Agustín García Calvo, nado en Zamora o 15 de outubro de 1926 e finado na mesma cidade o 1 de novembro de 2012, foi un gramático, poeta, dramaturgo, ensaísta, tradutor e filósofo español.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de outubro de 1926 Zamora, España |
Morte | 1 de novembro de 2012 (86 anos) Zamora, España |
Catedrático | |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Ideoloxía política | Anarquismo |
Formación profesional | Filoloxía Clásica |
Educación | Universidade de Salamanca Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | tradutor , filósofo , escritor , poeta |
Empregador | Universidade Complutense de Madrid |
Xénero artístico | Poesía, ensaio |
Lingua | Lingua castelá, lingua francesa, lingua inglesa, Grego antigo e lingua latina |
Premios | |
Realizou estudos de Filoloxía Clásica na Universidade de Salamanca, onde estudou coa primeira promoción de alumnos do mestre da filoloxía clásica española, Antonio Tovar. Doutorouse en Madrid aos 22 anos cunha tese titulada Prosodia y métrica antiguas. En 1951 exerceu como profesor catedrático de instituto. En 1953 ocupou unha cátedra de linguas clásicas en Sevilla e en 1964 na Universidade Complutense de Madrid, ata que a ditadura franquista o separou da cátedra madrileña en 1965 xunto a Enrique Tierno Galván, José Luis López-Aranguren e Santiago Montero Díaz por prestaren apoio ás protestas estudantís. José María Valverde e Antonio Tovar renunciaron a cadansúas cátedras voluntariamente como protesta contra esta medida. García Calvo exiliouse en París, onde foi profesor na Universidade de Lille e no Collège de France. Tamén traballou como tradutor para a editorial Ruedo Ibérico. Na capital francesa coordinou un parladoiro político no café La boule d'or do Barrio Latino. En 1976 foi restablecido na súa cátedra, na que permaneceu ata xubilarse en 1992. Despois foi profesor emérito da UCM.
Formou parte do Círculo Lingüístico de Madrid xunto con Rafael Sánchez Ferlosio e Carlos Piera.
Como filólogo fixo importantes contribucións á lingüística xeral, á prehistórica ou indoeuropea, á grecolatina e á do espofcont ("español oficial contemporáneo"). A súa teoría xeral sobre a linguaxe aparece desenvolvida na triloxía formada por Del lenguaje, De la construcción (Del lenguaje II) e Del aparato (Del lenguaje III) e nos artigos compilados no volume Hablando de lo que habla. Estudios de lenguaje (Premio Nacional de Ensaio de 1990). En 2009 publicouse a súa triloxía Elementos gramaticales, concibida como libro de texto para iniciar os adolescentes na gramática.
As súas obras máis destacadas no ámbito do pensamento son: Lecturas presocráticas, Lecturas presocráticas II. Razón común. Edición crítica, ordenación, traducción y comentario de los restos del libro de Heráclito, Contra el tiempo, De Dios e Contra la Realidad.
Como poeta publicou, entre outras, Canciones y soliloquios, Más canciones y soliloquios, Del tren (83 notas o canciones), Libro de conjuros, Ramo de romances y baladas, Sermón de ser y no ser, Valorio 42 veces, Relato de amor ou 4 canciones de amor perdido y el cínife. É autor de varias pezas dramáticas como Ismena, Rey de una hora e Baraja del rey don Pedro (pola que recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática de 1999).
Tamén editou varias series de artigos e colaboracións periodísticas que recollen diversos ataques contra aspectos da sociedade actual, tales como Contra la Familia, Contra la Pareja, Contra la Paz, Contra la Democracia, Análisis de la Sociedad del Bienestar, Noticias desde abajo e Que no, que no.
Por encargo do primeiro presidente da Comunidade de Madrid, Joaquín Leguina, escribiu o Himno da Comunidade, polo prezo simbólico dunha peseta.
Fernando Savater foi nos anos 70 o seu discípulo e tiña pensado elaborar con el unha tese de doutoramento, que nunca chegou a rematar. Porén, posteriormente as súas posturas diverxen radicalmente. Como escribe Savater na súa autobiografía, «foi fundamental no meu devir intelectual e moral encontralo, non menos que logo arredarme del».
Outros intelectuais españois interesados nalgún momento polo pensamento de García Calvo son Félix de Azúa (que tomou del a expresión "medios de formación de masas" e que lle adicou varias das súas obras poéticas) e Javier Marías. Sinalouse tamén a súa influencia sobre os derradeiros libros do poeta Miguel Ángel Velasco.
