Adro Vello: Sitio arqueolóxico no concello do Grove

8°55′52″O / 42.477675, -8.9310583333333

A necrópole de Adro Vello é un sitio arqueolóxico localizado na costa norte da península do Grove, a carón da praia do Carreiro, que acolle restos dunha vila romana, con elementos que evidencian a práctica da salga de peixe, dunha igrexa de orixe visigótica e dunha necrópole de inhumación que se prolongaron entre os séculos VI e XVIII. Toda a construción está bordeada cara ó mar por unha serie de muros superpostos que intentaron protexer as construcións dos embates do mar.

Adro Vello
Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura
RexiónO Grove, Pontevedra
FundadoSéculo III
Notas do sitio
Acceso públicoNon

O nome da necrópole, Adro Vello, fai alusión á devandita igrexa. Xa no século XVIII tivo que ser trasladada cara ó interior, ó lugar no que hoxe se levanta a actual igrexa de San Vicente do Grove, traslado que explica que a necrópole quedase abandonada nese tempo para ser cuberta pola area e desaparecer da memoria popular, ata o seu descubrimento na segunda metade do século XX.

Xeografía

Como xa se dixo, o xacemento está situado na costa norte da península do Grove, fronte á praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Grove. Está levantado sobre unha plataforma litoral estreita que se abre, ó norte, á praia, e limita ó sur por un destacado outeiro rochoso, ó oeste pola Punta do Castriño e ó leste pola Punta Barcela e illas Barceliñas; inmediatamente ó leste do xacemento baixa un pequeno rego -hoxe estacional- que desemboca na mesma praia e que formaba un esteiro onde os habitantes do asentamento podían atracar e onde, probablemente, houbo salinas (imprescindibles para a actividade produtiva de salgado de peixe). A fronte costeira está protexida por unha serie de rochas que asoman sobre a superficie do mar e que proporcionan certa protección ante a ondada. En conxunto, constitúe unha localización prototípica doutros asentamentos romanos costeiros: costa baixa, unha pequena enseada protexida por puntas mariñas e un curso fluvial inmediato que proporciona auga doce.

A zona utilizada como vila romana e posterior necrópole conforma unha elevación areosa duns 170 m de lonxitude e 19-20 m de anchura.

Historia

Os restos máis antigos de ocupación humana deste lugar corresponden a un molde de arxila para fundir machados de bronce, que indican que o contorno xa fora habitado na Idade de Bronce.

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Indicador no lugar onde se atopou un molde para fundir machados de bronce

As primeiras edificacións pódense datar nos séculos III e IV d.C. A igrexa dátase no século VII. E a necrópole foi utilizada reiteradamente desde o século V-VII ata o XVIII. Tamén forma parte do complexo unha torre medieval, posterior ó século XII, e algunhas estruturas defensivas.

Foi a partir da construción dunha estrada de acceso a unha urbanización proxectada ó oeste do lugar (e que nunca chegou a levantarse) cando se detectou a presenza de muros e ósos humanos, descubrimento que motivou as primeiras escavacións. O caso foi que a estrada atravesa o xacemento e baixo ela, así como baixo unha vivenda levantada ó outro lado da estrada, quedou soterrada unha superficie que se estima na metade da área ocupada polas construcións.

"Hai uns vinte anos [o texto está escrito en 1963], cando finalizaban as obras de construción da actual estrada, atopáronse na praia do Carreiro, en San Vicente do Grove, varios sepulcros de pedra antropomorfos con grandes ósos dentro. Así mesmo, non lonxe deste lugar foi descuberta nos últimos meses do ano 1959 unha necrópole interesante, acaso paleocristiá e restos da baixa romanidade. Tanto esta necrópole como os sepulcros anteriores áchanse moi próximos ó lugar onde estaba a anterior igrexa de San Vicente do Grove"

As escavacións comezaron nos anos 70 do pasado século, se ben con longas interrupcións ata finais dos anos 80. Segundo explicaba ó profesor Carro Otero, as primeiras prospeccións se realizaron cando, en 1968, os temporais puxeron ó descuberto tellas e ósos humanos na praia do Carreiro. Foron estes achados ocasionais os que espertaron o interese dos expertos.

