", da que se beneficiaran as comunidades implantadas en Rusia. Ó contrario das outras minorías nacionais, os millóns de ucraínos que alí vivían, perderon o dereito ó sistema educativo e á prensa na súa lingua, así como á autonomía política.

Coa chegada, en xaneiro de 1933, de Pavel Postichev, acompañado de centenas de funcionarios rusos, na calidade de novo plenipotenciario de Moscova en Ucraína, desencadéase unha vaga de terror antiucraíno.

A policía política perseguiu as "organizacións contra-revolucionarias nacionalistas burguesas" - alegadamente infiltradas nas institucións políticas e culturais - causando millares de vítimas.

A título de exemplo, no ámbito das purgas, son reprimidos o 70% dos secretarios de distrito e dos soviets (entre xaneiro e outubro de 1933); 40.000 pequenos funcionarios dos soviets; a case totalidade dos funcionarios do Comisariado do Pobo para a Educación; 4.000 mestres e 200 funcionarios dos institutos pedagóxicos.

Ademais, individualidades importantes, como o dirixente partidario Mykola Skrypnyk - acusado de ser un "instrumento de elementos nacionalistas burgueses" - e o director teatral Les Kurbas, son obxectivo de persecución. O escritor Mykola Khvylovy é igualmente vítima desta vaga represiva, sendo o seu suicidio interpretado como un acto de protesta contra o xenocidio en curso.

No seu discurso ó Partido Comunista ucraíno, en novembro de 1933, Pavel Postychev expón de xeito elocuente a interpretación conspiradora que o réxime facía da situación na república:

"Os erros cometidos polo Partido Comunista de Ucraína, na implementación da política das nacionalidades, foron unha das principais causas para o declive da agricultura ucraína en 1931-1932. Non restan dúbidas de que sen a eliminación dos erros na implementación da política das nacionalidades, sen a derrota esmagadora dos elementos nacionalistas, que se instalara en diversas áreas da construción social en Ucraína, tería sido imposible superar o atraso na agricultura."

Regresión, herdanza e xenocidio

Co seu cortexo de violencias, de torturas e de mortes pola fame, o Holodomor constituíu unha enorme regresión civilizacional.

Asistiuse á proliferación de déspotas locais, dispostos a todo, para obter violentamente dos campesiños as súas escasas reservas alimentarias e á banalización da barbarie, que se traduciu en persecucións, abusos de autoridade, abandono infantil, "barracas da morte", canibalismo e agravamento das tensións entre a poboación rural e a poboación urbana.

A pesar de que a herdanza do Holodomor presenta similitudes coas doutras rexións da Unión Soviética – a arma da fame esmagou a resistencia campesiña, garantindo a vitoria de Stalin e do seu réxime; abriu o camiño para a vaga de terror de 1937-1938 ("Yejovschina"); transformou o estado federal soviético nun imperio despótico, a través da submisión da segunda república máis importante; deixou un legado de dor en numerosas familias que nunca tiveron dereito a expresar o loito, porque a fame se converteu en segredo de Estado – en Ucraína, as súas marcas físicas e psicolóxicas foron bastante máis profundas e traumatizantes.

Holodomor 
Vítima do Holodomor nunha rúa de Khárkiv.

Esas marcas son a resulta da especificidade que caracterizou a evolución dos acontecementos en Ucraína e no Cáucaso do Norte, e que confiren ó Holodomor o seu carácter de xenocidio:

  • unha taxa de mortalidade superior ás das outras repúblicas (a taxa de mortalidade por mil habitantes, en 1933, foi de 138,2 en Rusia e de 367,7 en Ucraína), tendo a esperanza de vida descendido de 42,9 (sexo masculino) e 46,3 (sexo feminino), en 1926, para respectivamente 7,3 e 10,9, en 1933. A título comparativo, no ano de 1941, durante a Operación Barbarrubia da Unión Soviética, a esperanza de vida en Ucraína foi de 13,6 e 36,3, respectivamente para homes e mulleres;
  • os millóns de vítimas ucraínas - incluíndo as da rexión de Kuban - e os outros millóns de ucraínos sometidos a unha política de rusificación, despois de decembro de 1932;
  • un descenso de 20% a 25% da poboación de etnia ucraína, tendo a natalidade decaído dunha media de 1 153 000 nacementos (1926-1929) para 782.000, en 1932 e 470.000, en 1933;
  • a decisión de Stalin de empregar a fame nunha perspectiva antiucraína, de acordo coa "interpretación nacional" da crise das colectas, no verán de 1932;
  • a eliminación dunha gran parte da elite política e intelectual da república, so a acusación de "nacionalismo burgués".

