Himno Nacional Alemán

O himno nacional alemán é oficialmente dende 1991 a terceira estrofa do Lied der Deutschen de August Heinrich Hoffmann von Fallersleben.

A melodía é a do himno imperial austríaco de Joseph Haydn.

Versión instrumental do himno nacional alemán

A Confederación Alemá do Norte, o primeiro verdadeiro Estado alemán unificado, non estableceu un himno nacional aínda que o Heil dir im Siegerkranz, o himno real de Prusia, adoitaba escoitarse en acontecementos relevantes e logo durante o Imperio Alemán pasou a coñecerse como o Kaiserhymne, aínda que nunca foi oficialmente himno nacional do Imperio, senón unha das varias cancións que se adoitaban escoitar en acontecementos oficiais de especial transcendencia, sobre todo de contar coa participación do emperador.

Co establecemento da República de Weimar o Kaiserhymne perdeu o seu sentido como símbolo nacional e en 1922 o presidente Friedrich Ebert proclamou as tres estrofas de Lied der Deutschen como himno nacional. O réxime nazi mantivo a canción pero tras a primeira estrofa interpretábase o himno do partido, o Horst Wessel Lied.

Despois da segunda guerra mundial non se prohibiu o Lied der Deutschen, así e todo na zona de ocupación americana estaba prohibida a súa interpretación pública. Konrad Adenauer, primeiro chanceler da República Federal de Alemaña preconizou pola súa reintrodución; aínda que só cantando a terceira estrofa nos actos federais. O presidente federal Theodor Heuss amosábase reticente pero tras un intercambio epistolar en 1952 co chanceler acabou aceptando e tras a publicación desta correspondencia no Bulletin der Bundesregierung, por consentimento do xefe de Estado con poder para determinar os símbolos nacionais, a canción de Hoffmann-Haydn converteuse en himno nacional pero só se podía cantar a terceira estrofa nos actos federais oficiais. Tras a unificación alemá, un novo intercambio epistolar entre o presidente Richard von Weizsäcker e o chanceler Helmut Kohl en 1991 ratificou que a terceira estrofa era o himno nacional tras a súa publicación no Bulletin der Bundesregierung.

En tanto que símbolo do Estado, o himno nacional está especialmente protexido pola lexislación contra calquera tipo de denigración. Non hai ningún tipo de restrición para interpretar as dúas primeiras estrofas pero, ao non formaren parte do himno nacional, carecen de calquera protección contra da infamación.

Texto e melodía

Himno Nacional Alemán 
Das Lied der Deutschen: Facsímile do manuscrito de Hoffmann von Fallersleben. O orixinal atópase na cidade polaca de Cracovia, na colección de Berlinka Nachlass Hoffmanns

O texto do himno é a terceira estrofa do poema Das Lied der Deutschen que August Heinrich Hoffmann von Fallersleben que escribiu en 1841 en Helgoland.

Einigkeit und Recht und Freiheit
für das deutsche Vaterland!
Danach lasst uns alle streben
brüderlich mit Herz und Hand!
Einigkeit und Recht und Freiheit
sind des Glückes Unterpfand:
|: Blüh im Glanze dieses Glückes,
   blühe, deutsches Vaterland! :|

Unidade, xustiza e maila liberdade
para a patria alemá!
Designio para esforzarmos todos de vez
fraternalmente de corazón e man!
Unidade, xustiza e maila liberdade
son promesa de felicidade:
|: Florea no fulgor desa felicidade,
   Florea, patria alemá! :|

A melodía procede da canción Gott erhalte Franz, den Kaiser que Joseph Haydn compuxo en 1796/1797 en Viena en homenaxe ao emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Francisco II (Hob XXVIa:43) e que se converteu posteriormente no himno imperial austríaco.