En 1971 realizáronse as primeiras prospeccións (xa veremos como xa na segunda campaña, en 1972, se descubriu a ara dedicada ó deus Deverius). Cara 1990 retomáronse as escavacións, que se sucedieron regularmente ata ben entrados os anos noventa, cando volveron a suspenderse. Xa durante o século XXI se realizaron novas prospeccións, pero sen continuidade e dirixidas a investigar aspectos concretos, como a delimitación exacta do xacemento (en 2002) ou a composición dos restos de peixes conservados no fondo das cubas de salgado (en 2017, cando un equipo da Universidade de Vigo realizou investigacións no lugar para estudar a orixe da industria pesqueira galega e, en concreto, os establecementos de salgado romanos en Galicia).

Aínda que nos primeiros momentos participaron na escavación personaxes do nivel de Fermín Bouza-Brey ou o profesor José Manuel Vázquez Varela, o groso da investigación correspondeu ó antropólogo Xosé Carro Otero (1942-2021).

Estrutura

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Detalle dos restos recuperados.

Adro Vello foi modificado e ampliado ó longo dos séculos nos que foi habitado ininterrompidamente, desde a actividade pesqueira en época romana ata a súa función relixiosa e funeraria desde a época tardo-antiga ata ben entrado o século XVIII. Segundo as escavacións realizadas ata hoxe pode afirmarse que está constituído por cinco áreas:

  • Unha vila romana (séculos III a V)
  • Unha fábrica de salga (séculos I a III)
  • A necrópole (séculos V-VII a XVIII)
  • Unha igrexa (séculos VII e XII)
  • Unha estrutura que puido ser unha torre defensiva ou un campanario

A vila romana

Unha vila romana, villa a mare como as que houbo en numerosos puntos da costa galega, datada entre os séculos III e V, e documentada pola presenza de muros, canalizacións de pedra, cuncheiros, pavimentos e mesmo restos de estuco pintado. Os muros perimetrais están formados por grandes perpiaños almofadados, típicos da arquitectura romana.

Ó longo das sucesivas campañas recuperáronse numerosos restos de cerámica de tipo castrexo e romana e unha doa de ámbar, o que indica a existencia dun comercio exterior.

As estruturas romanas foron devastadas por un incendio a mediados do século IV, e o espazo pasou a utilizarse como cemiterio.

A fábrica de salga

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Detalle das cubas de salgado de peixe

A fábrica de salgadura de peixe puido estar activa xa entre os séculos I e III. A primeira pía para o salgado de peixe foi descuberta na campaña de 1988, e nela aínda se conservaba unha capa no fondo duns 20 cm de espesor de escamas e espiñas de peixe. Posteriormente descubríronse tres pías máis, o que supón un volume de produción moi superior ás necesidades de autoconsumo, dato que acredita a existencia dunha produción industrializada e un comercio do que se descoñece a amplitude. Foron as primeiras estruturas deste tipo atopadas en Galicia.

As pías, cuadrangulares e cunhas paredes duns 30 cm de grosor, estaban coidadosamente revocadas cunha mestura de cal e grava, maiormente de cuarzo. Deste xeito asegurábase a impermeabilización das paredes e o lavado e limpeza do depósito, algo ó que contribuía o feito de ter as esquinas redondeadas.

A pouco máis de 300 metros ó leste do xacemento atópase a praia do Barreiriño. Cabe a posibilidade de que o nome indique un lugar de extracción de arxila para a fabricación das ánforas necesarias para o transporte de peixe salgado ou salsa.

A necrópole

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Detalle dun dos sartegos recuperados durante as escavacións

A necrópole, quizais o elemento máis característico de Adro Vello, estivo en funcionamento desde os séculos V-VII ata o século XVIII. Resulta imposible calcular o número de persoas inhumadas alí, pero xa se levan recuperados máis de 3000 esqueletos e ben pode chegar ós 4000 enterramentos. Os enterramentos dispóñense en ata dez capas de diferente cronoloxía e son de características e rangos moi diferentes, desde tumbas moi simples -a maioría-, directamente nun burato escavado na terra, ata sarcófagos labrados en bloques monolíticos de pedra, pasando por tumbas rodeadas por pedras en paréntese verticais, ou ladrillos ou tégulas, ou cubertas por lápidas, unha delas con inscricións gremiais referidas posiblemente a un canteiro.