Deste xeito, toda a sociedade ucraína foi suxeita a unha enorme violencia, comprometendo, por moitas décadas, o difícil proceso de construción da identidade nacional.

Número de vítimas

Relativamente á definición exacta do número de vítimas, os historiadores teñen sentido serias dificultades, en resultado dos seguintes factores:

  • as restricións no acceso a certos Arquivos da ex-Unión Soviética;
  • a mortalidade directamente imputable ás epidemias de tifo;
  • a política de segredismo imposta polo réxime, ó prohibiren ós funcionarios dos soviets rurais mencionar a fame como causa da morte;
  • a desorganización dos rexistros, en consecuencia do falecemento ou da fuga dos funcionarios pertencentes ás rexións minguadas;
  • a circunstancia de moitas vítimas de ter ficado insepultas ou enterradas en foxas comúns;
  • as migracións de campesiños famentos para outras repúblicas soviéticas;
  • a adopción da nacionalidade rusa, por parte de moitos campesiños ucraínos.

A pesar da existencia de estimativas que van de 1,5 a 10 millóns de vítimas ucraínas, os cálculos máis recentes do historiador Stanislav Kulchitski, con base en fontes dos arquivos soviéticos, indican un número de entre 3 a 3,5 millóns de mortes

Por outra banda, calcúlase que de 1,3 a 1,5 millóns morreron en Casaquistán (exterminando do 33% ó 38% dos casacos), alén de centenas de millares no Cáucaso do Norte e nas rexións dos ríos Don e Volga, onde a área máis duramente atinxida correspondía ó territorio da República Socialista Soviética Autónoma Alemá do Volga, totalizando aproximadamente de 5 a 6 millóns de vítimas, entre os anos de 1931 e 1933.

Da negación ao recoñecemento

Unha "páxina en branco"

A fame na Unión Soviética e en Ucraína constituíu dende o inicio, segredo de Estado, permanecendo durante medio século como unha "páxina en branco" da súa Historia.

En xaneiro de 1933, o Ministro de Negocios Estranxeiros, Maksim Litvinov - contrariando as informacións emitidas por algúns xornais europeos e norte-americanos - negou a existencia de calquera problema, e en febreiro, o Politburo emitiu unha resolución, no sentido de restrinxir as deslocalizacións dos correspondentes estranxeiros.

Tamén foron rexeitadas as ofertas de auxilio humanitario de varias entidades, como o Comité Central de Salvamento de Ucraína, o Cardeal de Viena Theodor Innitzer, o metropolita greco-católico de Lviv Andrii Szeptycki e o Comité Internacional da Cruz Vermella.

Reaccionando ás diversas iniciativas humanitarias, o Xefe de Estado soviético, Mikhail Kalinin, acusou os que pediron "contribucións para a «famenta» Ucraína" de seren "impostores políticos" e declarou: "Só clases degradadas e en desintegración poden producir elementos tan cínicos".

Por outro lado, diversas personalidades estranxeiras, como Édouard Herriot, Walter Duranty ou George Bernard Shaw, contribuíron, de forma inconsciente ou deliberada, para a ocultación dos feitos.

Stalin, ó recibir en decembro de 1932 o dirixente ucraíno, Rodion Terekhov, tamén manifestou a súa posición negacionista:

Déronme coñecemento de que é un bo orador, mais tamén estou a ver que é un bo contador de historias. Vostede elaborou unha fábula acerca dunha pretendida fame, pensando certamente que me asustaba, mais iso non resultou. En vez diso, debería deixar as súas funcións de secretario rexional e de membro do Comité Central de Ucraína e traballar para a Unión dos Escritores. Vostede escribiría fábulas e os imbéciles leríanas.

Actualmente, aínda persiste a tese negacionista do Holodomor, non obstante a existencia de numerosa documentación contemporánea ós acontecementos, como por exemplo:

  • a correspondencia diplomática italiana, británica, alemá e polaca;
  • as declaracións de xornalistas occidentais, como Gareth Jones e Malcom Muggeridge;
  • os relatos de simpatizantes do réxime, como Harry Lang e Adam Tawdul;
  • as denuncias de opositores do sistema estalinista, como Boris Souvarine ou Victor Serge;
  • os testemuños de dignatarios desilusionados co stalinismo, como Fiódor Raskolnikov e Piotr Grigorenko ;
  • as memorias de sobreviventes e testemuñas.