A frase Einigkeit und Recht und Freiheit atopábanse no bordo das moedas de 2 e 5 marcos e coa chegada do euro atópase nas moedas alemás de 2 euros. Segundo o xermanista austríaco Paul Portmann-Tselikas teñen carácter de "lema oficial de Alemaña“.

Historia

Himno Nacional Alemán 
Partitura do Kaiserhymn de Hayden

Precedentes

Pódese considerar a máis antiga canción con carácter de himno popular en todo o espazo de lingua alemá o Prinz Eugen, der edle Ritter, composta con motivo da vitoria do príncipe Uxío de Savoia sobre os otománs en 1717. Unha patria alemá que abranguería todos os territorios de fala alemá pedía Was ist des Deutschen Vaterland? composta antes da batalla de Leipzig en 1813 por Ernst Moritz Arndt. Compostas como reacción á crise do Rin de 1840 popularizáronse Rheinlied de Nikolaus Becker e Die Wacht am Rhein de Max Schneckenburger. Dende 1871 no Imperio Alemán o himno real prusiano Heil dir im Siegerkranz funcionaba tamén como himno imperial. A súa melodía, derivada da que utiliza o himno nacional británico God Save the Queen tamén é a que empregan ou empregaron himnos doutros países.

Así e todo, non se designou a ningunha destas cancións como himno nacional; en actos protocolarios oficiais adoitábase tocar o himno imperial; pero durante os actos oficiais de entrega de Helgoland o 10 de agosto de 1890 tamén se interpretou a canción de Hoffmann, escrita na illa. Nos anos seguintes fíxose cada volta máis habitual a súa interpretación en conmemoracións e actos oficiais e ao inicio do século XX considerábase como un himno nacional, pola súa popularidade en toda Alemaña. Tamén se viu favorecida pola utilización con fins propagandísticos das cancións patrióticas durante a primeira guerra mundial.

Hoffmann

En xuño de 1841, pouco antes de escribir Das Lied der Deutschen, Hoffmann publicara en Unpolitischen Liedern o poema "Eins und Alles"

Deutschland erst in sich vereint!
Auf! wir wollen uns verbinden,
Und wir können jeden Feind
Treuverbunden überwinden.

Alemaña só unida de seu!
Xaora! unirmos arelamos,
e podermos os inimigos todos,
fielmente vencellados, vencer.

A unidade da terceira estrofa viuse, posiblemente, influída polas palabras do moribundo Attinghausen no Wilhelm Tell de Schiller: "Seid einig – einig – einig" ("estade unidos-unidos-unidos") e mais polo poema de Seume "An das deutsche Volk" ("Xenreira e separación imperan nas nosas tribos, só unidade ha frear a ruína).

Entreguerras

Himno Nacional Alemán 
Canto do himno nacional nunha celebración constitucional na embaixada alemá en Bangkok en 1928

Coa caída da monarquía en 1918 o Kaiserhymne deixou de se interpretar nos actos formais e oficiais. A procura dun himno para o novo réxime foi lenta. Propostas como a do presidente da Asemblea Nacional, Constantin Fehrenbach, do ministro de defensa, Otto Gessler ou a do ministro do interior, Erich Koch-Weser ignoráronse. Unha solicitude no verán e 1920 da embaixada británica, a petición do ministro de exteriores George Curzon, reactivou politicamente a cuestión do himno.

Pero aínda habían pasar dous anos para adoptar un himno, diversos enredos diplomáticos e as reticencias do SPD, o principal partido do réxime de Weimar, á elección do himno de Hoffmann. Non obstante, o asasinato do ministro de exteriores, Walther Rathenau fixo que o ministro do interior o socialdemócrata Adolf Köster, por consello de Arnold Brecht, buscara unha solución rápida para o adopción do himno de Hoffmann, na esperanza de atraer á república á dereita moderada.

As moedas de aluminio de 200 e 500 marcos cuñadas en 1923 e que se puxeron en circulación como moedas de inflación levaban no reverso a Reichsadler (aguia imperial) coa inscrición Einigkeit und Recht und Freiheit. A moeda de cinco Reichsmark de prata que se emitiu entre 1927 e 1933 amosaba unha árbore coa mesma inscrición.