Non resulta infrecuente que as sepulturas estean reaproveitadas para sucesivos enterramentos, e hai constancia de casos nos que unha mesma tumba acolle ata tres corpos. Tamén se observan acumulacións de ósos procedentes de amoreamentos de restos cando se debía liberar un espazo para un novo cadáver.

A igrexa

A igrexa considérase obra visigótica, do século VII. Está documentada historicamente desde finais do século IX, concretamente desde o 899, cando o rei Afonso III (848-910) confirma unha doazón previa, ratificada pouco despois por Ordoño II (871-924):

de Arauca mediatatem de ea cum sua ecclesia et suis salinis, sanctam Eulaliam de Alobre, que nuncupant Arenalonga et Sanctum Christoforum cum bonis suis, sanctum Uincencium de Ogobre cum suis terciis et cum hominibus

Da igrexa, que probablemente non sexa a orixinal senón unha reconstrución do século XII, só se conservan os alicerces, en fileiras de perpiaños que delimitan a nave, coa cabeceira orientada ó leste, a porta rebaixada ó oeste, e un anexo no lado sur. Na ábsida, rectangular, atopouse unha zona con pavimento de morteiro, primeiro, e outra con pavimento de ladrillos, despois. No século XVIII houbo de ser trasladada por cousa dos sucesivos ataques piratas e das condicións inherentes á súa situación tan inmediata ó mar do norte. A nova igrexa, situada máis no interior da península do Grove e a maior altura, foi construída a uns 500 m ó sueste, aproveitando as pedras da vella igrexa.

Conócese que el mar de La Lanzada se avanzó, pues la iglesia de San Vicente do Grove está a la orilla del mar bravo, cerca del promontorio y allí no ay casas. Por lo mismo el año de [1]745 se fabricó muy tierra adentro la casa del cura; y en este año de [1]755 se piensa trasladar al mismo sitio la iglesia parroquial. Es pequeña, a lo antiguo. Tiene atrio alrededor y en él vio, dos cosas singulares y que piden especial atención. La primera es una losa como de sepulcro, que está en el suelo del atrio, su largo de poniente a oriente. En la cabecera de la parte del poniente hay en el medio una cruz y debajo un solo renglón de letras muy claras y sin puntos... La segunda es que allí en el muro del atrio está incluso un grande sepulcro entero de piedra con caxa y tapa y está haciendo loma (con un signo) lo mismo que hay en el sepulcro de Santa Tramunda, en el sepulcro de San Martiño de Poyo y en el que en el año [1]741 se descubrió en Tomeza de la era de [1]622".
Avelino Ochoa: Da gran historia..., px. 94

Tal como quedou recollido no Libro de Fábrica de San Vicente (iniciado en 1688 polo párroco Pedro Mareque), a obra da nova igrexa contratouse en 1770 cos canteiros Serrapio, veciños de Santiago de Loureiro (Cerdedo-Cotobade). O 3 de febreiro de 1771 trazáronse os cimentos e o 1º de maio do mesmo ano bendecíase a capela maior e celebrábase a primeira misa, se ben as obras non remataron ata o 20 de outubro.

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Ara ó suposto deus Deverius

Durante as escavacións, descubriuse en 1972 nunha das paredes da igrexa unha ara romana, incompleta. A peza formaba parte, como material construtivo reutilizado, do muro norte da igrexa e mostra sinais evidentes de haber sido recortada para adaptala ó muro. Nunca se atoparon os fragmentos que completarían a peza e o profesor Carro supón que probablemente falten dúas ou mesmo tres liñas de texto.

A ara -a parte recuperada- mide 49 cm de alto, uns 25 cm de ancho e 21 cm de espesor máximo. Na cabeza distínguense tres vans rematados en arco de medio punto, que se relacionan coas Portas do Hades, o inframundo grego, e que tamén se observan noutras aras romanas atopadas en Galicia. No campo epigráfico pode lerse unha inscrición que di: DEO D / EVER, e que se interpreta como unha invocación a Devero, Deveros ou Deverius, unha suposta divindade indíxena mariña, quizais relacionada con Neptuno.