O xornalista canadense Douglas Tottle, autor do polémico Fraud, Famine and Fascism: The Ukrainian Genocide Myth from Hitler to Harvard (1987) e a historiadora francesa Annie Lacroix-Riz, afirman tratarse, no esencial, dunha invención propagandística de carácter anticomunista, envolvendo o Vaticano, os imperialismos nazi e polaco e o magnate da prensa estadounidense Randolph Hearst.

A posición da comunidade académica

En 1984, despois dunha campaña promovida pola comunidade ucraína dos EUA, as dúas cámaras do Congreso aprobaron a constitución da U.S. Comission on the Ukraine Famine, so a dirección do profesor da Universidade Harvard James Mace. No seu relatorio presentado ó Congreso en 1988, a comisión recoñeceu como probado o carácter xenocida da fame de 1932-1933.

Por outra banda, grazas ós esforzos da máis importante organización da diáspora - o Congreso Mundial dos Ucraínos Ceibes - foi creada, o 14 de febreiro de 1988, a International Commission of Inquiry Into the 1923-33 Famine in Ukraine. Esta comisión, presidida polo profesor da Universidade de Estocolmo, Jacob Sundberg, estaba formada por sete xuristas de diferentes países: o Reino Unido, o Canadá, Francia, os Estados Unidos, Suecia, Bélxica e a Arxentina.

No relatorio final, presentado en 1990 ó Subsecretario da Organización das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos e ó Presidente da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, a Comisión anunciou as seguintes conclusións:

  • existiu unha fame artificial en Ucraína entre agosto - setembro de 1932 e xullo de 1933;
  • a fame foi imposta ó pobo ucraíno polo réxime soviético, tendo causado un mínimo de 4,5 millóns de mortes en Ucraína, alén de 3 millóns de vítimas noutras rexións da U.R.S.S.

Despois do traballo pioneiro de Robert Conquest The Harvest of Sorrow: Soviet Collectivization and the Terror-Famine (1986) e da revolución arquivística e historiográfica de 1991, os medios académicos pasaron a dedicar unha crecente atención a este acontecemento.

Durante os anos noventa, en resultado da acumulación de novos coñecementos afondouse no debate sobre a natureza da fame. Ese debate - moitas veces influenciado por diverxencias de carácter ideolóxico - estivo protagonizado por diferentes interpretacións:

  • a "revisionista", que relativizaba a dimensión criminal - Stephen Wheatcroft ou Mark Tauger;
Holodomor 
O Prof. Jerzy Kloczowski foi un dos participantes da conferencia de Vicenza
  • a "nacional" , que salientaba a especificidade xenocidiaria do Holodomor ucraíno - James Mace ou Yuri Shapoval;
  • a "campesiña" , que destacaba, nunha perspectiva pan-soviética, o uso da fame como "arma política" contra o campesiñado - Viktor Kondrashin ou Nicolas Werth.

No entanto, as conmemoracións dos 70 anos do Holodomor, no 2003, constituíron un punto de viraxe, en especial, coa realización dunha gran conferencia internacional, en Vicenza (Italia).

Deste encontro científico patrocinado polo Presidente da República Carlo Ciampi, resultou unha declaración - subscrita por 28 personalidades académicas de Italia, Alemaña, Ucraína, Polonia, Canadá e EUA - apelando ó Parlamento italiano, ben como a Silvio Berlusconi, que exercía a presidencia rotativa da Unión Europea, e a Romano Prodi, Presidente da Comisión Europea, no sentido de promoveren o recoñecemento internacional do Holodomor como un acto de xenocidio.

En París, na Universidade da Sorbona, tamén se realizou unha conferencia sobre o tema, coa participación de historiadores de diversos países. Nesa ocasión, foi presentado un apelo, dirixido á Asemblea Nacional francesa e ó Parlamento Europeo, para o recoñecemento da fame de 1932-1933 en Ucraína, como acto de xenocidio.

En Kíiv, na secuencia do encontro académico internacional titulado "É Tempo de Dicir a Verdade", no que estiveron presentes especialistas deste período histórico, como deputados, representantes dos medios diplomáticos e da comunicación social, foi igualmente aprobada unha resolución, apelando ó recoñecemento internacional do xenocidio.

Ucraína e o Holodomor

    Artigo principal: A posición de Ucraína en relación ao Holodomor.