No Estado nacionalsocialista só se cantaba a primeira estrofa seguida por Horst-Wessel-Lied, a canción do partido.

Posguerra

República Federal

Himno Nacional Alemán 
"Einigkeit und Recht und Freiheit“ nun selo de correos de 1957
Himno Nacional Alemán 
Placa conmemorativa en Biedenkopf/Lahn

Despois da capitulación alemá de maio de 1945, o Consello de Control Aliado prohibiu o uso de formas de saúdo con características nazis ou militares e unha lei do goberno militar americano que non prohibía na zona americana o Lied der Deutschen pero si a súa interpretación pública. Nas zonas francesa e británica non houbo tal prohibición, tan só unha ordenanza do goberno militar do 15 de setembro de 1945 prohibía simplemente a interpretación pública de cancións e melodías nazis ou militares. A Alta Comisión Aliada levantou todas estas prohibicións despois do establecemento en 1949 da República Federal.

No artigo 22 da Lei fundamental da República Federal de Alemaña consagrouse a bandeira negra, vermella e amarela como símbolo nacional da República Federal pero non se estableceu ningunha disposición legal sobre o himno nacional, mesmo axiña da promulgación da Lei fundamental os integrantes do Consello Parlamentario, a asemblea constituínte, cantaron Ich hab' mich ergeben de Hans Ferdinand Massmann e noutros actos oficiais empregouse a primeira estrofa do An die Freude de Schillers co cuarto movemento da novena sinfonía de Beethoven. Malia o presidente federal Theodor Heuss desexar a oficialización do Hymne an Deutschland de Rudolf Alexander Schröder con música de Hermann Reutter nunca se implementou.

Emporiso, por protocolo diplomático facíase necesario oficializar un himno. O chanceler Konrad Adenauer considerou vergoñenta a interpretación nun partido internacional entre Bélxica e Alemaña despois do himno belga do éxito humorístico de carnaval Wir sind die Eingeborenen von Trizonesien e en 1953 nunha visita oficial a Alemaña ao chaceler recibírono con outra canción carnavalesca Heidewitzka, Herr Kapitän. En abril de 1950 na súa primeira visita oficial a Berlín Adenauer pediulle ao público presente no palacio Titania que cantase a terceira estrofa do Lied der Deutschen, previamente colocáranse follas do texto nos asentos, o que causou un escándalo pois mentres a maioría do público ergueuse para cantar, os tres integrantes da kommandatura permaneceron sentados e os políticos presentes do SPD abandonaron o lugar, agás o alcalde de Berlín Occidental, Ernst Reuter. Algúns políticos socialdemócratas falaron mesmo dun coup de main. Con todo o líder socialdemócrata comentou positivamente a elección do Lied der Deutschen como himno. Mentres, a reacción no estranxeiro foi negativa, o Foreign Office e mais o ministerio de exteriores francés falaron de falta de tacto e mal gusto e un xornal francés cualificou o canto como un indicio da persistencia do sentimento nacionalista. Adenauer xustificouno máis tarde diante os altos comisionados e afirmou que so os nazis estaba prohibido cantar a terceira estrofa