A torre defensiva

Unha torre defensiva altomedieval, posterior ó século XII, protexida por unha cerca da mesma época. Este conxunto defensivo tería unha función similar á doutras torres na costa galega na defensa contra os ataques normandos e piratas na Alta e na Baixa Idade Media.

Esta finalidade foi a proposta polo profesor Carro e tradicionalmente aceptada, pero existe unha segunda posibilidade: que se trate dun campanario exento da vella igrexa, pois a súa situación restaríalle funcionalidade como torre de defensa. Esta explicación tamén xustificaría o microtipónimo O Sineiro que designa o outeiro inmediatamente ó sur do xacemento.

A moeda da traslatio

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Réplica da moeda, coa imaxe da translación do Apóstolo.

Na campaña de 1985 atopouse na cara norte do muro perimetral da vila romana, unha moeda (un medio diñeiro de vellón) cuñada na ceca de Santiago de Compostela, que constitúe un exemplar único ata o momento. A moeda é dunha aliaxe de prata e cobre, mide 13,1 mm de diámetro (en sentido horizontal, pero 13,5 mm en sentido vertical) e ten 0,28 g de peso. Exponse desde o seu descubrimento no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

No anverso figura un león pasante á dereita, rodeado dunha inscrición: FERDINANDUS REX. Corresponde ó rei Fernando II, rei de León e Galicia entre 1157 e 1188, o que permite situar a moeda cronoloxicamente.

No reverso figura a que pode ser a representación máis antiga da Traslatio, a chegada dos restos do apóstolo Santiago a Compostela. Pode verse a imaxe dunha barca que ocupa case toda a superficie da moeda (11,1 mm de proa a popa e 6,2 mm de cuberta a quilla). Sobre a cuberta estaría o corpo do Apóstolo, do que se ve a cabeza na zona de proa, e as cabezas ou bustos doutros dous personaxes na zona de popa, que serían os seus discípulos Teodoro e Atanasio. Na zona superior da moeda lese unha inscrición S(ancti) IA / COBI (San Xacobe) dividida polo varal da vela, rematado nunha cruz.

O Códice Calixtino fala da translación do corpo do Apóstolo en varias ocasións, pero só a describe no Libro III, capítiulo I (e moi someramente no capítulo II). En ningún momento describe o tipo de barca no que veu desde Xerusalén ata Galicia, unicamente di que:

"Os seus discípulos, apoderándose furtivamente do corpo do mestre, con gran traballo e extraordinaria rapidez, lévano á praia, onde atopan unha nave preparada para eles. Subíndose a ela, lánzanse ao mar aberto, e en sete días chegan ao porto de Iria, que está en Galicia, e a remo alcanzan a desexada terra".
Códice Calixtino, Libro III, capítulo I (px. 440)
O corpo do santo apóstolo Santiago, por temor aos xudeus, foi recollido de noite polos seus discípulos e, grazas á compañía dun anxo do Señor, chegaron a Iafa, á beira do mar. E como alí dubidasen entre eles acerca do que debían facer, velaquí que de súpeto apareceu, por vontade de Deus, unha nave preparada. E con grande alegría soben a ela levando ao discípulo do noso Redentor e, izadas as velas e con ventos favorables, navegaron con gran tranquilidade sobre as ondas do mar, loando a clemencia do noso Salvador, chegaron ao porto de Iria".
Códice Calixtino, Libro III, capítulo II (px. 445)

Pero a tradición popular di que o corpo do Apóstolo foi trasladado ata Galicia nunha barca de pedra, ou ben sobre un pedrón sen barca (do que se di que un fragmento quedou en Iafa) ou ben sobre un pedrón transportado nunha barca. Existen diversas teorías que buscan explicar este feito, desde que se trataba dunha barca na que se transportaba pedra ata que se trate dunha evolución da lenda que di que, ó chegar a Padrón, os discípulos depositaron o corpo sobre unha pedra e esta rebrandeceuse, como se fose de cera, para amoldarse á forma do corpo, que quedou así baleirado nesa pedra.