Durante máis de 50 anos a diáspora ucraína procurou divulgar os feitos relativos ó Holodomor, encontrando coa indiferenza da maioría da opinión pública mundial e coa oposición sistemática da Unión Soviética.

Só despois da desagregación da U.R.S.S. e da recuperación da independencia nacional en 1991, é que se tornou posible evocar publicamente o xenocidio.

En 1998, foi instituído no cuarto sábado do mes de novembro, o "Día da Memoria das Vítimas da Fame e das Represións Políticas" e no 2006, o Parlamento de Ucraína aprobou unha lei sobre o carácter xenocida do Holodomor.

O Holodomor e a comunidade internacional

    Artigo principal: A posición da comunidade internacional en relación ao Holodomor.

A comunidade internacional ten, de forma gradual, vindo a asumir posicións favorables ao recoñecemento do Holodomor como xenocidio, ou máis xenericamente, como un crime contra a Humanidade.

No ámbito das organizacións internacionais, destácanse as resolucións aprobadas pola Assembleia Báltica; Asemblea Xeral das Nacións Unidas; Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa; OSCE Parlamento Europeo e UNESCO.

Merece tamén ser destacado o recoñecemento expresado polos parlamentos, xefes de Goberno e xefes de Estado dos países seguintes:

Holodomor 
Mapa dos países que recoñecen o Holodomor como xenocidio.

Impacto cultural do Holodomor

    Artigo principal: Impacto cultural do Holodomor.

Ó longo de moitas décadas, a abordaxe cultural do Holodomor estivo severamente condicionada pola censura imposta polo réxime soviético, coa natural excepción das comunidades de exiliados implantadas no estranxeiro, principalmente nos E.U.A. e no Canadá.

