O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil da TVG que comezou a emitirse o 18 de abril de 1994.
O protagonista do programa é o personaxe animado do "Xabarín", un xabaril antropomorfo deseñado por Miguelanxo Prado e ao cal dá voz Juanillo Esteban. O "Xabarín" realiza a función de presentador do programa, o cal inclúe un club de socios, a emisión de series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia, como Xabarín News ou Os vixilantes do Camiño, a primeira serie animada de produción galega que emitiu o Xabarín Club. Dende o 2 de febreiro de 2009, é transmitido pola tvG2, e dende decembro de 2016 contaba cunha aplicación específica e unha canle en liña, a Xabarín TV que funcionaba como unha lista de reprodución cos contidos do programa na páxina web da CRTVG. O 17 de xaneiro de 2024, a canle foi relanzada como unha plataforma dixital de contidos da CRTVG, dispoñible como plataforma web e como aplicación de contidos á demanda e en aberto.
Xabarín Club | |
---|---|
Formato | Infantil e xuvenil |
Creado por | Suso Iglesias Toñito Blanco Teresa Seara |
Dirixido por | Alberte Casal Francisco Carballés |
Intérpretes | Juanillo Esteban (voz de Xabarín) Carlos Portela (Doutor TNT) Manuel Manquiña Silvia Superstar Manolo Romón Luís Tosar Xavier Viana Esteban Yáñez "Arroz Hacker" |
País de orixe | Galicia |
Produción | |
Produtor(es) executivo(s) | Rosa Lorenzo Loli Fraga |
Emisión orixinal | |
Canle de orixe | TVG (1994-2009) tvG2 (2009-presente) Plataforma dixital: 17 de xaneiro de 2024 |
Primeiro episodio | 18 de abril de 1994 |
Na rede | |
https://xabarin.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
No ano 2021, o Xabarín Club chegou á cifra récord de 146 000 socios. Segundo os rexistros históricos do programa, entre 1994 e 2021 arredor dun 30% dos nenos galegos son ou foron socios.
"Cabeceira Somos do Clube da Galega [HD]". YouTube. Xabarín. |
O Xabarín Club comezou a súa emisión o 18 de abril de 1994, case dez anos despois do nacemento da TVG, o 24 de xullo de 1985. Aínda que sempre houbo contidos para o público infantil na TVG antes da creación deste espazo, a súa emisión non era regular. A idea do Xabarín Club xurdiu como un encargo interno para a emisión de contidos infantís nun programa que tamén tivese un club social. O concepto do club de socios era unha fórmula de éxito que xa existía nos Estados Unidos con Mickey Mouse Club ou Cartoon Network. O Xabarín Club comezou como unha banda de cinco porcos (Clodio, Tareixa, Uxía, Xonxa e Carolo) liderados por un porco bravo, o Xabarín, algo inédito neste tipo de clubs, que sempre contaban con persoas como presentadores.
A través da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), a TVG comezou mercando as series animadas xunto con outras canles autonómicas, sendo as preferidas as series xaponesas por seren máis económicas e por contar con moitos capítulos para a captación dunha audiencia fiel. Na súa primeira etapa, na segunda metade da década de 1990, converteuse nun fenómeno social entre os nenos e a rapazada galega da época, que máis tarde foron identificados colectivamente como Xeración Xabarín. Ademais da emisión de series de animación, o Xabarín Club contou coa súa propia banda sonora, composta de cancións e vídeos musicais de grupos de música do rock bravú e da movida viguesa, como Killer Barbies, Siniestro Total, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Aerolíneas Federales, Os Resentidos, Yellow Pixoliñas ou Heredeiros da Crus, así como grupos da lusofonía como Kussondulola, As Amarguinhas ou Despe e Siga.
Produto do éxito destas cancións xurdiu A cantar con Xabarín, unha serie de 5 CDs gravados polos grupos que aparecen no programa. O "Xabarín" tamén achegaba novidades de cine, vídeo e DVD, así como música e bandas sonoras de novos grupos galegos, concertos, discos, series de debuxos animados, banda deseñada, mangas, eventos, mostras, certames, videoxogos, revistas e fanzines, literatura infantil e xuvenil e unha axenda de recomendacións para o lecer na fin de semana. Ademais, o éxito do programa veu acompañado das "Xabaxiras" (1998), concertos da música do programa aos que asistiron milleiros de nenos galegas.
En 1999, o Xabarín Club emitiu a primeira produción galega, Os vixilantes do Camiño, unha animación en 2D producida por Miguelanxo Prado e Suso Iglesias. Está protagonizada polos personaxes do Xabarín Club e está inspirada no Camiño de Santiago. Componse de 13 episodios de 26 minutos e unha longametraxe de 80. A serie foi editada en DVD pola TVG en 2008.
O "Xabarín" estreou nova imaxe en 2007 para celebrar en abril o seu 13º aniversario. Nesta nova etapa o "Xabarín" contou con novas seccións, como "Xabarín informa"; un pequeno espazo de información e novas diarias.