Na última etapa da súa vida coordinou o parladoiro político no Ateneo de Madrid.
A obra poética de García Calvo inspirou varias versións musicais, como as de Amancio Prada ou Chicho Sánchez Ferlosio.
Morreu o 1 de novembro de 2012 en Zamora, debido a unha insuficiencia cardíaca.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2021.) |
Nas súas obras e intervencións tratou de dar voz a un sentir anónimo, popular, que rexeitaba os manexos do poder. Esencial nesa loita é a denuncia da realidade, unha idea que se presenta como reflexo fiel de «o que hai», cando de feito é unha construción abstracta, na que as cousas son reducidas pola forza a ideas. Dese modo, mátase canto poida haber nas cousas de impredicíbel e infinito, e resulta posíbel sometelas a plans, esquemas e manexos. A xente, un caso máis de cousa, queda organizada deste modo en individuos, sometidos a unha dobre esixencia contraditoria: cada un ten que ser individual, e porén todos han ser sumables nunha masa numérica. Por fortuna, esta organización deixa sempre cabos soltos: ao que poida quedar na xente de ocorrencias imprevisíbeis, non sometidas a plan nin cálculo, refírese García Calvo como «o pobo».
O progreso do poder chega á súa cúspide nas sociedades democráticas, compostas por masas de individuos. Dado que o plan do progreso é introducir este sistema en todas as partes, a loita popular debe dirixirse contra a democracia, por ser esta o réxime que administra a morte do pobo nas sociedades máis avanzadas. Xa que o único certo do futuro é a morte, anticipar este —como fai o poder— con plans ou propósitos constantes é acercar a morte para desvivir a vida. A pervivencia de formas máis atrasadas de dominio (como as ditaduras comunistas ou as dos países musulmáns) serve para lexitimar, por comparación, a democracia burguesa, e debe considerarse por tanto un "trompe-l'œil".
Esencial para o poder e a realidade é a figura de Deus, que despois de tomar moitos nomes, como o de home, na súa forma máis moderna ou progresada preséntase co nome de diñeiro: unha idea omnipresente á que son reducíbeis todas as cousas (todo ten un prezo). A relixión deste novo Deus é a ciencia, cuxa misión esencial é manter actualizada a idea de realidade e convencer os individuos de que todo está baixo control: hai coñecemento seguro de todo, ou haberao co tempo. Porén, a investigación dos científicos, en especial a dos físicos, na medida en que é honesta, non deixa de presentar indicios da resistencia das cousas á súa redución a ideas.
Na democracia, o Estado e o capital son dous rostros da mesma cousa. A loita popular debe dirixirse contra ambos, sen converterse nunca nunha reivindicación (que supón recoñecer lexitimidade ao poder) nin unha alternativa de goberno (que non faría máis que contribuír ao progreso do poder). Esta loita non é individual (pois o individuo, construído a imaxe e semellanza do Estado, é esencialmente reaccionario e constitúe o primeiro inimigo do pobo), senón da xente, do que quede de pobo, por debaixo dos individuos e en contradición con estes.
Respecto dos nacionalismos, sinala García Calvo que parten da conversión do pobo indefinido e inmanexábel nunha idea (os pobos) manexábel e submisa ao poder.
A linguaxe ten un papel destacado na opresión do pobo, pero tamén na súa rebelión. As palabras con significado das linguas configuran unha realidade distinta para cada tribo. Na medida en que a linguaxe contribúe a crear a ilusión de que sabemos todo o que hai e como chamalo e manipulalo, constitúe unha arma contra o pobo. Porén, no uso común das palabras prodúcense continuamente indicios que apuntan ao contrario (a que non sabemos o que hai, nin a realidade cobre todo o que se dá), e nese sentido a linguaxe, que calquera pode usar pero que non é de ninguén, é a expresión popular por excelencia.
Exemplos concretos da loita contra a realidade podémolos encontrar no ataque ao automóbil (vehículo individual por excelencia) e a defensa do tren; na loita contra a concepción de que "Facenda somos todos"; ou na decisión de "escribir como se fala", fronte ao uso pedante da linguaxe por parte de eruditos, funcionarios e xornalistas.
Innumerables artigos de filoloxía e lingüística nas revistas Emérita, Estudios Clásicos, Revista Española de Lingüística, Saber Leer etc. e de política en Archipiélago, El País, Diario 16, La Razón etc.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Agustín García Calvo, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.