Coa independencia de Ucraína, en 1991, a situación experimentou unha fonda mudanza, permitindo a artistas e escritores a posibilidade evocalo nas súas creacións.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Robert Conquest, The Harvest of Sorrow: Soviet Collectivization and the Terror-Famine, 1986, ISBN 0-19-505180-7
  • Douglas Tottle, Fraud, Famine, and Fascism: The Ukrainian Genocide Myth from Hitler to Harvard, 1987, ISBN 0-919396-51-8
  • K. Aldazhumanov et al., Nasil’stvennaia kollektivizatsiia i golod v Kazakhstane v 1931-33 gg (Colectivização Forçada e Fome no Cazaquistão, 1931-1933), Almati, 1998
  • M.A. Beznin, T.M. Dimoni, “Povinnosti rossiiskikh kolkhoznikov v 1930-1960-e gody” (As Obrigacións dos Kolkhozianos Rusos, anos 1930-1960),Otechestvennaia istoriia, 2 (2002).
  • M. Carynnyk; L.Y Luciuk e B. S Kordan, The Foreign Office and the Famine: British documents on Ukraine and the Great Famine of 1932-1933., Kingston, Ontário, 1988, ISBN 0-919642-31-4
  • Commission on the Ukrainian Famine, Investigation of the Ukrainian Famine, 1932-33. Report to Congress, Appendix, Washington, D.C., 1988, ISBN 9999725759
  • V.P. Danilov et al., eds, Tragediia sovetskoi derevni (A Traxedia dos Campos Soviéticos), tomo 3, 1930-1933, Moscova, 2001
  • V.P. Danilov, A. Berelowitch, eds, Sovetskaia derevnia glazami VChK-OGPU-NKVD (Os Campos Soviéticos nos ollos da Policía Política), tomo 3, 1930-1934, vol. 1, 1930-31, Moscova, 2003
  • R.W. Davies, M. Harrison , S. Wheatcroft, eds., The Economic Transformation of the Soviet Union,1913-1945, Cambridge University Press, 1993, ISBN 0-521-45770-X
  • R.W. Davies, O. Khlevniuk et al., eds, The Stalin-Kaganovich Correspondence, 1931-1936, New Haven, CT, 2003, ISBN 0-300-09367-5
  • M. Dolot, Execution by Hunger, Nova York, 1985, ISBN 0-393-01886-5
  • S. Fitzpatrick, Stalin’s Peasants: Resistance and Survival in the Russian Village after Collectivization, Nova York, 1996, ISBN 0-19-510459-5
  • A. Graziosi, « Lettres de Char`kov. La famine en Ukraine et dans le Caucase du Nord à travers les rapports des diplomates italiens, 1932-1934 », Cahiers du monde russe et soviétique, 1-2 (1989)
  • A. Graziosi, « Collectivisation, révoltes paysannes et politiques gouvernementales à travers les rapports du GPU d’Ukraine de février-mars 1930 », Cahiers du monde russe, 35 (3) (1994)
  • A. Graziosi,«Les Famines Soviétiques de 1931-1933 et le Holodomor Ukrainien», Cahiers du monde russe et soviétique, 46/3 (2005)
  • W. W. Isajiw, ed.,Famine-Genocide in Ukraine, 1932-1933: Western Archives, Testimonies and New Research, Ukrainian Canadian Research and Documentation Centre, Toronto, 2003, ISBN 0-921537-56-5
  • N.A. Ivnitsky, Golod 1932-33 godov: kto vinovat [A Fame de 1932-33: Quem é o Culpable?], in Golod 1932-33 godov, Moscova,1995
  • N.A. Ivnitsky, Kollektivizatsiia i raskulachivanie (Colectivización e Deskulakización), Moscova, 1996
  • N.A. Ivnitsky , Repressivnaia politika sovetskoi vlasti v derevne, 1928-33 (As Políticas Represivas Soviéticas no Mundo Rural, 1928-33), Moscova, 2000
  • V. Kondrashin, D. Penner, Golod: 1932-33 v sovetskoi derevne (na materiale Povolzhia, Dona i Kubani) [Fame: 1932-33 nos Campos Soviéticos (Material referente ao Volga, Don e Kuban)], Samara-Penza, 2002
  • W. Kosyk, "La famine génocide de 1932-1933 en Ukraine", Aventures et Dossiers de l`Histoire, n.º 35, Março 2006
  • B. Kravchenko, Social Change and National Consciousness in Twentieth-Century Ukraine, Edmonton, 1985, ISBN 0-333-36199-7
  • S.V. Kulchytsky, ed., Holod 1932-33 rokiv na Ukraïni: ochyma istorykiv, movoiu dokumentiv (A fame de 1932-33 na Ucraína a través dos Ollos dos Historiadores e das Palabras dos Documentos), Kiev, 1990
  • S.V. Kulchytsky ed., Holodomor 1932-1933 rr v Ukraïni: prychyny i naslidky (O Holodomor na Ucraínaa: Causas e Consecuencias), Kiev, 1993
  • S.V. Kulchytsky, Kolektyvizatsiia i holod na Ukraïni, 1929-1933 (Colectivización e Fame na Ucraína, 1929-1933), Kiev, 1993
  • S.V. Kulchytsky, Ukrana mizh dvoma viynamy (1921-1939 rr.) (A Ucraína Entre-Guerras, 1921-1939), Kiev, 1999
  • L. Leshuk, ed., Days of Famine, Nights of Terror: Firsthand Accounts of Soviet Collectivization, 1928-1934, Washington, D.C. , 2001. ISBN 0-9706464-0-2
  • V.M. Litvin, ed., Holod 1932-33 rokiv v Ukraïni: prychyny ta naslidky (A fame de 1932-33 na Ucraína: causas e consecuencias), Kiev, 2003
  • J. Mace, Communism and the Dilemmas of National Liberation: National Communism in Ukraine, 1918-33, Cambridge, MA, 1983, ISBN 0-916458-09-1
  • S. Maksudov (Babyonishev), Poteri naseleniia SSSR (Perdas Poboacionais Soviéticas), Benson, 1989
  • T. Martin, The Affirmative Action Empire: Nations and Nationalism in the Soviet Union, 1923-1939, Ithaca. N.I., 2001, ISBN 0-8014-3813-6
  • F. Meslé, J. Vallin, Mortalité et causes de décès en Ukraine au XXe siècle, París, 2003,ISBN 2-7332-0152-2
  • N. Pianciola, “Famine in the Steppe. The Collectivization of agriculture and the Kazak herdsmen, 1928-34,” Cahiers du monde russe, 1-2 (2004),
  • G. De Rosa, F.Lomastro, eds., La morte della terra. La grande "carestia" in Ucraina nel 1932-33, Vicenza, 2003, ISBN 978-88-8334-135-9
  • Yu. Shapoval, V. Vasil’ev, Komandiry velykoho holodu: poïzdky V. Molotova i L. Kahanovycha v Ukraïnu ta na Pivnichnyi Kavkaz, 1932-33 rr. (Os Responsables da Gran Fame: As misións de Molotov e Kaganovich na Ucrína e no Norte do Cáucaso, 1932-33), Kiev, 2001
  • Yu. Shapoval, The famine-genocide of 1932-1933 in Ukraine, Ontario, 2005, ISBN 1-896354-38-6
  • G. Sokoloff, ed., 1933, l'année noire : Témoignages sur la famine en Ukraine , París, 2000, ISBN 2-226-11690-7
  • O. Subtelny, Ukraine: A History, Toronto, 2000, ISBN 0-8020-8390-0
  • L. Viola, Peasant Rebels under Stalin: Collectivization and the Culture of Peasant Resistance, Nova York, 1996, ISBN 0-19-510197-9
  • D. Zlepko, Der ukrainische Hunger-Holocaust, Sonnenbühl, 1988, ISBN 3-925848-03-7
  • N. Werth, " Comment Staline a affamé l`Ukraine", L`Histoire,n.º 188, París, maio de 1995.
  • N. Werth, " Le Pouvoir Soviétique et le Paysannerie dans les Rapports de la Police Politique (1930-1934) ", Bulletin de l`Institut d'Histoire du Temps Présent, n.° 81-82, París, decembro de 2003
  • N. Werth, "Archives du Communisme: Les paysans contre Staline ", L`Histoire,n.º 296, París, Março, 2005
  • S. G. Wheatcroft, R. W. Davies, The Industrialisation of Soviet Russia: Years of Hunger - Soviet Agriculture 1931-1933, Nova York, 2004, ISBN 0-333-31107-8