En todo caso, na moeda represéntase como unha barca construída con taboleiros de madeira, con cadanseu mascarón na proa e na popa, do mesmo xeito que os barcos de carga da época. No tímpano de Santiago de Cereixo (Vimianzo) represéntase dunha forma similar.

Ata agora realizáronse algunhas réplicas da moeda, como a producida pola fundación Ruta Xacobea, que promove a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. O concello do Grove utiliza un cuño con este motivo para selar as credenciais dos peregrinos que fan esta ruta. Igualmente, a Deputación de Pontevedra subvencionou a creación dunha réplica en granito, a grande escala (120 cm de diámetro), realizada pola Escola de Cantería da Deputación e que se inaugurou o 21 de xullo de 2017.

Musealización do xacemento

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Vista cenital da área escavada, segundo un panel informativo colocado por Patrimonio en 2009, a carón do xacemento. No centro, en marelo, a igrexa visigótica; en vermello, os muros da vila romana; na parte inferior, en verde, as cubas de salga de peixe; en morado, as tumbas da necrópole; na esquina inferior dereita, a estrada e o chalé construídos sobre o xacemento

Desde as primeiras datas do descubrimento e trala recollida dos primeiros achados, os responsables técnicos das escavacións e os responsables políticos do concello, da Deputación e Xunta propuxeron e prometeron valorizar o xacemento mediante a musealización in situ dos restos, unha vella aspiración do profesor Carro que insistiu nela en canto tiña ocasión e ante calquera que quixera escoitalo. O principal problema para levar adiante este proxecto consiste na necesidade de levantar a estrada provincial EP-9106 que atravesa a área a protexer: a única solución para continuar as escavacións consiste na desviación da estrada e na expropiación dunha vivenda particular na marxe sur da devandita estrada, tamén construída na área de interese arquelóxica. Como dificultade inmediata para conseguir este obxectivo estaría a confrontación de competencias entre as diferentes administracións, de distinta cor política (concello, Costas do Estado, Patrimonio, Deputación). Por suposto, tampouco axuda a necesidade de achegar o orzamento que sería preciso.

A pesar do aparente acordo entre tódolos órganos interesados e o recoñecemento unánime do seu valor histórico e arqueolóxico, o feito é que despois de case 40 anos desde o comezo das escavacións, en 2022 non só non existe tal museo senón que tampouco se coñece que se estea estudando.

As propias escavacións e os restos que ían descubrindo tamén sufriron as consecuencias destes problemas debidos, en boa parte, á exposición á intemperie das estruturas e restos exhumados. As campañas fóronse realizando máis ou menos regularmente desde o ano 1985 ata o ano 1991, en que foron interrompidas ó alcanzar a estrada. Desde entón realizouse algunha campaña máis, de xeito esporádico e sen continuidade, quedando a superficie escavada a monte, e mesmo non houbo constancia en algo tan simple como o mantemento do peche que a circundaba: houbo temporais que botaron abaixo os pés inmediatos á praia e a ondada chegou a erosionar a duna e esparexer ósos pola praia. A prensa local falou en ocasións de expolio e roubo dos restos que quedaban á vista, pero non houbo constancia de tales feitos. Cómpre indicar que cando se construíu a estrada sobre o xacemento, a area que foi desprazada para a súa cimentación foi botada sobre a duna da praia, e esa area contiña numerosos ósos; posteriormente, os arqueólogos non os tiveron en consideración ó estar completamente descontextualizados.

Esta situación deu lugar a unha situación de abandono que deu pé a numerosas denuncias e acusacións cruzadas de desinterese e de incumprimento de responsabilidades. As devanditas denuncias ocuparon as páxinas da prensa e formaron parte da orde do día de diferentes debates no concello, na deputación e mesmo no Parlamento de Galicia. O propio Concello -nese momento do PP- autorizou a colocación de contedores de lixo acaroados ó peche da escavación ou habilitar como aparcadoiro as zonas inmediatas ó xacemento, onde se sabía con seguridade que había restos aínda non escavados; mesmo, persoal do Concello cavou unha gabia ó todo o longo do peche, e pegada a este, para habilitar unha condución de auga para as duchas da praia.

