Almudena Grandes Hernández, nada en Madrid o 7 de maio de 1960 e finada o 27 de novembro de 2021, foi unha escritora española de lingua castelá.
Varias das súas obras foron levadas ao cinema. Nos derradeiros anos da súa vida estivo emparellada sentimentalmente co poeta granadino Luis García Montero.
Desde meniña quixo ser escritora, pero por vontade da súa nai —quen desexaba que se dedicase a unha "carreira de señoritas"— ingresou na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Complutense de Madrid, aínda que, segundo confesión da autora, preferise estudar latín. Tras titularse, comezou a traballar escribindo textos para enciclopedias. Tamén fixo algún papel no cinema (A contratiempo, de Óscar Ladoire). Sendo filla e neta de "escritores de poesía afeccionados", a autora afirma que nunca se dedicou a outro xénero que non fose o narrativo, exceptuando a súa obra dramática Atlas de geografía humana, xénero polo cal sente "unha gran paixón e á vez unha gran frustración".
A primeira novela que publicou foi Las edades de Lulú (1989), obra erótica que gañou o XI Premio Sonrisa Vertical e foi levada ao cinema por Bigas Luna no ano seguinte. O libro tivo un grande éxito e foi traducido a máis de 20 idiomas. O desmedido éxito da súa primeira novela, segundo declaracións da autora: "regaloulle a vida que ela quería vivir e xamais poderá saldar esa débeda". A súa seguinte novela, Te llamaré Viernes (1991), xa apartada do xénero erótico, non tivo gran repercusión. Si a tivo, en cambio, Malena es un nombre de tango (1994), que Gerardo Herrero adaptou ao cinema en 1996. Ese mesmo ano publicouse unha recompilación de relatos titulada Modelos de mujer, algúns xa coñecidos anteriormente por aparecer nalgunha das súas frecuentes colaboracións na prensa. Un deles, «El vocabulario de los balcones», inspirado nun poema do seu marido Luís García Montero, serviu de base para a longametraxe Aunque tú no lo sepas, que Juan Vicente Córdoba dirixiu no ano 2000.
Atlas de geografía humana (1998), Los aires difíciles (2002) e Castillos de cartón (2004) continúan a obra novelística da autora. Como as súas obras anteriores, todas transcorren na España do último cuarto do século XX ou principios do XXI, mostrando con técnicas realistas e introspección psicolóxica a vida cotiá de personaxes desta época. En 2003 publicáronse unha serie de artigos que apareceran en El País baixo o título de Mercado de Barceló e en 2005 continuou a súa obra breve con Estaciones de paso, un novo libro de relatos no que se recollen cinco historias curtas sobre a formulación que varios adolescentes realizan ante distintas situacións, que non son capaces de entender nin comprender, pero que, debido a que é a súa vida, han de vivir. A película Los aires difíciles, baseada na súa novela homónima, estreouse en 2006; dirixida por Gerardo Herrero, foi protagonizada por José Luis García Pérez, Cuca Escribano e Roberto Enríquez. En 2007 publicou El corazón helado, extenso e complexo relato no que se plasma a vida de dúas familias españolas ao longo de gran parte do século XX. Esta novela gañou ao ano seguinte dous importantes premios: o José Manuel Lara e o do Gremio de Libreiros de Madrid.
O 23 de marzo de 2007 estreouse a película Atlas de geografía humana, baseada na novela homónima. Protagonizada por Cuca Escribano, Montse Germán, María Bouzas e Rosa Vilas, foi dirixida por Azucena Rodríguez, amiga da escritora. A súa novela Inés y la alegría (2010) —coa que se inicia a serie Episodios de una guerra interminable—, que obtivo en México o Premio Elena Poniatowska, foi cualificada de "portentosa obra narrativa que, montada na tradición galdosiana escrita contra vento e marea, contra a tendencia xeral no noso tempo, de andar con présas, tanto ao lado de quen a constrúe como de quen a le". En 2018 consegue o Premio Nacional de Narrativa 2018 (España) por Los pacientes del doctor García.
Destaca Almudena Grandes a influencia que teñen, especialmente durante a súa adolescencia e que marcarán a súa obra, autores como Benito Pérez Galdós, Daniel Defoe –especialmente a súa obra Robinson Crusoe– e Homero coa súa Odisea. Estas obras marcarán o apego que sente a autora por personaxes do arquetipo de sobrevivente, non necesariamente náufragos, senón persoas que sobreviven arranxándose dun modo ou outro, fronte aos heroes, antiheroes etc. Así mesmo, como en moitos outros escritores españois, é de notar o grande influxo de Cervantes, que farán que Almudena Grandes tenda a construír historias complexas, con pequenas historias dentro doutras máis extensas. Pero non só foron escritores os que marcaron a obra de Almudena Grandes, senón tamén cineastas como Buñuel: “É difícil de detectar, pero (…) o final de Los aires difíciles está influenciado polo final de Viridiana.”
Almudena Grandes foi columnista habitual do diario El País e interlocutora nos programas da Cadea SER. Distinguiuse polas súas posicións políticas de esquerda, mostrando o seu apoio público a Izquierda Unida (España). Así, en abril de 2007, foi unha dos asinantes do manifesto «Pola convivencia e fronte á crispación», no que un grupo de intelectuais consideraba inaceptable facer do terrorismo "o eixo da oposición"; ademais, durante a manifestación convocada tras o atentado de ETA na T-4 do aeroporto de Barajas, leu a declaración «Pola paz, a vida, a liberdade e contra o terrorismo». Aquela traxedia, na que morreron dúas persoas, constituíu a ruptura da "tregua" que mantiña a organización terrorista no contexto das negociacións mantidas entre o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e a banda.
En setembro de 2020, Almudena Grandes foi diagnosticada de cancro. Faleceu en Madrid o 27 de novembro de 2021 aos sesenta e un anos, por mor do cancro de colon que sufría, e recibiu sepultura no Cemiterio Civil de Madrid.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Almudena Grandes, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.