No ano 2013, lanzouse unha publicación de banda deseñada e literatura xuvenil chamada OINK!, dirixida a nenos dos seis aos quince anos e cuxos contidos estaban baseados no programa. Desta publicación saíron ao mercado cinco números mensuais acn custe de 3 euros. A editora foi a empresa Agalip, de Bertamiráns, con licenza da Televisión de Galicia. Na iniciativa participaron escritores e autores de banda deseñada como Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Kohell, Victor Rivas, Pinto & Chinto, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, e Andrés Meixide entre outros. Miguelanxo Prado foi o autor da capa, ademais de ilustracións interiores. Varios dos autores participaran tamén na revista Golfiño, unha incursión previa do Xabarín na banda deseñada. En xaneiro do 2014, coincidindo coa publicación do quinto número, iniciaron a campaña de mecenado OINK! unha revista para a rapazada galega en Verkami, aínda que en marzo só acadaran uns 8.000 dos 36.000 € que precisaban para continuaren o proxecto.
En marzo de 2013, a CRTVG ameazou a unha páxina web de seareiros do Xabarín Club de emprender accións legais se esta non pechaba en sete días. A CRTVG alegaba uso ilícito das súas marcas rexistradas "Xabarín Club", "Xeración Xabarín" e "Xabarín News". A información do peche da páxina web chegou a diversas redes sociais e medios de comunicación de ámbito galego.
O 2 de decembro de 2016 comezou a transmisión da Xabarín TV, unha canle en liña infantil que funciona como unha lista de reprodución.
En marzo de 2019, celebrou o seu 25º aniversario cun concerto na Sala Capitol de Santiago.
En 2020, A Mesa pola Normalización Lingüística comezou unha campaña de recollida de sinaturas pola chamada "Iniciativa Xabarín", unha proposta para reforzar a programación infantil en galego e a creación dunha canle Xabarín. Logo de conseguir máis de 33.000 sinaturas, a iniciativa, que foi levada ao Parlamento de Galicia, aprobouse por unanimidade o 11 de maio de 2021. A proposta aprobada incluía a creación dunha terceira canle dirixida ao público infantil e xuvenil as 24 horas do día, e a inclusión na programación televisiva de TVE e das plataformas dixitais de contidos con versión en galego, ben sexa orixinal, dobrado ou subtitulado.
Logo da aprobación da iniciativa, a CRTVG reforzou e promociouno as canles dixitais existentes con contidos infantís da CRTVG, incluíndo a aplicación específica "Xabarín", a canle web Xabarín TV e a Radio Picariña. Ademais, anunciouse a creación dunha canle dixital "Xabarín" Over The Top, a cal emitirá contido por Internet á marxe dos operadores tradicionais de difusión. Esta nova canle materializouse nunha plataforma dixital de de contidos á demanda e en aberto. No momento do seu lanzamento, a plataforma do Xabarín contaba con máis de 1.400 contidos propios.
Ao afiliarse ao Xabarín Club, os socios obteñen varios beneficios, entre eles recibir un carné como membro do club, que a súa foto do carné apareza no programa o día do seu aniversario, recibir todos os anos unha postal de felicitación do aniversario, e poder participar nos sorteos do programa.
En setembro de 1994 (5 meses despois do arranque do programa) acadáronse os 15 000 socios e un ano despois, en novembro de 1995, os 40 000. No ano 1996, case tres anos despois do nacemento do club, o número de socios ascendía a 66 000 e a súa presenza xa estaba implantada en todos os concellos de Galicia. No ano 1997, en abril, xa tiña 70 000. No ano 1999, en maio, o número de socios do club acadara os 90 000, representando o 25% dos nenos galegos da época. No ano 2004, unha década despois do seu nacemento, contaba con máis de 110 000 socios afiliados, chegando á cifra de 138 000 no ano 2013. No ano 2017, o Xabarín Club contaba con case 150 000 socios. No ano 2021, o Xabarín Club chegou á cifra récord de 146 000 socios. Segundo os rexistros históricos do programa, entre 1994 e 2021 arredor dun 30% dos nenos galegos son ou foron socios.
|
|
|
O Xabarín Club foi Premio Galicia de Comunicación no ano 1994. En 1996 recibiu o premio AGAPI ao mellor programa de televisión. En 1997, recibiu o Premio Ourense á mellor iniciativa a prol da banda deseñada galega. En 1998, recibiu o Premio TV Joven avalado polo Centre de Recherche Scientifique e o Conseil Internationale du Cinema et de la TV da UNESCO.
En 2021, foi Premio Rebulir da Cultura Galega.
Ano | Categoría | Resultado |
---|---|---|
2012 | Premio de Honra Fernando Rey | Gañador |
Wiki Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xabarín Club |
A Galipedia ten un portal sobre: Xabarín Club |
This article uses material from the Wikipedia Galego article Xabarín Club, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.