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Cartel indicador do xacemento de Adro Vello

Xunto ás numerosas denuncias non faltaron innumerables reunións, acordos e comisións, das que xurdiron continuas declaracións e promesas de, por fin, solucionar os diferentes problemas burocráticos, pero tampouco callaron en feitos e todas foron sistematicamente incumpridas. Así, por exemplo, segundo o alcalde do Grove "As escavacións de Adro Vello, no Grove, estarán en condicións de ser expostas ó público en 1993, trala confirmación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio dunha partida de 20 millóns de pesetas. Con ela procederase ó peche e valado do recinto e á expropiación de terreos que inclúen un chalé próximo e o desvío da estrada".

Non se sabe que se fixo con esa partida de 20 millóns de pesetas, nin tampouco co orzamento de 150.000 euros que a Deputación en 2003 anunciou que se habilitarían para a compra da vivenda inmediata ó xacemento e os terreos que foran precisos para a necesaria ampliación. Outro exemplo foi o anuncio da Consellería da Cultura, en 2001, de proceder a construír unha cuberta provisional sobre o xacemento ese mesmo ano, que se substituiría por unha cuberta definitiva no 2002. Vinte anos despois, nada disto se fixo.

Adiantando acontecementos e unha vez coñecido o paso transcendental de iniciar o expediente para declarar BIC Adro Vello, xa se levantaron voces que reclaman a devolución a este futuro museo local, xa algo máis próximo, daquelas pezas que se foron descubrindo ó longo dos anos e que hoxe forman parte de museos e institucións de Pontevedra e Santiago e mesmo mans privadas:

Ademais dos achados que se incorporen coas novas escavacións, terase que devolver a Adro Vello o material espoliado, espallado por diversos museos e ciscado por lugares privados. A moeda de Adro Vello debe volver, así como a pedra votiva do deus Devero e os sartegos... A deslocalización é unha característica do espolio do Patrimonio, porque ao subtraer un ben do seu lugar orixinario pérdese parte do valor cultural do xacemento e do obxecto, incluso aínda que estea noutro museo
Avelino Ochoa: "Do espolio e da descontextualización", en La Voz de Galicia 30.01.2022

Declaración de BIC de Adro Vello

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Area arqueolóxica de Adro Vello. En laranxa, a área escavada; en azul, o contorno de protección

En febreiro de 2022 publicouse a apertura do expediente de declaración de Adro Vello, baixo a denominación oficial de "Zona arqueolóxica de Adro Vello", como Ben de Interese Cultural (BIC). A declaración como BIC do xacemento era unha vella aspiración e viña sendo prometida desde, como mínimo, o ano 2011 e foi acollida con alegría e esperanza por tódolos actores políticos, en contraste coa resposta escéptica do alcalde do Grove José Antonio Cacabelos, socialista, que declarou que "Adro Vello no necesita declaraciones, necesita fondos", sen os que "o mellor vai ser botarlle un camión de area por riba e tapalo", ignorando así o valor obxectivo da propia declaración e a capacidade xeradora de recursos que representa.

A declaración da Dirección de Patrimonio fundaméntase "no seu interese científico, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros no ámbito da Comunidade Autónoma", contemplando tamén o potencial que representa toda a ampla zona aínda sen escavar. Destaca a longa secuencia de ocupación, ininterrompida, que vai desde a época romana ata o século XVIII, "o que o converte nunhas das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular pola potencialidade da información que pode achegar".

Adro Vello: Xeografía, Historia, Estrutura 
Entre os elementos protexidos inclúese a igrexa actual de San Vicente e o cruceiro de Espadeñal

Pero non só comprende a área ocupada como vila romana e necrópole, senón que a zona protexida dentro da Zona arqueolóxica de Adro Vello inclúe un amplo espazo denominado "Contorno de protección", no que se levantan outras estruturas arquitectónicas modernas (actual igrexa de San Vicente, casa reitoral, hórreo e dous cruceiros), etnográficas (catro fábricas de salgadura contemporáneas) e o Castro do Castriño (habitado xa na Idade de Ferro ou de Bronce, situado a uns 500 m cara ao oeste e do que ás penas quedan restos, pero que deixou a pegada na microtoponimia: O Castriño ou Os Castriños). Inclúe así mesmo a franxa de 200 m que rodea estas estruturas protexidas.