Logo do presidente federal perder o apoio de Adenauer e mais do CDU/CSU a primeiros de 1952 aceptou o pulo que o goberno federal lle dera á terceira estrofa do Lied der Deutschen como himno nacional. No entanto, desbotou unha proclamación solemne e en troques propuxo unha formulación para a carta de Adenauer e para a súa resposta, e así o chancheler había dirixir a Heuss a solicitude do goberno federal de recoñecer a terceira estrofa da canción de Hoffmann-Hadyn como himno nacional e Heuss adminitiría na súa resposta que subestimara a necesidade de preservar a tradición e continuar coa aseveración que cumprir co goberno federal era en recoñecemento dos feitos. O goberno federal mudou o borrador e na carta Adenauer expresou a solicitude do goberno federal de recoñecer a canción de Hoffmann-Hadyn como himno nacional e engadiu nos "eventos do Estado hase cantar a terceira estrofa". Heuss aceptou esta desviación da súa proposta e as dúas cartas con data do 29 de abril e 2 de maio de 1952 publicáronse no Bulletin der Bundesregierung o 6 de maio. Convertíase así en himno nacional da República Federal de Alemaña o Lied der Deutschen con realce da terceira estrofa.

Con este consentimento reticente o presidente federal Heuss como titular da soberanía honorífica da federación fixo uso da súa capacidade para determinar os símbolos estatais, incluído o himno, sempre que non entrar en contradición co artigo 22 da Lei fundamental nin outras disposicións legais. Este é un dereito non escrito inherente ao cargo de xefe de Estado .

A elección da terceira estrofa tivo inicialmente pouco efecto na práctica, na maioría das ocasións a música interpretábaa unha banda ou era unha gravación da música sen a letra. Maior repercusión tivo nos acontecementos deportivos onde o público cantaba ao unísono a letra. Na final do Mundial de Fútbol de 1954 no Wankdorfstadion de Berna tras a vitoria de Alemaña os seareiros alemáns cantaron de xeito claramente audible o primeiro verso, aínda coñecido por todos os alemáns adultos. Ata a década de 1980 o himno adoitábase tocar só instrumentalmente en ocasións oficiais, ao percibirse o texto como desapropiado politicamente. Isto cambiou co fin do comunismo na República Democrática Alemá. Segundo Helmut Berschin, o himno tivo a súa "hora histórica" ​​o 9 de novembro de 1989, tras coñecerse a apertura do Muro, os deputados do Bundestag, que participaban nunha sesión regular, erguéronse e cantaron espontaneamente o terceiro verso do himno nacional

República Democrática

Na República Democrática Alemá designouse o 5 de novembro de 1949 o Auferstanden aus Ruinen de Johannes R. Becher con música de Hanns Eisler. Consta de nove versos, cunha única estrofa por verso; os oito primeiros versos seguen a versificación do himno imperial austríaco. As letras dos dous himnos, xa que logo, harmonízanse en parte pero polo diferente final non se poden cantar alternativamente.

Sarre

No autónomo Sarre en 1950 con motivo do primeiro partido da súa selección nacional de fútbol presentouse a canción Saarlandlied como o seu propio himno nacional e ao se incorporar a Alemaña en 1957 permaneceu como himno do estado federado de Sarre ata que se decidiu en 2003 mudarlle a letra pola gañadora dun concurso que ten como primeiro verso "Ich rühm’ dich, du freundliches Land an der Saar" aínda que segue a manter o nome de Saarlandlied.

Unificación alemá

Himno Nacional Alemán 
Partitura do himno nacional

Durante o proceso de unificación algunhas iniciativas cidadás e medios fixeron campaña para a escolla como himno nacional do Kinderhymne de Bertold Brecht como o himno nacional. Tamén houbo outras propostas como a que realizou, durante as negociacións do tratado de unificación de 1990, o primeiro ministro da RDA Lothar de Maizière para combinar a terceira estrofa do himno da RFA co himno da RDA

O Tribunal Constitucional Federal de Alemaña nunha sentenza do 7 de marzo de 1990 determinou que na correspondencia entre Adenauer e Heuss non había indicación expresa que só se pretendía declarar a terceira estrofa como himno nacional pero que estaba claramente estipulado que esta se había cantar nos actos estatais, o que se correspondía coa práctica xeral que xa se aplicaba dende había décadas e que penalmente, no que concirne ao artigo 90a sobre denigración do himno da República Federal de Alemaña, o Tribunal sinalou que "o significado literal recoñecible da expresión "himno da República Federal de Alemaña" queda circunscrita á terceira estrofa". O ministro federal de xustiza, en nome do goberno federal, declarara neste proceso que o Lied der Deutschen, composto de tres estrofas constituía o himno nacional malia cantarse só a terceira estrofa nos actos estatais pero o Tribunal Constitucional non confirmou esta opinión.