Outros artigos

  • A Fame de 1921-1922
  • Impacto cultural do Holodomor

Ligazóns externas

Holodomor  Países que recoñecen o Holodomor como xenocidio Holodomor  Ucraína

Holodomor  Andorra - Holodomor  Arxentina - Holodomor  Australia - Holodomor  Bélxica - Holodomor  Brasil - Holodomor  Canadá - Holodomor  Chile - Holodomor  Cidade do Vaticano - Holodomor  Colombia - Holodomor  Ecuador - Holodomor  Eslovaquia - Holodomor  España - Holodomor  Estados Unidos - Holodomor  Estonia - Holodomor  Xeorxia - Holodomor  Hungría - Holodomor  Italia - Holodomor  Letonia - Holodomor  Lituania - Holodomor  México - Holodomor  Moldavia - Holodomor  Paraguai - Holodomor  Perú - Holodomor  Polonia - Holodomor  República Checa - Holodomor  Ucraína

Tags:

Holodomor 1929: a colectivización da agricultura e a deskulakización (Gran Viraxe)Holodomor 1931: o inicio da fame soviéticaHolodomor 1932-1933: o ucraínoHolodomor EpílogoHolodomor Da negación ao recoñecementoHolodomor Impacto cultural do Holodomor NotasHolodomor Véxase taménHolodomor19321933Ano (astronomía)FameGheadaHistoria de UcraínaLingua ucraínaRepública Socialista Soviética de UcraínaSer humanoTerritorioUnión SoviéticaXenocidio

🔥 Trending searches on Wiki Galego:

Cristiano RonaldoSanxenxoLa sociedad de la nieveArturo BaltarPíntega comúnGonzalo MellaAlberte PagánRalph FiennesÑNomes da folla do piñeiro en GaliciaDe catro a catroExtremoduroSexo oralRía da CoruñaEleccións ao Parlamento de Galicia de 2024Mario CasasWikiquoteFonte dos Cabalos2004Ben McLemoreJacobo BucetaMaría PitaSeareiroCésar NovoaA memoria da choivaSelo postalGeorge ClooneyRicardo III de InglaterraGalipediaVerbos galegos ser, estar e irFernando AlonsoMarta DarribaMiguel Pampín RúaMasacre de ColumbineWorld Wide WebOurenseAC-960Parroquias de GaliciaCélula amácrinaCuñadosÁcido dipicolínicoXXXTentacionFernando Castro ParedesComarca do XallasDitadura de Primo de RiveraPosicións sexuaisAlexandra DaddarioGrândola, Vila MorenaChaves, PortugalPradairo comúnLucía LapiedraCapudreDavid MellaVoyeurismoA Pobra do CaramiñalIgnacio VarelaSin tetas no hay paraísoTu cara me suenaA MezquitaCanle (comunicación)Miguel Ángel Zabalza BerazaRafael DiesteAvespa asiáticaEsther F. CarrodeguasFederico García LorcaElvis PresleyWayback MachineEleccións municipais de 2023 en GaliciaPili PampínTreoninaJosé SacristánJulián Bustelo AbuínIrlandaHorteláToxo arnalExaculaciónSilvia SuperstarBad Gyal🡆 More