A ampliación do xacemento cara ao sur (baixo a estrada e as leiras situadas na beira sur da estrada) xustifícase polas catas realizadas para delimitar a área con restos arqueolóxicos, como resultaba evidente con só observar as fotografías aéreas. Cara ao norte, o contorno de protección comprende unha franxa de mar e algunhas das rochas localizadas nos primeiros metros de costa.

O expediente de declaración como BIC tiña un prazo de resolución máximo de dous anos, durante os que xa quedaban prohibidas tódalas licenzas de obra, construción, demolición e parcelación, e anuladas as xa concedidas ata entón. A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia establece que, en todo caso, o réxime de protección aplícase de forma inmediata tras a publicación da Resolución. Finalmente o 26 de xaneiro de 2023 publícase no DOG a declaración de Adro Vello e a zona arqueolóxica circundante como Ben de Interese Cultural.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Información recollida dos paneis informativos situados ó pé do xacemento e na exposición sobre o mesmo realizada no Grove co gallo da Festa do Marisco de 2016.
  • Prensa diaria (de 1983 a 2022)
  • Anónimo (2013): Códice Calixtino. O Liber Sancti Iacobi en galego. Tradución e notas de Xosé López Díaz. S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Santiago de Compostela.
  • Caamaño Bournacell, José (1964). "El Grove, su historia". El Museo de Pontevedra (XVIII). 
  • Carro Otero, José; Millán González-Pardo, Isidoro (1976). "Ara con nuevo teónimo indígena en San Vicente de O Grove". El Museo de Pontevedra (XXX): 179–194. 
  • Carro Otero, José, e outros (1989): El yacimiento antropo-arqueológico de 'Adro Vello', en San Vicente de O Grove (Pontevedra-España), O Grove.
  • García Martínez, Manuel Carlos: Gran Enciclopedia Galega Lugo 2003, tomo 1, s.v. Adro Vello, Necrópole de.
  • Ochoa Gondar, Xosé Avelino, e outros (2021): Da gran historia da igrexa de San Vicente dos Groves, Parroquia de San Vicente [compilación de 15 artigos publicados entre 2019 e 2022].

Ligazóns externas

Tags:

Adro Vello XeografíaAdro Vello HistoriaAdro Vello EstruturaAdro Vello A moeda da traslatioAdro Vello Musealización do xacementoAdro Vello Declaración de BIC de Adro Vello Galería de imaxesAdro Vello NotasAdro Vello Véxase taménAdro VelloCoordenadas xeográficas

🔥 Trending searches on Wiki Galego:

Disolventes volátiles (inhalantes)ChatGPTGigi HadidRoscón de CaldasRosalía de CastroP versus NPInfinity WardManuela SáenzA lingua das bolboretasCopia por contactoLousameJaca8 de maioJunts per Catalunya (partido político)CSSBanda de Gaitas Lembranzas / Coral Aires de Bergantiños (Fonoteca 92)EscociaContactorOs PinosOs Castros, A CoruñaAbraham PérezContact1475Premio Nobel de FísicaUNESCOLisboaRobert LewandowskiFlaxeloEstreleiraPremios Mestre MateoCDC42GalipediaLingua neerlandesaISO 3166-12022Patronato de Protección da MullerXestaRosalía Fernández RialXenómicaFrancisco SampedroSexo analSoftware libreJuan Carlos Rodríguez CebriánViveiroDioclecianoParísMoucho comúnProvincia de OurenseO BierzoAymeric LaportePonta DelgadaDonicelaCampos de concentración franquistasParroquias de GaliciaPrepucio do clítorisItalia1942Luis Fraga EgusquiaguirreMarta DarribaRubén AlbésJake Gyllenhaal13 de novembroAna RomaníLondresFonoteca 92BarcelonaMalauiLista de programas de Televisión EspañolaA Pobra do BrollónFernando Alonso🡆 More