O Venres Santo é unha das principais celebracións litúrxicas do cristianismo.
Este día conmemórase a morte de Xesús de Nazaret, crucificado no século I. A Semana Santa chega a un dos seus días máis transcendentais, no que son numerosas as manifestacións tradicionais de devoción popular ao longo de todo o mundo.
Segundo os relatos do Novo Testamento, o gardas do Templo, guiados por Xudas Iscariote, arrestaron a Xesús nun terreo coñecido como Xetsemaní e Xudas recibiu en recompensa pola súa traizón trinta moedas de prata. Tras o arresto levaron a Xesús á casa de Anás, sogro de Caifás, o sumo sacerdote. Alí interrogárrono sen resultado e logo enviárono xunta Caifás, xulgándoo o Sanedrín. Eleváronse testemuños falsos contra el na procura dunha condena a morte sen resultado, e sen que Xesús retrucase; finalmente o sumo sacerdote preguntoulle directamente ser era o Mesías, o fillo de Deus ao que Xesús respondeulle ambiguamente "Ti o dixeches. E dígovos máis: A partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e vén entre as nubes do ceo". Daquela o Sanedrín concluíu que merecía a morte por blasflemia. Pedro que estaba sentado fóra, no patio, tamén negou tres veces aos alí congregados que fora un dos seus discípulos xusto como Xesús dixera.
Pola mañá entregaron a Xesús ao gobernador romano Poncio Pilato acusándoo de revolucionar ao pobo, opoñerse aos tributos ao César, e declarse Mesías e rei. Pilatos autorizou os líderes xudeus xulgar a Xesús segundo a súa propia lei e executar a sentenza, non obstante os líderes xudeus replicáronlle que non podían senteciar a morte.
Pilatos non atopou delito ningún e coñecendo que era galileo e pertencía á xurisdición de Herodes, que estaba en Xerusalén pola festa da Pessach. Herodes fíxolle moitas preguntas pero Xesús non lle dixo palabra e Herodes envioullo de volta a Pilato e este declarou que nin el nin Herodes atoparan delito ningún nel e que tras escarmentalo íao soltar. Pero a multitude, persuadida polos sumos sacerdotes, berraba que seguindo o costume da pascua de soltar un prisioneiro soltase a Barrabás, na cadea por unha revolta con asasinato, e que crucificase a Xesús, a muller de Pilato intercedeu diante o seu home por Xesús afirmando que o vira en soños . Pilato teimaba en liberar a Xesús pero diante a oposición do pobo tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo que el non era responsable dese sangue, soltando logo a Barrabás e tras mandar azoutar a Xesús entregoullo ao Sanedrín para que o crucificasen.
Xesús vestindo de púrpura e levando unha coroa de espiños cargou el mesmo coa cruz ata o lugar da execución, chamado da Caveira, en hebreo "Gólgota" e alí crucificárono con dous criminais. Xesús agonizou na cruz durante seis horas e desde o mediodía a escuridade cubriu a terra ata máis das dúas da tarde Cun grande berro, Xesús entreou a súa alma, tremeu a terra, as rochas fenderon, abríronse os sepulcros e o centurión e mailos que con el gardaban a Xesús dixeron aterrados "Verdadeiramente este era o Fillo de Deus"
Xosé de Arimatea, home bo e honrado, conselleiro do Sanedrín pediulle o corpo de Xesús a Pilato, baixándoo da cruz , levouno envolto nunha saba ata un sepulcro cavado na rocha, as mulleres prepararon perfumes e bálsamos e como xa despuntaba o sábado foron descansar, conforme o mandado. O primeiro día da semana volveron o sepulcro e atoparon a lousa quitada e viron que o corpo de Xesús non estaba, aparecendo dous homes con vestidos resplandecentes que lles dixeron que Xesús resucitara recordándolles as palabras ditas en Galilea "que cumpría que entregasen ao Fillo do Home nas mans dos pescadores, que o crucificasen e que resucitase ao terceiro día"
A Igrexa Católica considera o Venres Santo un día de xaxún e abstinencia obrigatorio, agás causas de exclusión recoñecidas, na de rito latino os crentes entre 18 e 59 anos han de gardalo reducindo a cantidade de comida habitual a un xantar e dúas comidas máis pequenas que xuntas non sobrepasen a comida principal en cantidade, estando prohibida a inxesta de carne aos crentes maiores de catorce anos. As igrexas orientais seguen as leis particulares de cada rito pero en conxunto ao igual que as igrexas ortodoxas seguen un xaxún estrito o Venres Santo.