Logo da reunificación o presidente federal Richard von Weizsäcker nunha carta ao chanceler federal Helmut Kohl con data do 19 de agosto de 1991 declarou á terceira estrofa como himno nacional oficial Kohl concordou na súa resposta do 23 de agosto. A devandita correspondencia publicouse no Bulletin der Bundesregierung 0 27 de agosto de 1991 e de novo o 19 de novembro de 1991 no Bundesgesetzblatt.

De cando en cando xorde o debate no seo da sociedade alemá para mudar de himno nacional, ou para modificar o actual, así en 2018 a responsable de igualdade do ministerio federal de familia Kristin Rose-Möhring, do SPD, pediu a modificación do texto para respectar a igualdade de xénero e en 2019 Bodo Ramelow ministro presidente de Turinxia, da esquerdista Die Linke pediu a procura dun novo himno nacioal, ao considerar que o oficial carecía de tradición no territorio da antiga República Democrática Alemá e que para el estaba vencellado coa etapa nazi.

A diferenza con outros himnos nacionais, como os de Francia, Polonia ou Hungría a constitución alemá non o establece nin ningunha outra lei. Asúmese que se aplica neste caso o dereito consuetudinario .

Como símbolo do Estado e valor constituicional, a terceira estrofa do Lied der Deutschen está protexida contra da denigración en tanto que himno nacional consoante o artigo 90a do código penal. É unha protección limitada xa que os autores de adaptacións e parodias poden invocar a liberdade artística conforme o artigo 5 parágrafo 3 da Lei fundamental.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Tags:

Himno Nacional Alemán Texto e melodíaHimno Nacional Alemán HistoriaHimno Nacional Alemán Protección legalHimno Nacional Alemán NotasHimno Nacional Alemán Véxase taménHimno Nacional Alemán1991Joseph HaydnLied der Deutschen

🔥 Trending searches on Wiki Galego:

Os PearesCastro de Punta do BicoMetro-Goldwyn-MayerXavi HernándezLingua casteláHenrique RabuñalPandeiretaEucaliptoPardo de CelaPartido LibertarioBaionaJosé María Gutiérrez HernándezGhaleb Jaber IbrahimA CoruñaAlberto Fernández MartínezProvincias de EspañaBárbaro17 de abrilBipartito galegoTamagos, Tamagos, VerínBosqueModaLeonardo da VinciLRodrigo Díaz de VivarRaúl Santamaría GonzálezLeonardo DiCaprioCecilia (cantante)A Picoña, Salceda de CaselasAna BucetaO Castro de Beiro, OurenseLeiGuerra civil españolaLingua inglesaEmiratos Árabes UnidosYouTubeLista de siglas e acrónimosJosé Caamaño LouroWinston ChurchillOU-406Clasificación histórica da Primeira división española de fútbolPorno duroArt & CopyErling HaalandLaureano Amboage QuiñoyOllos de augaBrais RuanovaLa escopeta nacionalLugares de GaliciaIslandiaPepa a LobaMovella árticaAbellaGonzalo Louzao DonoCarme Giralt i RosésAnxo AngueiraEscudo de GaliciaMártires de CarralJuan Manuel LilloXoán Vicente ViqueiraÁnxel CasalAna RomaníXohana TorresIrene Urdangarin y BorbónXabier DíazMichael JacksonXoán BabarroBerta DávilaJavier CárdenasTelevisión de GaliciaPalabras xaponesas de orixe portuguesaMahatma GandhiLista de palabras galegas de orixe celtaCurtisValencia🡆 More