No rito latino non se celebra a misa entre a Eucaristía da tarde da Xoves Santo e a Vixilia Pascual, agás raras excepcións autorizadas polo Vaticano ou o bispo local. Non se poden celebrar sacramentos, agás o bautismo para os que estean en perigo de morte, a penitencia e a unción dos enfermos. A comuñón distribúese dentro do servizo da Paixón do Señor, aínda que se pode levar en calquera hora do día aos enfermos que non poidan acudir ao servizo. O altar ha de estar por completo baldeiro e mais é costume librar as pías de auga bieita..
A celebración da Paixón do Señor celébrase despois do mediodía, idealmente contra ás tres da tarde, pero por razóns pastorais pode atrasarse. O sacerdote e diácono van revestidos de cor vermella, antes de 1970 ían de negro agás na parte da comuñón, cando vestían de violeta, e antes de 1955 usábase sempre o negro.
A liturxia consiste de tres partes:
Ademais do servizo litúrxico nalgúns lugares conmemórase o día co rezo do Viacrucis, onde por medio de catorce estacións lémbranse os pasos de Xesús camiño da súa morte, pódese realizar no templo, onde hai representacións pictóricas ou relevos das estacións, ou nas rúas arredor do templo, mesmo nalgúns lugares é tradición que fieis caracterizados dramaticen as diferentes estacións. En países como Malta, Italia, Filipinas, Porto Rico ou España existe a tradición de realizar procesións con estatuas que representan a Paixón de Cristo. En Roma, desde 1991 durante o papado de Xoán Paulo II, realízase un viacrucis con quince estacións.
Os cristiáns das igrexas orientais que seguen o rito bizantino, ortodoxos e grecocatólicos, denomínano "Venres Santo e Grande" ou simplemente "Venres Grande"
Non celebran a divina liturxia, agás cando coincide coa festa grande da Anunciación, o 25 de marzo para as igrexas que seguen o tradicional calendario xuliano que corresponde ao 7 de abril do gregoriano. Os sacerdotes levan vestimentas de cor negra e os ornamentos do altar póñense tamén negros, e así quedarán ata a divina liturxia do Sábado Grande.
Os fieis reviven os acontecementos dese día por lecturas públicas de salmos específicos e dos evanxeos, e mais tamén cantan himnos litúrxicos acerca da morte de Cristo. Na teoloxía ortodoxa, os eventos da Semana Santa non son simplemente unha conmemoración anual de sucesos pasados, senón que os fieis participan na morte e resurrección de Xesús.
Obsérvase un xaxún estrito, un xaxún negro, e así, tradicionalmente, os cristiáns bizantinos adultos abstéñense de consumir calquera alimento ou bebida o día enteiro, se non pon en perigo a súa saúde e os moi vellos ou enfermos poden comer despois da postura de Sol.
This article uses material from the Wikipedia Galego article Venres Santo, which is released under the Creative Commons Attribution-ShareAlike 3.0 license ("CC BY-SA 3.0"); additional terms may apply (view authors). Todo o contido está dispoñible baixo a licenza CC BY-SA 4.0, agás que se indique o contrario. Images, videos and audio are available under their respective licenses.
®Wikipedia is a registered trademark of the Wiki Foundation, Inc. Wiki Galego (DUHOCTRUNGQUOC.VN) is an independent company and has no affiliation with Wiki Foundation.